Afortunadamente cada vez se sitúa máis na esfera pública un ámbito que, ata o momento, permanecera nas experiencias individuais das mulleres: a vivencia da maternidade en toda a súa extensión
Achegámonos ao 25 de novembro e cómpre visibilizar, como cada día, a violencia contra as mulleres.
Afortunadamente cada vez se sitúa máis na esfera pública un ámbito que, ata o momento, permanecera nas experiencias individuais das mulleres: a vivencia da maternidade en toda a súa extensión. Non falamos desde o punto de vista idílico e endulcorado do que falan as revistas. Falamos da experiencia real, da vivencia física, emocional e relacional de xestar, parir e aleitar. Dos aspectos positivos que a acompañan, mais tamén dunha ampla oportunidade de mellora para que as mulleres nos sintamos acompañadas, respectadas, autónomas e empoderadas.
“Nós parimos, nós decidimos” é unha frase icónica do movemento feminista que aínda está lonxe de facerse realidade. A maternidade, só cando é libre e escollida, pode ser para nós unha vivencia empoderadora coa que contribuir á construción dunha sociedade máis igualitaria en termos amplos. Non é un fin en si mesmo sen significación nas nosas vidas. O protagonismo debe ser das propias mulleres facendo valer o criterio ético de Autonomía como ben máximo, igual que nos demais procesos vitais.
Na medida en que vivimos nunha sociedade patriarcal e só as mulleres temos capacidade para xestar, parir e aleitar, as condicións nas que o facemos aínda están lonxe de adecuarse a unha experiencia humana, digna, construtiva e reconfortante
Na medida en que vivimos nunha sociedade patriarcal e só as mulleres temos capacidade para xestar, parir e aleitar as condicións nas que o facemos aínda están lonxe de adecuarse a unha experiencia humana, digna, construtiva e reconfortante para algunhas de nós. O sistema sanitario, elemento clave na atención a este proceso, tamén adoece dun importante sesgo patriarcal.
É necesaria unha reflexión sobre a persistencia de prácticas que se poderían enmarcar dentro do concepto violencia obstétrica. A Organización Mundial da Saúde emitíu un informe no 2014 avalado por ducias de organizacións e institucións internacionais visibilizando a existencia de prácticas pouco respectuosas durante a atención á xestación e ao parto e facendo un chamamento para a súa mellora.
Procedementos como un nivel de cesáreas e episiotomías por riba das recomendacións, o coidado insuficiente pola non separación de muller e crianza, o trato infantilizado ou paternalista, sedacións, inducións innecesarias, rotura de membranas… son cuestionadas
Procedementos como un nivel de cesáreas e episiotomías por riba das recomendacións, a práctica de determinadas manobras, o coidado insuficiente pola non separación de muller e crianza, o trato infantilizado ou paternalista, sedacións, inducións innecesarias, rotura de membranas… son cuestionadas por guías de práctica clínica e por documentos da OMS que fan unha chamada de atención sobre a situación.
A Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia emitíu recentemente un comunicado intimidatorio en contra do emprego da terminoloxía violencia obstétrica. Nel falábase de que “En el parto, cada individuo se enfrenta de forma solitaria a su destino en 10 centímetros de vagina”. Forma pouco elegante -cando menos- de definir unha experiencia que debe aspirar a ser o máis enriquecedora posible para a muller e para a crianza e que trascende da cuestión anatómica do tránsito pola vaxina para converterse nunha vivencia con incuestionables facetas culturais, emocionais e sociais.
A diminución da morbimortalidade perinatal é un parámetro de incuestionable valor pero que non debe amparar calquera actitude pouco considerada co benestar das mulleres
A diminución da morbimortalidade perinatal é un parámetro de incuestionable valor pero que non debe amparar calquera actitude pouco considerada co benestar das mulleres: apóstase por unha atención ao parto humana, considerada coas súas necesidades, empática, baseada no bo trato e con respecto máximo aos procedementos de consentimiento informado (léase Plan de Parto ou calquera outra modalidade de expresión de vontades).
A medicalización innecesaria do parto normal non só redunda nunha vivencia de peor calidade, senón que contribúe a unha consideración da saúde como un ben de consumo e o sistema sanitario como prestador de servizos, cuestión que induce unha peor calidade e menor sostenibilidade.
A pesar deste contexto xeral, apréciase unha crecente consideración coa autonomía das mulleres tomando decisións. Cada vez son máis as profesionais que exercen unha atención respectuosa coas crenzas, actitudes, culturas, emocións e preferencias.
Esta resposta é unha mudanza necesaria que non é casual, mais si causal, e que ten moito que ver, unha vez máis, coa autoorganización das mulleres.
Apréciase unha crecente consideración coa autonomía das mulleres tomando decisións. Cada vez son máis as profesionais que exercen unha atención respectuosa coas crenzas, actitudes, culturas, emocións e preferencias
Desde a sociedade civil, as mulleres, levamos anos tecendo esa rede de apoio, de información, de acompañamento e de respecto no parto e na crianza. Isto deu lugar ao nacemento de asociacións de apoio para un parto respectado, asociacións de apoio á lactancia e á crianza, e grupos informais de apoio mutuo que funcionan, como esa tan necesaria “tribu”, de xeito autoxestionados por mulleres que se atopan nunha situación vital similar. Estes grupos ofrecen información sobre os nosos dereitos e tamén calor e sororidade.
Resulta imprescindible a aplicación da perspectiva de xénero á xestión da atención á saúde
Non se pode obviar a súa relevancia no traballo de empoderamento feminino para reclamar os nosos dereitos como pacientes. Así como tamén o seu papel na reivindicación dos coidados das nosas fillas como un tema central que nos atinxe a todas. Compre destacar a súa función como medio de visibilización e de convivencia da diversidade de maternidades que esixen ser respectadas.
Resulta imprescindible a aplicación da perspectiva de xénero á xestión da atención á saúde, porque só desde unha perspectiva feminista conseguiremos unha atención sanitaria xusta, inclusiva e igualitaria.”
Publicidade