Moito teño lido estes días en relación e como reacción ao anuncio do goberno das medidas en prol do desmantelamento do sistema sanitario universal actual, porque non falamos doutra cousa que dun desmantelamento, por máis que eles usen a retórica que queiran para chamarlle doutro xeito. Moitas son as reaccións e análises lúcidas que se publican nas redes sociais e na prensa estes días, tanto dos profesionais da sanidade como de colectivos de cidadáns, sindicatos, partidos da esquerda e demais e case todo está dito e ben dito.
Que podo eu engadir? Pouca cousa, de seguro, pero dende a miña condición de beneficiaria e usuaria habitual deste sistema que hoxe pretendese desmantelar quero deixar constancia do meu punto de vista.
A miña supervivencia foi paralela ao desenvolvemento progresivo deste sistema e estou convencida que os dous feitos están intimamente ligados
Sei que son seropositiva desde 1986, o mesmo ano en que se aprobou a Lei 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad, e sigo tratamento médico desde 1990. Son, polo tanto, unha usuaria veterana do noso sistema sanitario e, ademais, das caras. A miña supervivencia foi paralela ao desenvolvemento progresivo deste sistema e estou convencida que os dous feitos están intimamente ligados. Fun consciente desde o principio do privilexiada que era en relación cos seropositivos doutros lugares do mundo, desde calquera país africano ata os Estados Unidos de América, por ter acceso “gratuíto” tanto á asistencia sanitaria como á farmacéutica.
No ano 1990, o Retrovir, único medicamento usado contra a infección por VIH, recollíase nas farmacias cunha receita previamente validada pola inspección médica, trámite do que nos encargabamos os pacientes ou os familiares dos pacientes. Anos despois, coa aparición de novos fármacos e das terapias personalizadas, máis complexas e caras, a medicación pasou a ser dispensada nas farmacias dos hospitais e ata de agora ten funcionado impecablemente.
Como o virus da SIDA faise resistente aos tratamentos cunha habilidade que arrepía, os cambios de medicacións son unha práctica habitual e atopar a combinación axeitada para cada un de nós en cada momento non sempre é doado
Como o virus da SIDA faise resistente aos tratamentos cunha habilidade que arrepía, os cambios de medicacións son unha práctica habitual e atopar a combinación axeitada para cada un de nós en cada momento non sempre é doado. Teño que dicir que sempre tiven acceso aos fármacos de última xeración, incluso a nivel experimental, previos múltiples e farragosos trámites administrativos que levaban a cabo, xa neste caso, os médicos, para xustificar decisións terapéuticas que inevitablemente constituirían un gasto importante para o fondo económico sobre o que se sostén a nosa sanidade; e cando unha combinación non funcionou, os médicos volta a empezar co papeleo para probar con outra ata dar cos fármacos, coas doses, coas pautas xustas. Así unha e outra vez, moitas durante estes xa longos 20 anos.
Explico todo isto para ilustrar a magnitude dun despregamento do que eu fun consciente en todo momento e que en moitas ocasións, nos momentos no que a miña supervivencia estivo máis comprometida, chegou a conmoverme. E é aquí onde quizais si teña algo que dicir.
Un sistema sanitario como o noso, universal, baseado na contribución económica solidaria de todos, intervén no só para dar o tratamento médico necesario e curarte, se é posible, senón para combater ese medo, para frealo, para pechar esa fronte e axudar ao paciente a centrar a súa enerxía na súa recuperación
A incorporación da enfermidade nunha vida que transcorre con “normalidade”, que neste caso correspondería a unha vida onde a saúde está presente, e falando de enfermidade con solemnidade, falando de risco real para a vida, no só comporta a alteración da funcionalidade do noso corpo e, normalmente, da aparición da dor física, se non que, a lo menos na mesma proporción, incorpora a todas estas anomalías o medo, un medo pavoroso que paraliza, que dificulta o discernimento e nos deixa trabados ante unha evidencia da que sempre fuximos: a nosa fraxilidade.
E é aí onde un sistema sanitario como o noso, universal, baseado na contribución económica solidaria de todos, intervén no só para dar o tratamento médico necesario e curarte, se é posible, senón para combater ese medo, para frealo, para pechar esa fronte e axudar ao paciente a centrar a súa enerxía na súa recuperación. O feito de gozar de toda unha infraestructura formada por centros de saúde e hospitais dotados de profesionais cualificados (persoal administrativo, de limpeza, de cociña, de enfermería, especialistas médicos…) toda clase de aparellos de última tecnoloxía que se pon en marcha automaticamente cada vez que un de nós ten necesidade, contribúe esencialmente a controlar ese medo porque alimenta a esperanza.. Logo está a relación tan especial que se crea entre médico e paciente que, se é de confianza, está comprobado que incide en positivo en todo o proceso.
A famosa gratuidade, da que parece que agora temos que pedir perdón, está realmente sostida pola contribución, vía impostos, de todos nós, pecha a outra fronte que se abre ante unha situación de enfermidade: o económico
A famosa gratuidade, da que parece que agora temos que pedir perdón, está realmente sostida pola contribución, vía impostos, de todos nós, pecha a outra fronte que se abre ante unha situación de enfermidade: o económico. Se esa fronte se abre, ao medo e demais dificultades unirase a angustia ante a posibilidade de poder pagar ou non e, de feito, deixaranos fóra do sistema a moitos.
É máis, falando de economizar e desa caricatura insultante que fan de nós e coa que se está facendo un discurso perverso no que o cidadán convértese nun usuario compulsivo do sistema sanitario, como se ter caixóns cheos de medicamentos nos fixera sentir como a Golum en posesión do seu prezado anel, ou como se un puidera entrar nun hospital e pedir no mostrador: “póñame unha endoscopia, dúas radiografías, unha por diante e outra por detrás, e de paso un electro, que rematei a prestación de desemprego e teño taquicardias”, ou como se as receitas médicas as recolleras nos estancos, pregunto eu:
Por que a ministra non promove que nas farmacias dispensen o número ou cantidade exacta que realmente o médico indica na receita correspondente? Se teño que tomar antibióticos tres veces ao día, sete días, ¿por qué na farmacia non me dan só as 21 pastillas receitadas do tal antibiótico?
Por que a ministra non promove que nas farmacias dispensen o número ou cantidade exacta que realmente o médico indica na receita correspondente? Se teño que tomar antibióticos tres veces ao día, sete días, por qué na farmacia non me dan só as 21 pastillas receitadas do tal antibiótico? Por que non se fai nas farmacias privadas cando nas farmacias dos hospitais públicos os usuarios recibimos, previa presentación da receita correspondente, a cantidade exacta do fármaco que precisamos para un tempo concreto, sexa cal sexa o formato no que estea dispoñible (pastilla, ampola, xiringa, inhalador…)?
Levo anos recollendo mensualmente a medicación que preciso (non a tomo por pracer) tanto os retrovirais como algún outro tratamento máis complexo que precisei puntualmente, e nunca tiven ningún problema. Tanto tempo, tantas pastillas. Rematado o tempo, volta a empezar. Todo controlado e todos contentos. Claro que habería que negociar cos laboratorios e co sector farmacéutico para que os medicamentos non se venderan por caixas se non por doses, pero non sería este proceso máis sinxelo e barato que o elixido no Real-decreto 16/2012, que por certo, ten un título que máis parece unha provocación?
Este domingo hai manifestacións en toda Galicia, e en todo o Estado, pola defensa da nosa sanidade. Enchamos as rúas de xente. Loitemos contra esta demolición que será difícil de reconstruír e que compromete, literalmente, a vida, e polo tanto, o futuro
O sistema promovido por Ernest Lluch en 1986 e desenvolvido durante todos estes anos ten moitas deficiencias, claro que as ten, pero a súa filosofía básica é a de tecer unha rede que nos sosteña cando, por enfermidade, sexamos, e nos sintamos, máis vulnerables. A iso non podemos renunciar baixo ningún concepto, entre outras cousas, porque por ese transo, e o sabemos, iremos pasando todos antes o despois.
Este domingo hai manifestacións en toda Galicia, e en todo o Estado, pola defensa da nosa sanidade. Enchamos as rúas de xente. Loitemos contra esta demolición que será difícil de reconstruír e que compromete, literalmente, a vida, e polo tanto, o futuro.