Confinamento

Cartel nunha libraría coruñesa informando das medidas adoptadas por mor do coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Seguimos co confinamento. Só levamos tres días. E o que nos queda. Ás oito saímos polas xanelas para aplaudir ás profesionais sanitarias. Ese foi o único contacto co mundo exterior. Toda esta experiencia era difícil de prever. Quen podería imaxinarse que iamos vivir algo así?

Está a emerxer unha nova sociabilidade a distancia na que moita xente se sentía moi confortable xa. Esta crise vai reforzar aínda máis o imperio das novas tecnoloxías como eixos centrais da vida económica, social e cultural

Se mergullo un pouco na miña memoria, vénme á mente aquela frase de que “Napoleón estivo confinado en Santa Helena”. Confinarse significa apartarse do mundo. É a mesma filosofía de Ich bin der Welt abhanden gekommen, a célebre canción dos Rückert Lieder de Gustav Mahler. Cheguei a ser un estraño para o mundo; vivo apartado del.

Aquí estamos a ser todas estrañas para todas. Está a emerxer unha nova sociabilidade a distancia na que moita xente se sentía moi confortable xa. Esta crise vai reforzar aínda máis o imperio das novas tecnoloxías como eixos centrais da vida económica, social e cultural, cando xa levamos vivida a quinta parte do século XXI. Se un ten a sorte de librarse do coronavirus, este confinamento non ten nada que ver con aquel famoso de Newton que sempre se pon como exemplo, no século XVII. Ou co confinamento do Decamerón. Isto é un ciberconfinamiento. Outra cousa moi diferente. Un confinamento a todo trapo, con wifi e todo un mundo audiovisual á carta ao noso dispor.

Ademais do terrible impacto sobre a saúde de moitos miles de persoas, a crise vai ter unhas consecuencias catastróficas para a economía. Expedientes temporais (e non temporais) de regulación de emprego, perdas millonarias para autónomos e todo tipo de empresas e… quen sabe o que nos deparará o futuro. Se cadra como resultado de todo isto dámosnos conta de que non se necesitan tantos postos de traballo presenciais. Moitísima xente está lanzándose estes días a comprar por internet, cando nunca o facía, e comproba que é máis fácil do que pensaba.

Pode ser que unha vez que termine a crise a xente estea tan exhausta economicamente que descenda o consumo. Pode ser que se viaxe moito menos. Pode ser que aprendamos que se pode ser feliz sen tanto aspavento, sen tanta compulsión por facer cousas cada vez máis extravagantes, por ir aos lugares máis afastados, por vivir a experiencia máis freak.

Podemos ir cara a un escenario de postcapitalismo social ou algo así. Veremos. O que si está claro é que esta coroa-crise marcará un antes e un despois

Pode ser que o sistema capitalista teña que ser repensado de arriba a abaixo e que nos vaiamos a un novo New Deal. Pode ser que os laboristas gañen non sei cantas eleccións seguidas, como sucedeu no Reino Unido despois da Segunda Guerra Mundial. Todo pode ser posible. Ídolos máis grandes caeron. O capitalismo neoliberal xa estaba moi tocado; isto pode ser a puntilla definitiva.

Ao final, aos ricos interésalles que os menos ricos teñan emprego e saúde. Se non hai liquidez económica, o capitalismo (que se basea no consumo e na circulación de diñeiro) non funciona. Se non hai saúde, os virus van alcanzar a toda a poboación. Non distinguen de nacionalidade, de condición social, de nivel de estudos nin de nada. A ninguén lle convén que unha parte da sociedade sexa vulnerable. Podemos ir cara a un escenario de postcapitalismo social ou algo así. Veremos. Tampouco hai que ter moita confianza nos grandes líderes mundiais que xestionan o cotarro. O que si está claro é que esta coroa-crise marcará un antes e un despois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.