Contra a escravitude e as trampas do Poder

“Venezuela é obviamente importante por ser a terceira provedora de petróleo do mundo. Diría que o señor Chávez -e o Departamento de Estado o secundará- non está velando polos intereses dos Estados Unidos de América”, George Tenet, director da CIA, 1997-2004

Non foi alguén que achegara no teórico e doutrinal moito ás esquerdas ou -no plano simbólico- tanto coma o que outrora supuxeran as loitas de emancipación lideradas por outros personaxes históricos; desde Martí ou Bolívar até Allende ou o Che Guevara. Pero si que foi, na altura de finais do século XX e comezos do XXI, o continuador das vellas aspiracións daqueles que non contaron nunca nun continente enteiro “sin piernas, pero que camina”, cincocentos anos despois da conquista e o espolio.

Foi, na altura de finais do século XX e comezos do XXI, o continuador das vellas aspiracións daqueles que non contaron nunca nun continente enteiro “sin piernas, pero que camina”, cincocentos anos despois da conquista e o espolio

No continente que padeceu a Videla, a Trujillo, a Pinochet ou á Contra e á ditadura militar brasileira, ou viu o xenocidio guatemalteco patrocinado por Ronald Reagan. Onde as desaparicións de disidentes en alta mar e as torturas nos penais militares foron norma para “erradicar a pantasma comunista” en plena Guerra Fría cando reprimir sindicalistas, estudantes universitarios, intelectuais ou artistas chegou a ser case un deporte. Onde as favelas e os cerros do extra-radio das cidades-burbulla infestados de miseria e violencia descoñecen a auga potable e a luz eléctrica. No mundo do narcotráfico ilegal e o asasinato a sangue fría, ou no cal os cativos remexen entre vertedoiros de lixo erguendo fusiles no nome de guerrillas e paramilitares, sen dereitos nin deberes alén de matar e morrer. Onde boa parte das veces o estado mesmo non é mais que algo afastado ao que nada lle deben. As administracións non chegan, porque os que as viñan ocupando tampouco lles importaba.

Onde enfermidades curábeis ou alimentos en mal estado levan por diante vidas e comunidades enteiras son desprazadas co empurre da deforestación e a agro-gandería extensiva. Onde un regueiro de mulleres son violadas -cando non se converten en carne fresca para o tráfico de órganos- e as redes de delincuencia organizada funcionan como a única escola. Onde non hai mais dunha década proliferaban democracias de cartón-pedra teledirixidas por elites políticas corruptas con dificultades para falar castelán de xeito intelixible porque pola mañá gobernaban no Sur, e pola noite descansaban no Norte. No patio trasero e alí onde hoxe mesmo traballadores das multinacionais mineiras son explotados de sol a sol por dous dólares ao día mascando coca para resistir a altura mentres a prole, no llano, inhala pegamento para fuxir do aburrimento.

Hugo Chávez foi quen desatou a rebelión que abriu un discurso contra-hexemónico e alternativo á bota neoliberal e deu forma, na instancia política, a parte de aquel soño do Subcomandante Marcos en Chiapas a mediados dos 90

Hugo Chávez foi quen desatou a rebelión que abriu un discurso contra-hexemónico e alternativo á bota neoliberal e deu forma, na instancia política, a parte de aquel soño do Subcomandante Marcos en Chiapas a mediados dos 90´s: rachar co relato e ciclo depredador dos Chicago Boys e as nefastas políticas miltonfriedmanas aplicadas coa man de ferro imposta coa Operación Cóndor, outorgando carta de cidadanía aos descamisados, aos pobos indíxenas e ao conxunto das maiorías sociais. Foi quen continuou a promesa da revolución cubana sen necesidade de emprender a vía insurreccional armada e sen implantar un réxime de partido único e graves restricións das liberdades fundamentais: o Socialismo do S. XXI

A súa influenza e berro de dignidade, soberanía e independencia estendeuse propiciando gobernos progresistas en Brasil, Bolivia, Perú, Ecuador, Uruguay, Paraguay... e fornecendo a integración da zona, erixíndose nun líder rexional indiscutible e nun referente mundial entre países e pobos non-aliñados nin pregados ás leis dementes do turbo-capitalismo. Foi a voz rexia dos pobos que rexeitaban as viles invasións imperiais e bárbaras de Oriente logo do 11-S, e outra mais sumando a favor do multi-centrismo contra os desequilibrios xeopolíticos, climáticos e as pulsións belicistas do vasto complexo militar-industrial no contexto predominante dos que propuñan a Fin da Historia e o crepúsculo das ideoloxías, ou o que é o mesmo: a condena a seguir tal cal aceptando para sempre o status quo.

No 2002, xenerais insurxentes financiados por E.U.A. -que desde 1945 intentou derrocar 50 gobernos e bombardeou 30 países, algúns deles democráticos- apoiados polo goberno de Jose María Aznar, dispuxeron a francotiradores que dispararon contra manifestantes para culpalo de reprimir ao seu propio pobo e xustificar un golpe de estado coa cobertura des-informativa dos medios de comunicación privados debedores dos intereses das grandes corporacións. Entre eles, tamén, medios españois perfectamente recoñecibles -de aí a continua caricaturización aquí, acompañada da minorización dos seus logros no económico e no social-. Pequenas conquistas ás que aquí non lle damos -non lle dabamos- valor algún: programas de vivenda digna, educación pública en todos os seus niveis, hospitais e centros de saúde, servizos sociais a enfermos, desempregados, maiores, programas de igualdade de xénero, programas de salubridade e saneamento, de seguridade laboral e promoción do emprego, fomento do cooperativismo, reforma agraria, promoción da cultura desde a infancia orientada ás clases populares ou erradicación da fame. Nun país que, na recesión global, crece ao ritmo dun 5.5% anual ao igual que o conxunto dun continente nun proceso de unidade e liberación que procura asentar as bases dun protoestado de benestar.

Colocou a Venezuela no mapa e na axenda das relacións internacionais coma un actor relevante aproveitando a súa posición xeo-estratéxica e a regalía dos recursos naturais: en tecnoloxía espacial, en cooperación ao desenvolvemento, no cumprimento dos Obxectivos do Milenio, etc...

O seu xeito de exercer e xestionar o poder -con doses altas de demagoxia e pingueiras populistas- foi a escusa perfecta nas democratísimas democracias europeas para esconder os éxitos da súa revolución cidadá, socialista e bolivariana

O seu xeito de exercer e xestionar o poder -con doses altas de demagoxia e pingueiras populistas- foi a escusa perfecta nas democratísimas democracias europeas, sometidas hoxe aos ditados de organismos financeiros internacionais fóra de control democrático que alí repudiaron, para esconder os éxitos da súa revolución cidadá, socialista e bolivariana. A revolución dos de abaixo e desde a concienciación do poder popular, para subverter a perfecta orde dunha oligarquía que, tanto alí como aquí, prefire masas atomizadas, contrariadas, entretidas e amedrentadas. Sobra dicir que, coma calquera proceso do tipo, non todo foron luces. Mais para recordalo constantemente sobra quen o faga. Pode que sexa tempo de mirar á outra beira do Atlántico e á lección de dignidade que deron algúns pobos latinoamericanos a prol da súa soberanía e independencia, xusto cando se esvaece por completo nos pobos europeos.

 

As trampas do Poder

En cada ocultación ou en cada información dirixida, censurada ou auto-censurada a tele-realidade fabrica os símbolos e os marcos cognitivos que perpetúan estruturas de pensamento

Son moitas e moi variadas. Cada mañá, en cada xornal, por boca de calquera tertuliano ben remunerado e do mais simplista e bo amigo da promoción do encefalograma plano. En cada campaña de propaganda e desprestixio. En cada ocultación ou en cada información dirixida, censurada ou auto-censurada a tele-realidade fabrica os símbolos e os marcos cognitivos que perpetúan estruturas de pensamento e o sostén da pirámide por medio do bombardeo de conceptos, imaxes, mentiras ou medias-verdades que se dan por sentadas.

Recentemente tivemos unha boa mostra coa operación a escala da des-lexitimación da protesta social, algo que vén sendo habitual desde o 15-M: “a Plataforma de Afectados pola Hipoteca ten vínculos coa contorna da ETA”. Todo é ETA. Tan só porque algúns membros desta plataforma cidadá acudiran a unha marcha en Biscaia a favor do re-agrupamento dos presos dispersos en penais españois e franceses ligados, directa ou colateralmente, á organización ETA. Non pensaron que algunhas desas persoas, ademais de ser -só- familiares de presos, puideron verse involucradas tamén en procesos de desafiuzamento? Tan simple coma iso, sen entrar no debate que suscitaría en si mesmo.

A estratexia consiste en provocar división e desconfianza entre a opinión pública e entre os propios activistas dun movemento incontrolable por xenuinamente popular e auto-organizado; así como tamén trataran de contaminar outros con idénticas prácticas, coma a que afectara á plataforma Nunca Mais. Lembremos as palabras de Jaime Mayor Oreja no 2003, en pleno shock post-Prestige e a conseguinte rebeldía nacional: “En el País Vasco estamos padeciendo las consecuencias de grupos como Nunca Máis. Lo que padecemos es la batasunización de la sociedad por parte de ETA. Su estrategia siempre ha sido crear estructuras sociales que, sin llamarse ETA, estaban al servicio de ETA”. Sempre botan man do mesmo mantra. O asunto é que, desta volta, resulta ineficaz. Pólvora mollada que indica ata que punto algúns se senten superados e só parecen preocuparse pola conservación do status, da súa orde e privilexios.

No canto de pedir perdón á sociedade por tan grave latrocinio consentido e por expulsar coas súas complicidades, accións e omisións a centos de miles de persoas das súas vivendas, inician unha ofensiva sen precedentes contra os seus representados

No canto de pedir perdón á sociedade por tan grave latrocinio consentido e por expulsar coas súas complicidades, accións e omisións a centos de miles de persoas das súas vivendas habendo millóns delas baleiras e inhibíndose de dar cumprimento á Carta dos Dereitos Humanos e á propia Constitución, inician unha ofensiva sen precedentes contra os seus representados: persoas de toda idade, ideoloxía e condición que loitan por facerse escoitar e pola propia subsistencia -en situación límite e de necesidade extrema- poñendo, con esta actitude, en risco a confianza na eficacia do sistema e lexitimando a manifesta violencia estrutural. O Poder deféndese cualificando de “acosadores” aos acosados nunha lóxica perversa que recorda a tempos que fican no mais escuro da memoria. O Poder fala de liberdade cando está suxeitado nun sistema de mercantilismo corporativo e tiranías privadas que exercen un control autocrático ilimitado.

Ninguén dixo que ser responsable político consistira só en planear arredor de botíns, evadir diñeiro a Suiza, cobrar comisións ou dietas por desprazamento sendo propietario de varias vivendas en Madrid, saír no papel couché, dar entrevistas a dobre páxina, gozar de prebendas a perpetuidade ou de retiros dourados sendo, por riba, sempre mansos cos grandes poderes económicos e nadando nun océano de impunidade. A erótica do poder debera ter algunha contra-partida.

Por iso o chamado escrache -dentro dos límites legais- non só é algo lexítimo e mais veces visto, se non que é absolutamente necesario para este novo tempo onde a democracia se converteu en algo vaporoso para tanta xente

Por iso o chamado escrache -dentro dos límites legais- non só é algo lexítimo e mais veces visto, se non que é absolutamente necesario para este novo tempo onde a democracia se converteu en algo vaporoso para tanta xente. Supón a evidencia do conflito social nun país que está despertando dos seus días de amnesia, viño e rosas cos seus altibaixos desde a chamada Transición.

Están mostrando unha paciencia infinita as clases traballadoras e os neo-escravos do Sur de Europa confiando aínda -inxenuamente- en que o endiañado proceso do círculo vicioso da débeda será reversible a través das canles habituais e establecidas. Se o Estado continúa en retirada e raptado polas elites e non cumpre as súas funcións básicas haberá quen estea disposto a re-apropiar para si a igualdade, a xustiza social e a democracia. A soberanía. Haberá quen re-apropie o espazo público e rache o monopolio dos que son vítimas dun secuestro por non atreverse a contestar as solucións que propón o Fausto moderno mentres a sociedade se desfai: demostración de alquimia capitalista e superioridade moral por parte do divino mercado, dos bombeiros pirómanos, en precario equilibrio coas necesidades máis inmediatas.

Estamos ante a clase política  máis cega, soberbia e irresponsable que se lembra: no canto de reaccionar, criminaliza. No canto de resolver, bloquea. No canto de mostrar sensibilidade, amosa os dentes

Estamos ante a clase política  máis cega, soberbia e irresponsable que se lembra: no canto de reaccionar, criminaliza. No canto de resolver, bloquea. No canto de mostrar sensibilidade, amosa os dentes. Moitos deles non son plenamente conscientes de que están de prestado e consentidos pola multitude e ao servizo desta, e non dos intereses da oligarquía nunha Monarquía Constitucional que nunca chegou a ser unha democracia plena. Non telo presente e rectificar pode traer consecuencias imprevistas a medio prazo, coma xa aconteceu mais veces na Historia. Nin todas as argucias xuntas poderán manterse se algún día, nesta fuxida adiante coa venda nos ollos, remata a función e comeza o baile. A tempo están de reaccionar, ou darán por válida aquela estampa de Castelao, tamén deputado no seu día:

-E pra que son os deputados?
-Eu non o sei, meu fillo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.