Contramanifesto

Mentres pensamos que facer co país -se o abandonamos sen recoller os restos, como a unha festa en casa allea, ou queda algo que salvar antes de que o último en saír peche a porta e apague a luz- aínda temos tempo para redactar unha beleza de manifestos con intención reivindicativa e salvavidas do que vén sendo A Cultura, A Política e as dúas cousas xuntas. Neste estado, o mellor que podemos facer é escribir un folio con ocos polo medio onde se poña o obxecto do pranto, o suxeito do cabreo, un breve parágrafo de explicacións -non moitas- e un epílogo de ameazas ao aire coa man axitada. Firme aquí, selo e abundante lista de cidadáns.

Unha das herdanzas que nos deixou o fraguismo é esa delegación de responsabilidades, esa democracia representativa a tope na que, á hora de buscar culpables, só se nos ocorre un. Todos sinalan co dedo ao responsable máximo de todo o malo, ao xefe de todo isto, porque tamén é verdade que antes era o suxeito activo de todo o bo, das alfombras vermellas e os siseñores, que até parecía que pagaba os auditorios do seu propio peto. O fraguismo, como cultura política autóctona que implica esa administración dadora (e agora quitadora) de vida, é o espazo no que temos que convivir nos próximos anos. A estas alturas non se sabe exactamente cantos, porque agora todo proceso de renovación -aínda que sexa a única palabra que se escoita-, de repensamento ou de análise atópase en estado de standby ou, xa directamente, de shock

No tempo que vostede está a ler isto xa lle encheron a caixa de correos con cousas para asinar en Actuable.es, esa ferramenta que presume de “cambiar o mundo”. A culpa tamén é da revista Time, non vaiamos pensar que é o noso feito diferencial. Aquela portada de 2006 sinalaba que a persoa do ano era vostede. “Si, vostede. Vostede controla a Era da Información. Benvido ao seu mundo”, dicía o texto cun computador sospeitosamente branco impreso, dous anos antes de decatarnos que non pintabamos nada en todo isto. Visto agora é unha distopía como un templo, pero naquel momento celebrouse en internet como a revolución popular e a confirmación de que os paxaros, por fin, volvíanse contra as malditas escopetas. Se a iso engadímoslle o famoso The protester do ano pasado, o cidadán sente que si, efectivamente, pode “cambiar o mundo” sen cortar nin unha soa cabeza.

O sistema está que se sae. A masa protesta máis que nunca e ademais sente a satisfacción individual de que funciona, de que os seus emails e os seus textazos do Facebook non van a un enorme colector de lixos virtual, senón que lle chegan ao mandamáis e pásase dous días e medio lendo nomes de cidadáns comprometidos. Benvido ao seu mundo. O que queda del.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.