A sesión parlamentar nº 42 do Parlament de Catalunya, celebrada durante os xa históricos días 6 e 7 de setembro, supuxo unha ruptura da orde constitucional española: un claro exercicio de soberanía pola maioría das forzas políticas catalanas, que optan desde 2015 por manter en común un polo independentista.
Junts pel Si e as CUP, desde a dereita e esquerda nacional, veñen de aprobar cos seus 72 votos dúas leis frontalmente contrarias á orde constitucional de 1978: a Lei 19/2017, de 6 de setembro, de referendo de autodeterminación de Cataluña, e a Lei 20/2017, de 7 de setembro, de transitoriedade xurídica e fundacional da República. Un exercicio do dereito de autodeterminación no corazón de Europa, en pleno século XXI.
Convén ler con calma o preámbulo da primeira Lei. Con expresivas palabras, afírmase que “L’aprovació d’aquesta Llei és la màxima expressió, doncs, del mandat democràtic sorgit de les eleccions del 27 de setembre de 2015 en què, en la decisió que pren el Parlament de Catalunya de culminar el procés amb la convocatòria del referèndum d’autodeterminació, hi conflueixen la legitimitat històrica i la tradició jurídica i institucional del poble català –només interrompuda a llarg dels segles per la força de les armes–, amb el dret d’autodeterminació dels pobles consagrat per la legislació i la jurisprudència internacionals i els principis de sobirania popular i respecte pels drets humans, com a base de tot l’ordenament jurídic.
L’acte de sobirania que comporta l’aprovació d’aquesta Llei és l’opció necessària per poder exercir el dret dels catalans a decidir el futur polític de Catalunya, especialment després de la ruptura del pacte constitucional espanyol de 1978 que representa l’anul·lació parcial i la completa desnaturalització de l’Estatut d’Autonomia de Catalunya de l’any 2006 – aprovat pel Parlament de Catalunya i referendat pel poble de Catalunya– mitjançant la Sentència 31/2010 del Tribunal Constitucional.”
Perante este acto de soberanía, de coherente desobediencia, a maquinaria do Estado español, xestionada polo PP co entregado apoio do PSOE e de Ciudadanos (máis de dous terzos do Congreso dos Deputados), tocou corneta. Daquí ao día 1 de outubro fican 20 días onde as forzas da Santa Orde Constitucional van intentar que non se celebre, ou que, se se fai, sexa unha chapuza, incapaz de sustentar algo tan serio como a desconexión catalana. Para iso dispón da diversificada batería de mecanismos de reacción creados ao abeiro da Constitución Española de 1978 (desde o Exército, o CNI e a Guardia Civil, até o Tribunal de Cuentas, pasando pola Fiscalía, a IGAE e a Liga Profisional de Fúbol) e, por suposto, a implacable Brunete mediática.
Alén dos movementos que se fagan dacó ao día 1 en Catalunya –e en especial, da forza que acade a Diada do luns día 11– cabe preguntarse cal é a relevancia destes acontecementos para o noso país. Os días 6 e 7 de setembro Catalunya facía a súa propia historia reclamando a súa autodeterminación; pero tamén facía en parte a nosa. Tales acontecementos obrígannos a posicionarnos individual e colectivamente fronte ao que significan. Como podemos valoralos? Como debemos posicionarnos os galegos e galegas? Como debe ser, no seu caso, o apoio a dar?
Coido que para entender o Procès desde Galiza, tres son as atitudes precisas.
- Respecto. Debemos respectar o proceso político catalán como a expresión histórica que é dunha sociedade moi madura do punto de vista da coesión civil e nacional. Isto conleva tentar comprendelo a fondo. Contextualizalo. Coñecer os seus actores e as súas motivacións profundas. Discernir os intereses de parte nos discursos e as mensaxes mediáticas que recibimos constantemente.
- Distanciamento Si, distanciamento. Unha das doenzas máis recorrentes da esquerda galega é a súa tendencia á mímese respecto de procesos políticos alleos, que abrazamos sentimentalmente até confundilos como se fosen nosos, facendo abstracción das nosas propias condicións e eivas históricas. Pásanos con Cuba, ou coa Revolución dos Cravos cada 25 de abril, e probablemente algúns galegos e galegas teñan a vana tentación de lamber a independencia propia en polo alleo. Advirtámolo con claridade: este mecanismo de sublimación, malia axudarnos a sobrelevar no día a día a distancia entre a nosa chunga realidade e o inalcanzable dos nosos soños, resulta contraproducente para facer unha lectura correcta da propia realidade e receitar a acción política que mellor lle acaia.
Por decilo brevemente: mentres o Parlament catalán facía historia, o día 7 de setembro, Carral –escollida a estes efectos como Magic Town galega– entregábase sen preocupación a disfrutar da súa Festa da Empanada. Non se sentiron “vivas!” por Catalunya nin proclamas rupturistas. Estábamos ao que estábamos: degustar a nosa propia empanada.
- A necesidade dunha análise desde os nosos propios intereses nacionais Facendo agora abstracción do que para o destino de Catalunya resulte da votación do día 1 de outubro – se é que felizmente chega a habela–, os movementos do 6-7 de setembro do 2017 están a xogar un papel esencial no “desatasque” do debate político español sobre a oportunidade dunha reforma constitucional, tantas veces procrastinada polas elites gobernantes do Reino de España.
Cada vez son máis as voces que, abandonando a equidistante referencia ao “diálogo” ou á improbable “negociación” con Madrid, manifestan a necesidade de desbloquear a situación con feitos políticos concretos. A escalada de tensión daquí ao día 1 de outubro vai ter, ao meu xuízo, ese efecto. Dito sexa máis explícitamente: a consecuencia máis probable do 1 de outubro non vai ser a independencia, porque nas condicións represivas que o Estado vai crear daquí ao día 1, vai ser difícil –subliño: non imposible– que se acade un resultado suficientemente lexítimo como para dar o salto sen rede ao vacío. Todo indica que, tras a correspondente cuota de represión, o escenario máis probable do día 2 vai ser un second best: o inicio dunha reforma constitucional que trate de calmar as ansias de maior autogoverno en Catalunya.
Esa reforma só vai ser real de mediar a suficiente presión política e social, non só en Catalunya, senón tamén en España. A votación do día 1 de outubro pode e debe ser o catalizador desa presión. Por iso, se desde o punto de vista democrático, por paradóxico que poda parecer, o inmobilismo do Reino de España só pode desbloquearse con acontecementos frontalmente ilegais, actos de soberanía, non debería extrañar que demócratas de todo o Reino apoien a celebración deste referendo, mesmo sen compartir un eventual resultado “independentista”.
O escenario do día 2 de outubro é onde Galiza e os seus intereses van verse directamente interpelados. Ese é o noso grande desafío, e cumpre moverse axiña. Apoiemos sen dúbidas o Procès, mais pensando en que o seu fruto máis probable sexa unha reforma constitucional onde Galiza deberá facer valer os seus dereitos e intereses nacionais.
Admirémolo se o consiguen, mais non “flipemos” coa independencia catalana: pensemos no que nos toca facer a nós. Non inflamemos as nosas proclamas cos enésimos exercicios narcisistas: construamos a nosa propia axenda política de alargamento do noso autogoberno. Tezamos consensos de país con humildade, pensando nos anos que nos quedan por diante para chegar á madurez nacional dunha sociedade, a catalana, que de xeito tan admirable é capaz de plantarse, berrar “prou”, e desobedecer con dignidade a un Reino tan desolador.