En toda canta análise escribín sobre o tema 15M sempre insistín no mesmo: para que ese movemento fose aínda máis eficaz estaba abocado a converxer (e digo converxer, non deixarse guiar) co movemento obreiro e coa esquerda organizada. Debe ficar no esquecemento o ocorrido nas mobilizacións do pasado 12 de marzo en Vigo, coas súas dúas manifestacións separadas por uns cantos metros (unha de traballadores do Naval e outra do 15M), como mostra do descoñecemento mutuo de dúas culturas da esquerda que máis gañarían actuando en común. O acontecido onte en Madrid co caloroso recibimento á chamada Marcha Negra de mineiros de diversos puntos do estado, despois de protagonizaren, especialmente en Asturias, auténticas batallas coa policía, está chamado a marcar un fito nese proceso de converxencia.
O acontecido onte en Madrid co caloroso recibimento á chamada Marcha Negra de mineiros está chamado a marcar un fito nese proceso de converxencia
Que a marcha rematase nun lugar emblemático para os mobilizados arredor do 15M como é a Porta do Sol e que durante o pasarrúas dos mineiros polo centro de Madrid os milleiros de persoas que os acompañaban entoasen, indistintamente, lemas como “que si, que si, que si nos representan” (un dos cantos por antonomasia do 15M) e “si esto no se arregla, guerra, guerra, guerra” (lema clásico onde os haxa das mobilizacións obreiras), indica que o proceso de hibridación xa está en marcha.
Que todo isto acontecese no momento en que o Estado Español era oficialmente intervido e na véspera dun anuncio de recortes brutais, privatizacións e subida do IVE tamén para os produtos básicos (unha nova aplicación da doutrina do Shock) indica que esa unidade chega no momento preciso.
As portadas dos xornais da dereita tentaban camuflar estes dous feitos con macabras portadas de pasados atentados de ETA, procurando retomar o aborrecido discurso dos tempos da euforia económica do inimigo interior e do revisionismo da organización territorial do Estado e esquecendo que a derrogación polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo da chamada Doutrina Parot (que impide a redución legal de penas para os condeados a máis de 30 anos) non é máis ca outra mostra do grao de represión excepcional alcanzado por un poder xudicial remiso, por outra banda, a permitir calquera investigación sobre o franquismo (a diferenza da Arxentina que hai uns días condeou a Videla a 50 anos de prisión).
Nestes momentos de auténtica putrefacción das institucións é preciso traballar no horizonte dun novo proceso constituínte
Nestes momentos de corrupción xeralizada na monarquía (Urdangarin e Helena de Borbón), na xudicatura (Dívar), nos poderes políticos (Gürtel), empresariais (Bankia, NoCaGa), eclesiásticos (Códice Calixtino); nestes momentos en que cómpre máis falar de réxime que de democracia (o rei presidindo Consellos de ministros, a pasokización do PSOE a través da “oposición responsable” rubalcabiana); nestes momentos de auténtica putrefacción das institucións é preciso traballar no horizonte dun novo proceso constituínte.
Unha única fronte común que retome o programa básico que a Transición dos anos setenta traizoou: democracia real, xustiza social e dereitos nacionais
O ciclo iniciado coa primeira Transición está a rematar en rotundo fracaso. Hoxe, en que seguimos claramente a senda grega de empobrecemento das clases populares pola neglixencia dun goberno de concertación vendido ao capital, é hora dunha nova Transición na que a creación dun bloque social popular integrado polo movemento 15M, o movemento obreiro, os distintos movementos que reclaman unha república española e os movementos soberanistas das nacións sen estado conformen unha única fronte común que retome o programa básico que a Transición dos anos setenta traizoou: democracia real, xustiza social e dereitos nacionais.