Un verdadeiro Plan de cobertura do verán para Atención Primaria precisa de algo máis que repetir medidas xa experimentadas e que teñen demostrado que non solucionan os problemas de falta de cobertura asistencial
A Consellería de Sanidade presenta, 15 días antes do inicio do verán, o seu “PLAN DE COBERTURA DA ATENCIÓN PRIMARIA NO VERÁN DE 2024” facendo propostas, xa fracasadas, que actúan sobre as consecuencias das dificultade de cobertura de prazas en Atención Primaria, renunciando a actuar sobre as causas desas dificultades
Un verdadeiro Plan de cobertura do verán para Atención Primaria precisa de algo máis que repetir medidas xa experimentadas e que teñen demostrado que non solucionan os problemas de falta de cobertura asistencial na medicina de familia, na pediatría e, en menor medida, na enfermería, especialmente en zonas que incrementan a súa poboación durante o verán ou en zonas que xa son de difícil cobertura todo o ano.
O plan de cobertura precisa partir dunha análise rigorosa da situación real dos centros de saúde, das necesidades de profesionais de todas as categorías e das posibilidades de cobertura estable de todas elas
O plan de cobertura precisa partir dunha análise rigorosa da situación real dos centros de saúde, das necesidades de profesionais de todas as categorías e das posibilidades de cobertura estable de todas elas.
No caso de non ser posible esta cobertura haberá que analizar as causas desta imposibilidade e intentar modificalas e, se aínda así non é posible facelo, haberá que establecer incentivos específicos para cada centro e para cada causa, para favorecer que se poidan cubrir de xeito estable as máximas prazas posibles.
Este traballo non se fai en 15 días, por isto se ten reclamado da Administración sanitaria un Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que, de terse desenvolvido, xa tería feito esa análise, definido as necesidades de profesionais e posto en marcha as medidas incentivadoras necesarias para garantir a cobertura dos cadros de persoal e mellorar as condicións de traballo. Esta mellora das condicións de traballo é fundamental para facer atractivo o traballo na Atención Primaria.
Pretenden resolver o problema de falta de profesionais facendo traballar máis as poucas persoas que quedan e acurtando a formación do persoal residente
Hai algúns anos desde a Consellería de Sanidade lanzaron a consigna de que había que facer máis con menos, hoxe pagamos as consecuencias. Agora, desde a mesma Consellería, pretenden resolver o problema de falta de profesionais facendo traballar máis as poucas persoas que quedan e acurtando a formación do persoal residente.
Incentivar economicamente o traballo voluntario do persoal do Servizo Galego de Saúde e do 061, a maiores da xornada ordinaria, para cubrir as ausencias nos Puntos de Atención Continuada de Atención Primaria (PACs) segue na liña de facer máis con menos.
Non hai unha aposta clara da Administración sanitaria polo modelo de PACs, que sexan próximos á cidadanía, e que poidan dar unha resposta axeitada á continuidade asistencial, ás urxencias e ás emerxencias sanitarias. Esta falta de aposta fai que non se cubran prazas estruturais e que non se avalíen os plans funcionais dos PACs para que os seus cadros de persoal respondan ás necesidades actuais.
Hai algúns anos desde a Consellería de Sanidade lanzaron a consigna de que había que facer máis con menos, hoxe pagamos as consecuencias
A oferta de mobilidade temporal a algúns centros de saúde supón a renuncia á análise das causas da necesidade de cobertura neses centros mentres se opta por actuar unicamente sobre as consecuencias.
A oferta de traballar no verán a persoas doutras comunidades autónomas, sumada ás ofertas de determinados concellos de facilitar vivenda durante o verán a esas persoas, xa ten demostrado o seu escaso impacto na cobertura asistencial.
A novidade máis salientable do “Plan de Cobertura” presentado é que a Consellería de Sanidade pretende que o persoal residente, tres meses antes de rematar a súa formación, substitúa no verán ao persoal ausente dos centros de saúde, PACs e servizos de urxencias. A causa desta medida é que as persoas que rematan a súa formación como residentes este ano farano no mes de setembro, pois comezaron a súa formación tres meses máis tarde do habitual por mor da pandemia.
O documento presentado renuncia a actuar sobre as causas que xeran o problema de cobertura de prazas na Atención Primaria, que vai máis alá da necesidade de substituír ausencias por vacacións
Xa se ten manifestado estes días que é necesario clarificar como se vai garantir a supervisión das e dos profesionais aínda en formación e como se van realizar as adaptacións que poidan ser precisas no seu plan de formación, para respectar o deber xeral de supervisión e responsabilidade progresiva das persoas residentes, recollidos no Real Decreto 183/2008.
Esta falta de claridade na supervisión é unha das debilidades máis importantes da “Encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación” para que substitúan ao persoal especialista ausente nos centros de saúde, PACs e servizos de urxencias.
O documento presentado renuncia a actuar sobre as causas que xeran o problema de cobertura de prazas na Atención Primaria, que vai máis alá da necesidade de substituír ausencias por vacacións, xa que partimos de cadros de persoal minguados pola existencia de prazas baleiras, pola incidencia de baixas laborais relacionadas coas condicións de sobrecarga asistencial e coa renuncia da Administración sanitaria á planificación das necesidades reais de profesionais no conxunto da Atención Primaria.