Compostela, Territorio das Mulleres: novas abordaxes municipais na construción da igualdade

A pesar de que hai varias décadas que se vén impulsando lexislación estatal e autonómica, así como políticas públicas específicas, para promover a igualdade de xénero, as desigualdades continúan presentes nos diferentes ámbitos e esferas sociais. Isto é así fundamentalmente porque estamos ante un problema público de tipo estrutural, vinculado coa hexemonía aínda vixente dunha cultura e dun sistema patriarcal, cuxa abordaxe é moi complexa. Pero, ademais, tamén é importante salientar que durante os últimos anos, coa presenza de partidos conservadores nos diferentes niveis de goberno, se teñen  producido importantes retrocesos nas políticas públicas de xénero que, entre outras cuestións, comportaron unha redución substantiva dos recursos dedicados a combater a situación e unha reorientación destas políticas, abandonando por completo a perspectiva emancipadora e os obxectivos transformadores. Lamentablemente, ditos retrocesos están tendo consecuencias directas para as vidas das mulleres.

Dende o goberno de Compostela Aberta consideramos que é imprescindible a implicación decidida de todas as administracións públicas na promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes, así como o traballo conxunto coa cidadanía e os axentes sociais, culturais e económicos da cidade. Co obxectivo de que se produzan avances reais, as políticas de igualdade deben ser deseñadas, en primeiro lugar, implicando ás persoas na transformación da sociedade e, en segundo termo, deseñando un modelo transversal que aposte pola diversidade de actuacións na abordaxe das desigualdades de xénero. Sobre estas premisas xorde Compostela, Territorio das Mulleres, un proxecto integral que comprende o deseño de ferramentas e enfoques innovadores a prol da igualdade. Compostela é un municipio onde converxen realidades e necesidades moi diversas, o urbano e o rural, pero tamén un territorio no que se xeran desigualdades e  onde a fenda de xénero está presente no acceso aos recursos e servizos, no reparto dos coidados ou no goce dos dereitos sociais, económicos e culturais. A través desta iniciativa municipal queremos promover unha maior conciencia social sobre ditas desigualdades, asegurar maiores niveis de compromiso  e visibilizar que o feminismo se atopa tamén entre os eixos vertebradores da axenda política. Un proxecto que pretende contribuír a un novo modelo de cidade.

Compostela, Territorio das Mulleres (tm.santiagodecompostela.gal) ofrece un novo espazo para a posta en común dos recursos existentes na cidade, en diferentes ámbitos, en materia de igualdade de xénero. Coa implicación das entidades e agrupacións de mulleres, dos axentes sociais e culturais e do sector económico, estase a construír un mapa de confluencias transversais dende unha perspectiva feminista, a través do cal terán maior visibilidade e accesibilidade recursos, lugares e equipamentos, de interese tanto para as persoas que vivimos en Compostela como para as que veñen a visitarnos, e que contribúen a que a nosa cidade sexa máis igualitaria e amigable coas mulleres.

Compostela, territorio das Mulleres é un proxecto pioneiro que, a maiores de ofertar estes recursos, sitúa o turismo como un área estratéxica e innovadora para facer de Santiago unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico. Para conseguir este fin, fíxose un chamamento ao sector da hostalería e a restauración da cidade para, dese xeito, convertelos en verdadeiros axentes motores do proxecto. A resposta foi moi positiva e xa se sumaron máis de vinte establecementos, non obstante, este proceso é aberto e todos aqueles que estean interesados poderán ir incorporándose a Compostela, territorio das Mulleres, en calquera momento, a través da sinatura dun decálogo de compromisos coa igualdade de xénero, formulado para este cometido.

En definitiva, Compostela, territorio das Mulleres constitúe unha intervención singular no territorio, que busca multiplicar as iniciativas en materia de igualdade e maximizar o seu impacto social. Unha política, cunha perspectiva radicalmente comunitaria, que quere contaxiar o desexo de transformar Santiago, partindo das experiencias e da vida cotiá. Un lugar a construír, a rastrexar, a descubrir de maneira compartida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.