Constitucionalistas

Somos unha sociedade moi de bloques e de tomar partido, sen mollarse moito iso si, pero tomar partido. Agora está en voga ser ou non ser constitucionalista, menúda parvada, como se quedase outra. O fondo é outro, poderíase definir tranquilamente como conformistas ou inconformistas. É así de sinxelo aínda que nolo vistan moito máis complicado.

O bloque dos conformistas saben, de feito, que conformarse non vende, por iso andan de forma tímida metendo unha idea: a reforma da Constitución. Medo me dá que sexan precisamente os que se conforman e veneran a Constitución os que falen de cambiala.

A realidade é que a blindaxe dos dous terzos fai necesario pasar por estes conformistas de PP, PSOE, C´S e se cadra de Podemos dependendo do día.

Non é motivo de alegría para aqueles que acreditamos nunha Europa de Pobos e que recoñecemos as distintas nacións e pobos que conforman o Estado. Cheira moito a que vai haber reforma, queda bonito e práctico na política dos Homes de Estado, o problema é saber a que custo. Dous principios básicos: descentralización e desconcentración están, na miña opinión, en serio perigo de extinción case como o lince ibérico. Coido que está a chegar un certo andazo centralista que precisamente camiña no senso contrario ao resto de Europa, coma sempre. Penso, e penso ben, que ata Manuel Fraga estaría en garda diante do que está por chegar, non se pode obviar a forza desconcentradora que Fraga exercía sobre Madrid, ao Cesar o que é do Cesar. A isto súmase un PSOE de mercenarios francotiradores que están, con disparos selectivos, causando baixas na socialdemocracia, aínda que sexa a da tortilla de patacas e un Podemos que na súa esencia comunista é de facto centralista e leva consigo esa marea que só é unha onda.

Mal panorama é o que chega para as competencias e as transferencias. A batalla de Catalunya é xa de todo o Estado, e Galicia vai quedar sen potencia e sen presenza, grazas ao noso Presidente apoucado e centralista, de galeguista nada.

Estou decatándome de que vou camiño de ser un conformista real coa Constitución, case mellor que non a toquen, máis vale malo coñecido... Non vaia ser que a costrución do Estado -aínda queda por facer e moito por transferir- retroceda e quede outros 40 anos ao servizo dos partidos da moqueta para que nada cambie.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.