Concellos galegos: un mundo que non muta nin se inmuta

Casa do Concello de Agolada Dominio Público Xas

«Me gustas cuando callas porque estás como ausente. / Distante y dolorosa como si hubieras muerto». (Pablo Neruda, Veinte poemas de amor y una canción desesperada)

Xa pasaron corenta e pico anos dende a aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia e os nosos concellos seguen embobados cunha lei da administración local de Galicia, que non deixa de ser a fotocopia en branco e negro da lexislación do Estado

Constituídas case todas as corporacións locais galegas, elixidas o pasado 28 de maio, sería moi desexábel non deixar de lado, como aconteceu nos últimos mandatos, o debate cada vez máis urxente e necesario sobre as eivas, as maluras e as cuestións esencias que lle competen e incumben aos concellos galegos, para facer aflorar propostas e reivindicacións que deberían atopar acomodo nas páxinas dos boletíns oficiais, a fin de procurar unha mellor calidade de vida para o conxunto da cidadanía galega.

Xa pasaron corenta e pico anos dende a aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia e os nosos concellos seguen embobados cunha lei da administración local de Galicia, que non deixa de ser a fotocopia en branco e negro da lexislación do Estado. A día de hoxe o Parlamento galego aínda non se atreveu a aprobar a primeira lei de facendas locais de Galicia, prevista na anterior, talvez porque ningún grupo político ten o máis mínimo interese en dotar aos municipios galegos dun corpo lexislativo propio. 

Maiormente, malia superarmos as 30.000 entidades de poboación –tantas como hai no resto do Estado– e sermos a terceira comunidade máis envellecida e con menos fecundidade, aos alcaldes e alcaldesas galegas trémenlle as pernas á hora de esixirlle ao Goberno central que faga xustiza dunha vez connosco, a fin de que se teñan en conta as circunstancias diferenciais á hora de definir as correspondentes compensacións na participación dos nosos concellos nos ingresos do Estado. 

A Xunta e o Parlamento deberían esixir –e asumir– a súa condición de ‘institucións autónomas’ e demandar a competencia, para poñer enriba da mesa unha ‘planta local galega’, que dea a luz unha configuración político-administrativa-territorial propia, máis acorde coas características xeográficas galegas, co seu asentamento da poboación e coas nosas sinais identitarias, capaz de prestarlle servizos públicos universais e de maior calidade á veciñanza e afianzar, de paso, os nosos aspectos diferenciais.

A curto prazo, é imprescindíbel que os concellos, amais de forzar e acelerar o novo modelo de participación dos concellos nos ingresos do Estado, lle esixan á administración central e á autonómica que reasuman as súas obrigas, aliviando aos concellos da sobrecarga de competencias impropias ou financiándoas na medida dos seus custos reais

Mentres tanto, a curto prazo, é imprescindíbel que os concellos galegos, amais de forzar e acelerar o novo modelo de participación nos ingresos do Estado, lle esixan á administración central e á autonómica que reasuman as súas obrigas, aliviándoos da sobrecarga de competencias impropias ou financiándollas na medida dos seus custos reais, tal e como esixe a a lexislación estatal e a nosa indolente ‘lei galega de administración local’. E, claro, mentres non se supriman as deputacións, sería saudábel aprobar unha lei que as reduza ao seu mínimo expoñente e que as obrigue a cumprir os fins que lle encomenda a lexislación, para que garantan a solidariedade e equilibrio intermunicipal e aseguren unha prestación integral e acaída dos servizos de competencia municipal na totalidade do territorio provincial. Iso require, como mínimo, simplificar o seu abano competencial e a súa estrutura administrativa, reorientando o destino dos fondos –de todos os fondos– con criterios obxectivos e enfocados cara aos concellos máis pequenos e con menos recursos económicos. 

[O meu tío Lisardo discrepa dos que se empeñan en marear a perdiz, tratando de convencernos de que cómpre reducir os custos dos servizos prestados polas entidades máis pequenas, e para iso sempre nos propoñen as mesmas receitas: aumentar a poboación das entidades locais, mediante a fusións de concellos. Iso si, nunca falan de limitar outros gastos superfluos do Estado ou das autonomías ou da duplicidade ou triplicidade de servizos prestados nas cidades. 

Así que non convén distraerse máis da conta, porque serán estes concienciudos pensadores os que acabarán vendéndonos propostas para que se pechen colexios, centros de saúde e hospitais públicos, para suprimir as autonomías e para que todo se privatice, ata deixar aos máis necesitados sen a mínima asistencia, porque os dereitos dos indefensos sempre lle parecerán demasiado caros]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.