Contedores bonitos, contedores feos. E a reciclaxe?

Presentación dos novos contedores para o lixo orgánico e inorgánico na Coruña © Concello da Coruña

O recente cambio dos contedores de lixo na Coruña espertou certo debate na cidade: se os contedores son bonitos ou son feos, se son modernos ou obsoletos, se teñen ou non un pedal e se fai falta ou non o contedor amarelo de envases da Xunta e Ecoembes. Xa vos adianto que non: co contedor de inorgánico, A Coruña recicla tres veces máis envases que a media galega: 62 kg por habitante e ano, no canto de 21.

Neste debate faltan dúas cuestións clave: En primeiro lugar: que tipos de contedores e sistemas de recollida favorecen ou prexudican a reciclaxe? E en segundo lugar: sería desexable na Coruña eliminar os contenedores da rúa? É posible facelo? Resposta: Si

Ante algunhas críticas, a actual concelleira de Medio Ambiente recoñece que os novos contedores non lle gustan a ela tampouco e que, para variar, a escolla é culpa da Marea Atlántica. De quen vai ser, se non.

Máis alá de que todas as opinións son lexítimas e os gustos son tan diversos coma as persoas, sorprende, e moito, que neste debate falten dúas cuestións clave:

En primeiro lugar: que tipos de contedores e sistemas de recollida favorecen ou prexudican a reciclaxe?

E en segundo lugar: sería desexable na Coruña eliminar os contenedores da rúa? É posible facelo? Resposta: Si, en amplas zonas da cidade, se hai unha aposta moi decidida pola educación ambiental e o traballo coa veciñanza. Ese é o noso modelo.

Durante o goberno da Marea Atlántica, visitamos moitas cidades e aprendimos das súas experiencias cos residuos. Estivemos en Oviedo, en Pamplona, en diversas localidades de Euskadi, en Barcelona, e chegamos a dúas conclusións: que sacar os contedores da rúa mellora enormemente o espazo público, e que o futuro da reciclaxe pasa por poder relacionar cada bolsa de lixo co seu produtor. Así pódese premiar a quen colabore cunha taxa do lixo máis barata, o denominado “pago por xeración”.

O goberno actual, preocupado por se os novos contedores son bonitos ou son feos, amosa escaso interese polo medio ambiente, e os datos falan en consecuencia

Todas estas reflexións están detrás da escolla do tipo de contedores, na que se priorizou precisamente o que agora falta no debate: o medio ambiente, o incremento da reciclaxe, co horizonte dunha cidade sen contedores.

O goberno actual, preocupado por se os novos contedores son bonitos ou son feos, amosa escaso interese polo medio ambiente, e os datos falan en consecuencia. Este mes soubemos que no último trimestre de 2020 se recolleron 56.000 kg menos de cartón ca no ano anterior, malia o incremento dos paquetes comerciais e as frecuentes imaxes de contedores azuis cheos. Estamos diante dun retroceso evidente, despois de que A Coruña recibira en 2017 e 2018 galardóns pola excelencia da cidade na recuperación de papel e cartón.

Outros avances na xestión de residuos durante o pasado mandato déronse na planta de Nostián. Segundo estudos da Universidade da Coruña, a recuperación de materiais na planta de tratamento de residuos medrou un 30% entre 2015 e 2018. Melloraron a separación nos contedores de rúa e a recuperación en planta, pasando do 15% ao 20% do total. Pero queda moito por facer: a UE pídenos recuperar o 50% dos materiais.

Outros avances na xestión de residuos durante o pasado mandato déronse na planta de Nostián. Segundo estudos da Universidade da Coruña, a recuperación de materiais na planta de tratamento de residuos medrou un 30% entre 2015 e 2018

Froito do mellor funcionamento na planta, medrou tamén a xeración de electricidade a partir do biogás, pasando de 90 a 230 kwh por cada tonelada de materia orgánica, un incremento do 250%.

Moitos esforzos se destinaron á prevención de residuos. O lixo na praia tras a noite de San Xoán pasou das 211 toneladas en 2015 a 93 toneladas en 2019, unha redución do 55% gracias ao programa Móllate de educación ambiental.

Tamén no pasado mandato, o Concello repartiu por primeira vez composteiros individuais para facer abono nas casas cos restos da cociña. A Coruña podería albergar case 1800 destes composteiros e dar un paso enorme cara o “Residuo Cero”, pero desgraciadamente o programa está parado dende o cambio de goberno. Nin sequera se lles aplican as bonificacións do 50% na taxa do lixo que acordamos en 2019, co PSOE xa no goberno local. Non se fixo ningunha campaña de concienciación, nin se rematou a licitación do contrato de recollida de lixo, nin se impulsou a licitación da planta de Nostián. Iso si: Albada vai cobrar máis. Pobre balance desta case primeira metade de mandato.

No pasado mandato o Concello repartiu por primeira vez composteiros individuais para facer abono nas casas cos restos da cociña. Desgraciadamente o programa está parado dende o cambio de goberno

Despois de repetir moitas veces o mantra da suciedade e a parálise, os resultados da Concellería de Medio Ambiente do goberno de Inés Rey son ata agora decepcionantes. Nin vemos mellora do espazo público, malia ser a súa promesa electoral estrela, nin apreciamos ningún tipo de compromiso coa protección do medio ambiente.

De feito, o retroceso é desalentador. E mentres concelleira e alcaldesa se debaten sobre se os novos contedores son bonitos ou son feos, soan os violíns da orquestra do Titanic.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.