Consignas que flotan

A ninguén lle importa se George Best, o excéntrico xogador do Manchester United que deixaba de beber só cando durmía, levaba unha contabilidade en B. “Gastei moitos cartos en mulleres, licores e coches de carreiras. O resto despilfarreino”, dixo o futbolista mentres Bárcenas bailaba “Popotitos” nalgún guateque inocuo.  Logo á estrela de fútbol que marcaba máis frases que goles fixéronlle un trasplante de fígado. Bárcenas seguía intacto. Máis pronto que tarde, Best morreu dunha hemorraxia interna, igual que Bárcenas.

O problema de todo o que está a pasar é que non pasa. Os mellores corruptos saben que -en teoría- para pudrirse teñen que ser xulgados. E mentres isto non acontece, mentres o tempo bule, os argumentarios dos partidos tocados encárganse de drogarnos as veas. Ruído de motos trucadas. As consignas taladradoras dos partidos, dos tertulianos afíns, que pretenden facer de nós algo que non merecemos, sáennos máis caras que un puticlub sen parking privado e son menos pracenteiros. Alomenos sérvenlles para calmar aos hooligans; as consignas son resultonas para manter en pé aos militantes cumpridores que precisan unha excusa para defender a súa dignidade ante a manda de descreídos.

O problema de todo o que está a pasar é que non pasa. Os mellores corruptos saben que -en teoría- para pudrirse teñen que ser xulgados. E mentres isto non acontece, mentres o tempo bule, os argumentarios dos partidos tocados encárganse de drogarnos as veas

Son frases que flotan, como as de Best pero de pésima consistencia: “Non esquezan, por favor, remitirse ao comunicado. Imprescindible. É importante recalcar que tan só existe unha contabilidade, se alguén replica que os pagos en B non van ao Tribunal de Contas sorrimos con desprezo. Xa saben: E en Andalucía que?. Interesante tamén a posibilidade de botarlle a culpa aos xornalistas dicindo que son os culpables de minar a Marca España con este tipo de titulares. E todos ao unísono, por favor, é importante convencer á xente de que se en todo isto hai algo de verdade é mentira. Logo, non se preocupen, farán o resto as enquisas a pé de rúa que 13TV fai na Calle Serrano. E fuxiremos do marrón montados en fakes, en ponis oficiais deixando un rastro de confeti, e gardaremos os escrúpulos no lugar de onde nunca deberon saír: aquelas caixas de habanos. Cohibas, claro, como los de Felipe”.

Bárcenas entrou no PP a mediados dos 80, xusto cando a Sociedade francesa Reynolds comercializou o rotulador antifraude, de tinta imborrable, destinado a evitar que negociantes e banqueiros falsificaran documentación e cheques. Pequeno cabrón. Non é casualidade.

Bárcenas entrou no PP a mediados dos 80, xusto cando a Sociedade francesa Reynolds comercializou o rotulador antifraude, de tinta imborrable, destinado a evitar que negociantes e banqueiros falsificaran documentación e cheques. Pequeno cabrón. Non é casualidade. O que pasa é que cando un rotulador así de práctico non cubre as expectativas de facer que un goberno baixo sospeita dea explicacións perde o seu encanto. As “falsas acusacións”, tal e como eles din, teñen que ser aclaradas con máis contundencia que as que acertan. Mentres esperamos por elas, é verán, as adolescentes cantan nas piscinas cancións de Coti a dúas voces. Todo está en calma.

Ademais, en canto o sistema nota que nos poñemos nerviosos, ao mencer aparece o CIS, coma unha magdalena de Proust, para lembrarnos con estatísticas cursis de que pase o que pase seguimos a confiar nos corruptos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.