A potestade de disolver o Parlamento e convocar eleccións é exclusiva do presidente da Xunta. Por tanto, corresponde a el tomar a decisión pertinente. Outra cousa é que logre convencer á cidadanía da oportunidade da resolución adoptada. Os argumentos empregados non convencen. Apelar á necesidade de estabilidade política para facer fronte aos grandes retos que se nos aveciñan só ten sentido se o actual presidente da Xunta recoñece que con 38 deputados (ante os 37 da oposición) non é quen de gobernar. Por formularmos preguntas voluntariosas que non quede: acaso Baltar o ten tan atado de pés e mans? Son as últimas editoriais do xornal ourensán La Región un anuncio da crúa realidade que se lle aveciña a Feijóo? A quen amarga un doce! Mais sexamos realistas: quizá se trate da constatación dun xornalismo máis agresivo que xa non vai ser exclusivo do vello patrón de Sabón.
As últimas enquisas mostran ben ás claras a perda de voto que está a experimentar o PP cara á abstención
A explicación é sabida por todos. Témola nas eleccións andaluzas e asturianas (estas últimas con peculiaridades) e a posterior semana chea de decisións drásticas. Griñán, raposo vello, soubo arriscar e agardar a que as medidas (im)populares pasaran factura a Arenas. E así foi. As últimas enquisas mostran ben ás claras a perda de voto que está a experimentar o PP cara á abstención. Non hai outra explicación para a proposta de reforma express da lei electoral. Non foi un globo sonda nin un serpe de verán; reflectiu con nidia claridade a situación difícil pola que está a pasar o PP nestes momentos.
Que adiantara as eleccións renunciando a esa vantaxe política reforza a idea de que Rajoy non pode agardar máis: rescate, solucións ás caixas (con preferentes incluídas), moi probábel rebaixa das pensións… Nin todos os afiadores galegos darían abasto para tanta tesoira. Velaí a razón fundamental do adianto, por outra banda máis que coñecida (aínda que ben silenciada pola prensa adicta, sobre todo ás subvencións): Rajoy ordenoulle a Feijoo adiantar as eleccións para ben dos populares.
Hai partido? Si. Pero hai que querer xogalo. E no combinado que se enfronta ao PP teñen que querer xogar todos e todas. O principal rival é o desencanto
Hai partido? Si. Pero hai que querer xogalo. E no combinado que se enfronta ao PP teñen que querer xogar todos e todas. O principal rival é o desencanto. Non podemos permitir que os votos perdidos polo PSdeG cara á abstención queden na casa unha vez máis. Temos que lograr que os 200.000 votos que abandonaron ao BNG ao longo da última década agromen de novo nas urnas; e temos que apostar por dar cabida a aqueles descontentos co PP; no canto de quedaren na casa, uns e outros poderán apostar por novas formas de facer política. Que eses desencantados acaben depositando a súa confianza no PSdeG, en EU, o BNG ou na nova plataforma política conformada por xentes de todo o arco político galego cunha clara vocación de conformaren un novo proxecto de corte nidiamente galego e defensor do autogoberno e do estado de benestar, vai depender da intelixencia de cada quen á hora de se dirixir á sociedade galega con propostas realistas e realizábeis (non por iso conformistas nin cumpridoras dos ditados do gran capital).
Alguén debería ocupar o espazo que vai desde o galeguismo de centro ata os valores dunha esquerda disposta a esgotar todas as vías que ofreza o sistema para desenvolver tanto o autogoberno como as conquistas sociais e laborais propias do estado de benestar
Semella que o PSdeG pecha filas co seu candidato. Parece que o BNG leva certa vantaxe, pois xa elixiu ao seu en Amio. EU aposta polo seu principal valor en Galiza: Iolanda Díaz. E os demais? É imprescindíbel mostrar a aquelas persoas que apostamos por unha nova vía que pagou a pena o esforzo feito, que nada foi en van. Hai que deixar atrás personalismos ermos que non conducen a ningures. Non podemos prestar atención aos cantos de serea que agora nos lembran que se este é de dereitas e aquel un dandi e aqueloutro un antisistema. Teño claro que se o BNG se sente orgulloso de ser cualificado como unha organización política abertamente de esquerdas (2,43 nunha escala de 0 a 10), o cal non se logra se non se pon empeño, alguén debería ocupar o espazo que vai desde o galeguismo de centro ata os valores dunha esquerda disposta a esgotar todas as vías que ofreza o sistema para desenvolver tanto o autogoberno como as conquistas sociais e laborais propias do estado de benestar e un desenvolvemento sustentábel que respecte o medio ambiente.
Fagamos que haxa equipo para que haxa partido e deamos a grande sorpresa a noite do 21O
Con coraxe haberá vantaxe. Coa unión de distintos segmentos políticos configuraremos un gran horizonte para o país. Négome a ter que me resignar por mor de caneos en curto e retesías estériles. Fagamos que haxa equipo para que haxa partido e deamos a grande sorpresa a noite do 21O.