É abril, e levamos xa case un mes en réxime de confinamento persistindo a emerxencia sanitaria mundial xunto á idea de estarmos vivindo en tempo real un proceso que terá un impacto maiúsculo na psique, na vida cotiá das sociedades e na organización futura dos modelos económicos e de produción contemporáneos. O capitalismo da catástrofe devén irremediablemente catastrófico, e precisa re-inventarse. Nalgúns estados, como na República de Italia ou no Reino de España, achegámonos ao ecuador deste encerro forzoso: Italia comeza a relaxar as súas fortes medidas de reclusión domiciliaria e, desta beira, prevese levantar paulatinamente algunhas delas a medida que se controle o primeiro envite desta epidemia que vén acompañada de consecuencias dunha transcendencia epocal histórica. Na República Popular China veñen de decretar unha volta aos confinamentos nalgunhas provincias, diante das sospeitas dun posible rebrote. Puidera acontecer no futuro por acó e, unha vez controlado este primeiro envite, teñamos que combinar espazos de liberdade limitada con tempos de reclusión ata a erradicación definitiva da epidemia ou a aparición dun remedio. As medidas de confinamento evitaron ata o momento 60.000 mortes en Europa Occidental e 16.000 no Reino de España, segundo apuntan algúns estudos académicos recentemente publicados.
No que atinxe ás consecuencias desta grave crise os primeiros datos de desemprego que fomos coñecendo (aquí ou nos USA, por exemplo) non atopan precedentes nin resisten comparativas, e isto fai pensar que entramos nunha realidade completamente nova e descoñecida. O impacto a este respecto é superior ao do crack de 1929 e a subseguinte Gran Depresión. Todo un tsunami nos mercados laborais, con rexións económicas enteiras hibernadas ou semi-paralizadas. Non acontecera tal nin nas guerras mundiais, pois inda nesas algunha actividade comercial continúa funcionando, e faise evidente que o cambio e as reformas que veñen terán que ser radicais nalgúns aspectos. Entraremos nunha fase de reconstrución, mais tamén de enorme inestabilidade social e política. Os gobernos terán que asumir un papel moito máis activo na economía, levando a termo políticas de re-industralización, re-ordenamento de sectores produtivos e abrindo o debate da redistribución da riqueza e o reparto das cargas, reformulando os mercados laborais. A Biblia do neoliberalismo, o Financial Times, recoñéceo pública e explicitamente.
Trump, Bolsonaro ou Boris Johnson, sendo algúns dos mellores representantes desa coalición ultra-dereitista internacional que puxo moi por diante os intereses do Capital sobre a Vida, comezaron a corrixir mornamente as decisións fascioliberais que arrastraban ineludiblemente ás sociedades á súa implosión caótica. No entanto, vivimos xa algo similar a unha catástrofe en todos aqueles sistemas sanitarios e políticos fráxiles azoutados por décadas de aplicación da necropolítica neoliberal, que produciu exércitos de excluídas e excluídos en forma de enfermos crónicos e discapacitados desatendidos, desempregados e traballadores pobres, anciáns con pensións de miseria, persoas sen teito e enfermos mentais ou inmigrantes sen redes de apoio nin protección social institucionalizada e suficiente. O capitalismo neoliberal só desexa e precisa corpos rendibles: man de obra barata e fieis consumidores semi-escravizados (De la necropolítica neoliberal a la empatía radical. Clara Valverde. Ed. Icaria).
As aseveracións de Boris Johnson nas primeiras xornadas da extensión da pandemia nas illas británicas debuxaban unha paisaxe de Dickens, mais a rectificación tardía non evitará tampouco un sufrimento que puido atemperarse se as primeiras decisión fosen claras e máis contundentes. Outro tanto acontecerá nos Estados Unidos de Norteamérica, no Brasil e no conxunto daquel continente. A situación nalgúns puntos urbanos de Ecuador, por exemplo, é arestora terrible. Quen non dispoña dun seguro médico en Boston (USA) enfróntase ao pago de 35.000 dólares polo seu tratamento e curación e, ao perder o emprego seis millóns de cidadáns, perden tamén o seguro asociado. Washington verase na obriga de buscar solucións a nivel federal. A disxuntiva se non sería: ou morrer, ou empeñarse de por vida. A necropolítica neoliberal é un desestruturalizador social que perpetúa todas as desigualdades por razón de clase, de xénero ou orixe racial. Dito doutro xeito: o neoliberalismo económico globalizado, e todo o que significou en canto aos modelos económicos e xeitos de vida, fíxose manifestamente incompatible co cumprimento mínimo dos dereitos humanos. Esta experiencia pono de manifesto como nunca antes diante dos nosos fociños, pois xa sabiamos perfectamente no que consistía e o que reproducía tamén no Terceiro Mundo e nos países en vías de desenvolvemento.
Nestes días fomos testemuñas tamén do nacemento dun sistema formalmente autoritario no seo desta UE posdemocrática (Posdemocracia, Colin Crouch. Ed Taurus): a Hungría de Víktor Orbán aprobou poderes extraordinarios e indefinidos pra o executivo e a suspensión do Parlamento mailas eleccións, contemplando castigos severos á oposición e á cidadanía discrepante, limitacións nas liberdades fundamentais ou a disolución da separación de poderes. A táctica de erosionar o estado de dereito desde dentro, co fin de acaparar máis poder político, leva practicándose en Hungría ou en Polonia desde hai anos ante a inhibición dos socios europeos. A deriva autoritaria servil ao Capital esténdese como a pólvora e este é o momento propicio pra avanzar e ila consolidando. Cunha UE debilitada e desorientada, omisións como a mantida diante da deriva polaca ou húngara xuntadas ao consumado Brexit, avanzan a posibilidade certa da súa desintegración ou a súa re-invención sobre novas bases. A tensión Norte-Sur intensifícase como nos mellores momentos da crise de débeda e as políticas austeritarias da Troika desde 2008. É descorazonador comprobar como se suceden patróns análogos, mais non miméticos, aos reproducidos nos anos 30 do século XX onde case ninguén advertía a emerxencia do monstro nazi-fascista. O que hai bastantes anos bautizara José Saramago como fascismo de garavata Armani, e podía representarse en figuras como Silvio Berlusconi, hoxe é unha versión moito máis áspera vindo da man dos Salvini, os Abascal, as Le Pen, os Orbán e tutti quanti, o cal supón unha ameaza explícita ás liberdades e dereitos fundamentais das maiorías populares.
Ao tempo que todo isto acontece as leis do comercio internacional saltan polo ar e comprobamos que “aliados” como Francia ou Turquía requisan material sanitario adquirido polo estado español. Comprobamos tamén como outros estados son vítimas destas prácticas, ou como algúns gobernos autonómicos coma a Comunidade de Madrid ou o goberno galego descoñecen o paradoiro de material adquirido a terceiros países. Tailandia vén de requisar material mercado por Alemaña pra entregalo aos USA. Polo tanto, USA róuballe a Alemaña en plena crise sanitaria internacional. Canadá e China foron tamén vítimas da usurpación de material sanitario por parte dos USA. A piratería é norma neste derrube do modelo neoliberal, e isto terá consecuencias nas relacións entre estados.
Neste remuíño entolecido e salvaxe, e para desviar a atención de problemas internos, a administración Trump pon prezo, como no Far West, á cabeza dun xefe de estado soberano: a de Nicolás Maduro vale agora 15 millóns de dólares, sendo acusado de narcotráfico. Barcos de guerra avanzan cara o Caribe ameazando á República Bolivariana de Venezuela, veciña do narcoestado colombiano que é dos poucos países que mantén intacto o tráfico aéreo co maior consumidor mundial de estupefacientes. Neste remuíño entolecido e salvaxe médicos franceses propoñen experimentar coa poboación africana na procura dunha vacina contra o Covid-19, cos riscos que iso tería para a extensión e descontrol da pandemia no continente negro. Isto esperta airada indignación, naturalmente, polas súas reminiscencias neocoloniais.
Reagan e Tatcher (supremacistas anglosaxóns pra quen a sociedade era un artificio inexistente, e só había un sumatorio de individualidades) inauguraran a era na que a redución do papel do estado e das administracións públicas á súa mínima expresión foi o paradigma dominante. Esta concepción da organización social hexemonizou as últimas décadas: o “estado mínimo” significaba que os sistemas de saúde e de coidados, educativos ou as infraestruturas fundamentais como a enerxía e o transporte serían obxectos mercantís que debían administrarse baixo criterios puramente economicistas. En base á súa rendibilidade monetaria. Supuxo o ataque aos estados de benestar pra enriquecemento corsario de iniciativas empresariais especulativas sen escrúpulos (Piratas de lo público, Antón Losada. Ed. Deusto) coa colaboración necesaria de políticos corruptos de toda cor e tendencia, desde neoliberais e conservadores a socio-liberais progresistas. As únicas tendencias toleradas dentro das lindes do sistema.
Todo iste panorama bate de cheo co cisne negro global: a "teoría do cisne negro", ou teoría dos "Eventos de Cisne Negro" foi desenvolvida polo matemático libanés Nassim Nicholas Taleb recollendo o concepto no que, cando un evento é unha sorpresa pra o observador e ten un grande impacto, despois do feito, este é racionalizado por retrospección. Sería un acontecemento difícil de predicir, pola baixa probabilidade de que aconteza, e que estaría fóra do curso agardado da historia, a ciencia, as finanzas ou a tecnoloxía. Un acontecemento de grande magnitude, como a desintegración dun Estado ou unha catástrofe humanitaria ou medioambiental. Un descubrimento extraordinario contra toda lóxica. Ou a implosión repentina dun sistema financieiro. Mais serviría pra calquera outra eventualidade imprevista cun alto impacto no devir histórico. Nassim N. Taleb sostén que os bancos e as empresas son especialmente vulnerables a este tipo de eventos, considerándoos moi perigosos, xa que estarían expostos a perdas moito maiores ás prognosticadas polos modelos estatísticos e matemáticos. Tamén que os científicos de toda disciplina (científicos sociais coma sociólogos, politólogos ou economistas incluídos, por descontado) sobre-estiman o valor das explicacións racionais sobre os datos actuais ou os modelos do pasado, infra-valorando a súa compoñente de aleatoriedade. O azar. E isto mesmo é o que presenta a pandemia internacional do Covid-19: abre a caixa dos tronos da historia, contra do que decretara erroneamente Francis Fukuyama na década dos 90´s do século XX (El fin de la historia y el último hombre, Ed Planeta).
Sostiña fundamentalmente dúas cousas nos últimos artigos sobre esta nova realidade publicados neste xornal dixital Shock e final dunha era e Res publica ou darwinismo social : por unha banda, que a situación encaixa nunha realidade sumamente complexa e inestable dentro do taboleiro da xeopolítica e as relacións internacionais adiantando mudanzas xeo-estratéxicas e novos equilibrios de poder na gobernanza mundial e, pola outra, que todas elas virán atravesadas por unha disrupción nos modelos económicos coñecidos que poden producir conflitos políticos de envergadura poñendo en risco as chamadas democracias liberais entendidas baixo parámetros occidentais. É dicir, as que contemplaban o estado social como fundamento democrático irrenunciable e indisociable do progreso. O camiñar e as saídas irán na liña da recuperación de espazos comúns e a extensión de dereitos e liberdades nunha perspectiva democratizadora, ou nunha fuxida cara a modelos inda máis anti-políticos, autoritarios e excluíntes. O que semella evidente é que nada ficará estático nin é posible a recuperación da “normalidade” que entendemos como tal, como indica Naomi Klein nunha entrevista recente publicada en El Salto. A violencia social era xa a normalidade instituída na dinámica da “acumulación por desposesión” da que falaba David Harvey hai anos. A dialéctica hegeliana resolverá.
Neste intre imos vendo reaccións preocupantes de involución democrática nalgunhas latitudes: Rusia penará con ata sete anos de cárcere a quen salte a corentena, Hungría estenderá de maneira improrrogable a excepción, e en Filipinas prodúcense conatos de protesta nas capas máis populares e desfavorecidas que comezan a non dispoñer de recursos alimenticios básicos mentres Duterte ordena disparar a matar, inaugurando unha sorte de “Xogos da Fame” e a lei da xungla. Isto é a culpabilización das vítimas, e a instauración da barbarie. Nos Países Baixos e noutros lugares animan a suprimir a premisa básica da ética social: desentendámonos de débiles e anciáns! Suponse que toda esta deriva autoritaria contraria ao “contrato social” na que os estados se abrogan poderes especiais sobre a vida, a morte e a liberdade das persoas debera deterse unha vez superada a crise sanitaria. Mais tamén é de supoñer que certas dinámicas se consagren e o camiño darwinista pase a ser norma e auto de fe. Fantasear co control e co imperio da vixilancia será unha tentación gorentosa dos centros de poder, pois o antagonismo seguridade/liberdade ou de clase determina a realidade social sen solución de continuidade desde a noite dos tempos, así como tamén a ambición de concentrar máis poder en poucas mans e protexer os privilexios económicos das minorías. Aproveitando esta crise sanitaria haberá multinacionais e gobernos interesados na fabricación de ferramentas tecnolóxicas que aumenten o control e vixilancia da poboación civil. Todas esas contradicións emerxen xa entre nós: tanto abrollan redes comunitarias e de apoio mutuo entre iguais como sae á luz a indecencia delatora desa subterránea gestapo da “España de los balcones”, coa consabida impunidade policial dándolle os retoques últimos ao cadro goyesco.
Desde que o estadounidense George Lakoff (No pienses en un elefante. Ed Península) nos ensinou que as palabras non son inocentes na linguaxe política e a disputa polo encadre fronte ao proposto polo adversario é o núcleo sobre o que se edifica a hexemonía na construción do imaxinario popular, a política representativa actual entrou no terreo acelerado da batalla por impoñer “un relato”. É o que acontece no Reino de España a respecto da crise que vivimos: a dereita e a ultradereita levan adiante, grazas a toda a maquinaria propagandística da que dispoñen, unha estratexia agresiva co fin único de derrubar ao goberno de coalición que leva tan só tres meses en exercicio. Coma se non houbera vida anteriormente. A directriz é agochar que a ausencia de políticas públicas eficaces en materia sanitaria, a privatización dos servizos e a corrupción teñen moitísimo que ver coa indefensión e a falta de ferramentas pra facer fronte a esta pandemia. Se contan, ademais, cunha sociedade desmemoriada, bombardeada coa des-información masiva e contaminada pola época a-científica de proliferación de ideas “terraplanistas” onde o pensamento crítico foi estigmatizado e arrombado desde a infancia, teñen moito gañado. Pra iso funciona o intento de culpabilización do 8M, as bandeiras a media asta e toda canta parafernalia e guerra cultural iniciaron. A idea é presentar a pandemia mundial e as mortes ocasionadas como algo evitable en España, e produto da neglixencia dun goberno centrado unicamente en impoñer a súa axenda ideolóxica. Coma se eles non tiveran ideoloxía.
Manobras de despiste a gran escala, contra toda lóxica...que funcionan. O segundo obxectivo é preparar o terreo ante as dificultades económicas xigantescas que virán pra millóns de persoas que desconfían e non cren xa no sistema político: o que abre a porta a que a demagoxia e as solucións totalitarias seduzan a grandes masas de poboación como aconteceu noutras etapas históricas.
Se aplicamos esta lóxica á situación no noso país, a cuestión funciona á inversa: Feijóo intenta levar adiante unha estratexia consistente en dicir que el anticipouse a esta crise porque ordenou pechar comercios e bares un día antes do decreto de estado de alarma. Todo o malo que aconteza no noso país a nivel sanitario nos vindeiros días é responsabilidade última e única de Pedro Sánchez e, especialmente, de Pablo Iglesias, principal inimigo a bater no campo político na xestión da crise social que acompañará á económica. Feijóo fois sempre un mago do escapismo: os seus primeiros anos consistiron en botar balóns fóra responsabilizando ao goberno bipartito, e estes tempos consisten e consistirán en responsabilizar ao goberno central de Madrid. É imperiosamente necesario que as galegas e galegos esquezan a década negra neoliberal e o ataque á saúde pública destes últimos anos desde San Caetano.
A situación nalgunhas das residencias de maiores privatizadas no noso país é dantesca e inhumana “Una puta locura: morirá mucha gente porque las cosas están muy mal y lo están tapando” , o que é responsabilidade exclusiva das súas políticas privatizadoras e favorecedoras do lucro de empresas afíns que fan negocio coa vida e benestar das persoas. No estado español, o negocio do “coidado de maiores” move arredor de 4.500 millóns de euros, onde multinacionais e fondos-voitre controlan o 75% das prazas neses centros da terceira idade que son, máis ben, aparcadoiros de anciáns.
É tempo de que os grupos da oposición ao goberno Feijóo escenifiquen e executen toda a coordinación e unidade posibles erguendo a voz dos milleiros de persoas que levan anos en movementos e plataformas en defensa da Sanidade Pública, ademais doutras moitas loitas. É vital darlle a volta á ausencia de políticas públicas que se levaron a cabo nos últimos anos en materia sanitaria e socio-sanitaria. Usaron as institucións contra os intereses da maioría social e do común da cidadanía. Aquí na Galiza son empresas multimillonarias con vinculacións estreitas co corrupto PPdeG as que xestionan boa parte destes xeriátricos aos que me refiro, onde o obxectivo primordial é obter beneficios. Os coidadores e a xente maior son a última carta da baralla, pois o interese central é o enriquecemento e non a atención que merecen. Políticas homicidas, con responsables directos nestes últimos anos. Contra o que sería desexable, nestes días somos testemuñas directas do que significou a negra década neoliberal de Núñez Feijóo. A situación de indefensión nos centros privatizados é, graficamente, o resultado de once anos de des-goberno e do maltrato a un dos piares básicos e prioritarios que sosteñen a convivencia social.
Mais é abril, mes da primavera solleira e dos cravos portugueses. Mes do levantamento de Solís en Lugo e da revolta dos “Mártires de Carral” no 1846. Imaxinemos e soñemos entón alternativas e outro futuro posíbel onde a economía estea ao servizo das persoas, e non á inversa. Onde imperen aqueles valores que inspiran unha relación máis fraterna entre ceibes e iguais, e de todas e todos nós cos ecosistemas de xeito sostible. Imaxinemos un mundo onde a piratería sexa delito e non sexa a que dita e impón as súas leis. Permítaseme botar man daquela vella proclama de Rosa Luxemburgo agora, no mes dos cravos, inda que haxa que adaptar a este século: socialismo, ou barbarie!