Condenados a morrer de fame

É evidente que o Goberno Rajoy  vive fóra da realidade. Doutro xeito non se explica como, a poucas horas de rematar a vixencia da paga dos 400 euros aos parados sen dereito a prestación ou subsidio, esta non se renovara. Este Goberno pode deixar á intemperie os centos de milleiros de persoas que receben esta paga, da que non coñecemos nin o número de beneficiarios por mor da desidia, cando non da mala fe, da equipa de Rajoy.

Suprimirmos esta paga de 400 euros xeraría miseria, fame, exclusión e moito máis gasto público

Cáritas vén de nos explicar que con 400 euros é moi difícil vivir, pero si se pode manter unha vivenda, un teito. E sen teito non hai inclusión social posíbel. Manter esta paga garante que centos de milleiros de cidadáns non van  vivir debaixo dunha ponte e, xa que logo, manterán algunhas posibilidades de mellorar a súa formación e mesmo percurar algún emprego.  Suprimirmos esta paga xeraría miseria, fame, exclusión e moito máis gasto público: Gasto asistencial e, tamén, gasto represivo, pois que a inseguranza cidadá medraría de xeito moi considerábel. Mais este Rajoy só é quén de mirar de cadrar as contas da semana vindeira.

Non lembro se era Samuelson ou Lipsey o autor do primeiro Manual de Economía que estudei na Universidade. Mais sempre me chamou a atención o seu kennediano precepto “esta sociedade decidiu que as persoas han recebir certos ingresos para subsistir malia que non poidan traballar” . Semella que, na España do 2012, esta lei ficou derrogada e gañamos, xa, a liberdade de morrer de fame.

A redución do gasto militar e do fraude fiscal haberían prover os recursos precisos

O debate sobre o mantemento da paga dos 400 euros pon no foco a procedencia de lle garantir unha renda básica a todos os cidadáns, malia que non poidan traballar. Previría da exclusión social e do incremento do gasto policial e en seguranza e reactivaría o comercio, por se tratar de rendas destinadas ao consumo no seu cento por cento. A redución do gasto militar e do fraude fiscal haberían prover os recursos precisos.

A arricandeira: Reixa triunfa co seu musical Galicia Caníbal

GALICIA CANIBAL,O MUSICAL, de Antón Reixa, é o grande trunfador lúdico, festeiro e cultural deste verán 2012. O espectáculo mellora mesmo aquela lembranza da “movida” dos que a coñecimos de adolescentes. O remate é apoteósico e as interpretacións de todos, nomeadamente de Vítor Mosqueira, Iván Marcos, Teté Delgado ou a novísima Ana San Martín son moi brilantes. Un  espectáculo galego de moi alta calidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.