Contra a mirada – e a praxe – totalitaria: The Fel Manifesto

A Teresa Moure: ser de lus.

O obxectivo da FEL é, en esencia, combatir os efectos que a globalización económica está a ter no mapa sociolingüístico do planeta

The FEL Manifesto é un esperanzador texto escrito pola Foundation of Endangered Languages. Un texto que conviría ler en voz alta á meirande parte da clase política e intelectual cegada polo utilitarismo económico a curto prazo e a política institucional que o ampara. O obxectivo da FEL é, en esencia, combatir os efectos que a globalización económica está a ter no mapa sociolingüístico do planeta; como?: creando unha organización transnacional para gardar documentación – audio e escrita – relativa ás linguas en perigo de extinción, impulsando programas de sensibilización moral coas comunidades lingüísticas ameazadas e recuperando habilidades lecto-escritas nas mesmas, impulsando a súa conservación e visibilidade nos soportes mediáticos e as tecnoloxías da comunicación... e facendo énfase no valor e os beneficios da diversidade lingüística.

Para materializar estes obxectivos, a FEL fai énfase na necesidade dunha organización transnacional autónoma non constreñida ou influenciada, a priori, por motivacións raciais, políticas, de xénero ou relixiosas. Esta organización recoñecería que a investigación lingüística, no plano estrictamente científico, é inseparable do principio de libre determinación, individual e colectiva, e non debería traballar para ningunha autoridade política internacional, rexional ou local, co obxectivo de manter a súa independencia científica.

A FEL fai énfase na necesidade dunha organización transnacional autónoma non constreñida ou influenciada, a priori, por motivacións raciais, políticas, de xénero ou relixiosas

Estas dúas últimas liñas poden dar a entender que a Foundation of Endangered Languages ten un carácter totalmente apolítico. En absoluto; dentro dos obxectivos da organización está a monitorización de prácticas de recuperación lingüística e, tamén, a monitorización de políticas lingüísticas diseñadas fóra da razón instrumental do poder –ou contra poder– político.

Toda política –lingüística, económica, cultural– ten unha filosofía subxacente, e cando a política institucional renega da reflexión filosófica, utilizándoa só coma un instrumento de poder, precísanse urxentemente espacios públicos ou fundacions privadas que osixenen a súa constante manipulación das palabras. Porque nisto, precisamente nisto, é no que está a converterse a política e a comunicación realmente existente: estética sen ética, significante sen significado, desmemoria colectiva, pragmatismo mercantil, imaxe sen reflexión.

Porque nisto é no que está a converterse a política e a comunicación realmente existente: estética sen ética, significante sen significado, desmemoria colectiva, pragmatismo mercantil, imaxe sen reflexión.

A primeira estratexia da mirada e o discurso totalitario é a manipulación semántica e a obturación –ou manipulación– da memoria histórica. Deste xeito, a lingua e a memoria, que forman parte da antropoloxía profunda de todo ser humano para ser e estar no mundo, perde todo o seu pulo crítico e reflexivo e a súa potencialidade para construír lugares comúns na memoria colectiva.

A manipulación semántica atenta contra a profunda necesidade humana de comunicarse e recoñecerse mediante códigos semióticos estructurados. A manipulación da memoria histórica, sempre aberta á pluralidade de perspectivas, e sempre en movemento, dende un presente recordado, atenta contra a profunda necesidade humana de reter experiencias pasadas para poder, en termos prácticos, aprender das mesmas e proxectarse no futuro. A aprendizaxe, individual e grupal é imposible sen a capacidade da memoria para codificar, almacenar e recuperar información, e isto é tan certo para o ser humano como para o resto de especies.

Reflexionar seriamente sobre o pasado en común da humanidade é, tamén, reflexionar sobre as estratexias concretas e localizadas de dominación e resistencia que subxacen no uso da linguaxe e na producción de memoria colectiva

A día de hoxe, reflexionar seriamente sobre o pasado en común da humanidade é, tamén, reflexionar sobre as estratexias concretas e localizadas de dominación e resistencia que subxacen no uso da linguaxe e na producción de memoria colectiva. Se non queremos camiñar cara unha nova barbarie, tomarnos en serio a memoria e as palabras, é caseque un deber cívico.

Que a filosofía, as ciencias sociais e humanas e as filoloxías non teñan valor no mercado, non é, precisamente, ningunha casualidade. Mais, nun futuro non moi lonxano - é dicir, aquí, xa e agora - a vontade de conservación da bio-diversidade, cultural e lingüística, así como a vontade de conservación dos eco-sistemas e a satisfacción das necesidades básicas e radicais do ser humano sen encetar, novamente, procesos de acumulación-crecemento con fortísimos impactos socio-ambientais, serán tres vontades colectivas que tirán que confluir nunha, e non poderán pretender vencer a batalla política sen convencer na batalla das ideas e da metodoloxía aplicada.

Sería, xa que logo, de agradecer, que a comunidade científica galega, no eido destas tres disciplinas, tivese algo máis de presencia nos medios de comunicación públicos de Galicia

Sería, xa que logo, de agradecer, que a comunidade científica galega, no eido destas tres disciplinas, tivese algo máis de presencia nos medios de comunicación públicos de Galicia e puidesen investigar e debatir constructivamente sen tirarse os seus egos á cara e dende unha clara vontade de cooperación transversal entre departamentos. E sería, xa que logo, de agradecer, que tal comunidade partise de que existe un lugar no noroeste da península que se chama Galicia, chea, por certo, de nativos autóctonos chamados galegos.

Unha ciencia rexional con intención clara de intervención política local é, non só posíbel, senon tamén, necesaria, para solidificar social e institucionalmente un empoderamento - que non o poder -político que pronuncie STOP a esta barbarie e propoña alternativas e modelos diferentes dende a mesura e a reflexión, e non dende un estéril voluntarismo de adolescentes anguriados pola posible chegada dun paraíso terreal en plena apocalipse. Xesucristo, abofé, era bo rapaz, mais ser bo rapaz está ben para quen desexa salvar a súa alma e para a convivencia cotiá no recuncho privado, non para transformar realidades complexas, traumáticas e delicadas dende a intervención política, isto é, pública.

Facer posíbel o necesario, segue a ser, en palabras de Xosé Manuel Beiras, o leitmotiv dese cada vez máis impopular arte chamado política

Facer posíbel o necesario, segue a ser, en palabras de Xosé Manuel Beiras, o leitmotiv dese cada vez máis impopular arte chamado política. Sería deshonesto e innobre dedicarnos a proxectar formas narrativas e artísticas en Galicia para xustificar un inadmisíbel escapismo político en tempos escuros. Pode, podemos, a día de hoxe, os escritores e científicos galegos sacar tempo para influenciar social e politicamente sen resultar pedantemente autoritarios e solemnes e sen preocuparnos polas consecuencias académicas que poden resultar disto? Podemos e, creo, debemos. Agora, neste momento, debemos.

A liberdade e a vida son máis importantes que un título académico. A amizade, a forma máis pura de amor, tamén. Os títulos académicos, ao fin e ao cabo, apodrecen no marco dos cadros, a vontade de ser-cos-outros, re-existe perpetuamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.