Contra o medo

Nestes días turbulentos no que unha mala nova é agochada por outra peor, venme á memoria o título dun libro de Rafael Sánchez Ferlosio publicado en 2001: Vendrán más años malos y nos harán más ciegos. Viñeron anos malos, ninguén o negará. Hemos quedar inevitablemente cegos?

A pretensión das dereitas –aos que non chamarei conservadores, pois os nomes deben corresponder ao nomeado, e estes nada conservan, nin da natureza nin dos dereitos sociais – é manternos cegos e mudos. Como se chega á cegueira? Hai trinta anos Tornsten Wiesel e David Hubel mostraron que cando se unían as pálpebras de gatiños acabados de nacer durante un tempo, os ollos non recuperaban a capacidade de ver, aínda que todos os órganos visuais estivesen intactos. A ausencia de estímulos visuais causaba modificacións nas vías nerviosas polas que as imaxes chegan ao cerebro. É esta cegueira funcional a que pretenden as ofensivas recentes, facendo invisibles as accións ou opinións críticas, distorsionando os feitos, silenciando as voces disidentes, até que a cidadanía perda a capacidade de ver.

Este é o obxectivo da sentencia contra Baltasar Garzón, amedrentar a todos os que se enfrontan á corrupción, ás ditaduras. Marcar a lume (os raposos no monte fanno con excrementos) o territorio intocable. O que se debate non son cuestións técnicas senón a posibilidade de levar a xuízo a uns políticos corruptos.

Ante esta sentencia, di a dereita, debemos ficar mudas. Así predican, queréndonos facer crer que a democracia consiste en votar unha vez cada catro anos, que os países e as sociedades son monicreques manipulados polos especuladores contra os que nada é posible facer. A democracia real é ou debería ser moito máis, participar nas decisións, tomar nas nosas mans o destino da sociedade. Para iso é necesario falar en alta voz, escribir, criticar o que merece ser criticado. Chegar a crer que podemos abrir os ollos.

Volvendo a Ferlosio, pese a que o título pode causar a impresión de desesperanza, o contido desmínteo. Advirte Ferlosio de que o progreso non é inevitable, incitando á reflexión sobre lugares comúns como a preferencia polo consenso sobre o debate de ideas e posicións. É que nós e eles non compartimos os mesmos obxectivos. Lembra Ferlosio que a Historia non ocorre fóra, non é un espectáculo do que somos unicamente observadores, senón participantes. Todos participamos, sexa actuando ou ficando inmóbiles, falando ou permanecendo en silencio, criticando ou agochando a cabeza. Cada unha, cada un de nós está neste intre escribindo un anaquiño de Historia. Propoño escribilo contra a cegueira e contra o medo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.