A fórmula aristotélica que designa a esencia das cousas exprésase através dun sintagma que usa o imperfecto do verbo ser. Xa que logo, para coñecérmonos a verdadeira realidade de calquera asunto, persoa ou cousa teremos de preguntármonos que era. Para o pensamento da Grecia, portanto, só existía atribución esencial sobre o pasado concluído, de tal xeito que, agora no caso dos individuos, como dixo Solón, non poderemos chamar feliz ninguén mentres viva, porque só seremos quen de xulgalo como tal afinal dos seus días. E razón non lle faltaba, pois mentres vivimos, a imaxe da nosa vida é totalmente incompleta e nela o esencial mestúrase co fortuíto e accidental, sendo sempre inseguro o coñecemento que podemos ter de calquera persoa; non en van todas e todos estamos envolvidas na mesma escuridade a respecto da nosa propia imaxe, algo incompleto e/ou provisorio como a de toda persoa.
Para coñecérmonos a verdadeira realidade de calquera asunto, persoa ou cousa teremos de preguntármonos que era
Mais felicidade á parte –creo que só os ignorantes ou quen padece algún tipo de deficiencia mental, amais dos e das mentireiras, confésanse felices— , o certo é que o prezo da verdade só é a morte, capaz de render conta da esencia das cousas cando estas xa non existen. Falo da imaxe dunha garrafa que chega á beira coa mensaxe de quen se afogou.
A voz grega para verdade é ἀλήθεια, isto é, non esquecemento, lembranza. Coñecer a verdade de alguén é rememorar o seu exemplo cando xa non vive, adquirindo esa vida unha necesidade que antes non tiña: de aí que, claro que non todas e todos nós, tratemos e fagamos por coidar a nosa imaxe e percorrido vital. Imaginem vitæ tuæ, que dicían en Roma.
Coñecer a verdade de alguén é rememorar o seu exemplo cando xa non vive, adquirindo esa vida unha necesidade que antes non tiña: de aí que, claro que non todas e todos nós, tratemos e fagamos por coidar a nosa imaxe e percorrido vital
Toda conciencia histórica descansa e conduce cara a unha conciencia crítica, sempre autónoma e razoadora, que trata de discriminar aquilo que mereza conservación do que implica reforma. Aquí, en tanto, penso que radica o compromiso colectivo cara á persoa, en primeiro termo, e cara á sociedade tras da que aquela alteza, bate.
Somos sociedade e somos colectividade de persoas. Porén, non é nada desaxustado considerar que os e as literatas do pasado (e falo sempre das mentes cultivadas e activas socialmente, das verdadeiramente produtivas, non das imitativas que se aproveitan dos xuízos alleos) son as e os creadores das persoas do presente. Ergo, os e as literatas do presente han asumir a tarefa de configurar os desexos das xeracións futuras.
Un dos maiores compromisos coa nosa propia realidade individual é o respecto cara a esa nosa entidade humana: tanto na súa vertente persoal como na colectiva, na comunitaria
A responsabilidade, pois, das e dos intelectuais, dos e das cultivadas de hoxe estriba na alimentación da conciencia da persoa do mañá afín de que senta unha predisposición especial cara á convivencia. Así, liberdade, igualdade, autonomía moral, democracia, solidariedade ou elegancia humana son conceptos que teñen autoría e que non choveron do ceo, que viñeron por cristalizar na actual conciencia culta do planeta e en virtude de que as persoas, non por acaso, somos fillos e fillas dun mesmo espazo cultural. Deste xeito, opino, un dos maiores compromisos coa nosa propia realidade individual é o respecto cara a esa nosa entidade humana: tanto na súa vertente persoal como na colectiva, na comunitaria.
Somos membros dunha comunidade e como tales deberiamos actuar. E somos persoas e tal que iso deberiamos movérmonos. Pensando, preguntándonos, ofrecéndonos solucións e atendendo ao noso pasado, unha das principias razóns, senón a máis, para comprendérmonos como o que somos.
Adoitamos sinalar que a curiosidade é a orixe de todo coñecemento. E con razón. Xa que logo, quen se pregunta e tenta procurar respostas crea coñecemento, mais tamén o crea quen se estraña pola visión e sente estupefacción ou sorpresa ao observar o mundo e tratar de explicalo activamente. Falamos, así, de cultura.
Para a persoa sen cultura, en cambio, sexa ou non individuo de certas lecturas, o que a arrodea semella estar rexido pola seguridade, a sinxeleza e a sintaxe evidente dos feitos da natureza. Todo –as ideas que se lle transmiten, as crenzas que alberga, as fontes de pracer e os costumes que a sosteñen— vén ser un simple datum que aí está e que parece que aí vai permanecer.
Para a persoa sen cultura, en cambio, sexa ou non individuo de certas lecturas, o que a arrodea semella estar rexido pola seguridade, a sinxeleza e a sintaxe evidente dos feitos da natureza
Que logramos, pois, co exercicio da conciencia histórica? En primeiro lugar poderemos asombrármonos polos logros humanos, recreármonos na alegría que implica o recoñecemento das liberdades individuais, a dignidade do ser humano e, en consecuencia, exercitar tamén o temor ante o feito de que de non coidarmos a arquitectura moral dos avances da civilización e a súa esencia, talvez se afunda a propia causa individual e colectiva dos seres humanos. Através do cultivo intelectual, pois, a persoa como que tende a estar alerta por medio dun estado de anímico escatolóxico capaz de facerlle prever os perigos que en definitiva sempre nos acechan. Pensa, razoa, involúcrase, coopera, respecta e axuda ao mantemento do persoal dirixido cara á colectividade.
Que é unha persoa culta? E non será quen se sorprende da artificialidade que enche o noso mundo, quen cultiva a conciencia histórica e critica e quen, sempre, se compromete coa continuidade do ser humano
Que é unha persoa culta? E non será quen se sorprende da artificialidade que enche o noso mundo, quen cultiva a conciencia histórica e critica e quen, sempre, se compromete coa continuidade do ser humano, claro que desde a solidariedade, o respecto, a elegancia e a conciencia do individuo? Todo o resto, xa o dizo Verlaine, é literatura: car nous voulons la nuance encore / pas la couleur, rien que la nuance […] et tout le reste est littérature.