Coroavirus e recesión económica: que non nos enganen!

El Corte Inglés informa do peche das súas instalacións na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Moitas voces anuncian que o coroavirus vainos levar a unha nova crise. Eu, vou intentar explicar que isto non é certo tal cal: que a crise xa a tiñamos enriba e que o coroavirus o que vai facer é acelerar unha dinámica en marcha. Mais aínda, moito me temo que como pasou coa crise financeira os de sempre (“os mercados”) aproveiten a ocasión para seguir facendo negocio aínda que sexa a costa da vida e a saúde da maioría: “a doutrina do shock”.

Vexase, por caso a reacción do Banco Central Europeo fronte a pandemia: a oferta dunha financiación abondosa segue facéndose ao través dos bancos e non dos gobernos que son, neste caso, quen realmente necesitan o diñeiro para facer políticas de prevención e cura da epidemia. O BCE seguirá prestando diñeiro aos bancos, a un xuro cero practicamente, para que logo estes llo presten aos gobernos e, incluso, as entidades privadas, a un xuro superior polo que os bancos seguirán facendo negocio agora coa saúde e a propia vida da xente.

Como dicía no artigo citado estamos as portas dunha nova crise. Unha crise na que interveñen factores como por caso a guerra comercial entre os Estados Unidos e China provocada pola administración Trump, as turbulencias bolsísticas que rematarán nun final como o de tódalas burbullas que no é outro que o seu estoupido, o impacto das novas tecnoloxías sobre a produción, a guerra do petróleo con Arabia Saudí e Rusia como principais contendentes, as débedas disparadas que se fan impagables e a emerxencia climática. A isto agora únese, xa que logo, o impacto do coroavirus sobre o comercio mundial, un curtocircuíto que afectará moi especialmente aos canles comerciais que unen a fabrica do mundo (China) co resto da economía mundo capitalista. Un impacto que pode actuar como espoleta adiantando a nova fase recesiva.

Centrándonos en Europa subliñar que a gravidade da crise pode ser superior ao doutras áreas da economía capitalista dado que as políticas impostas nesta derradeira década polas autoridades europeas (austeridade fiscal, rebaixa salarial e control monetario) deixaron a maioría das economías europeas nunha situación de debilidade tal, vexase por caso a dimensión que acadaron as débedas (públicas e privadas) e o desemprego, que lles resultará imposible facer fronte por si mesmas a esta nova crise. O remedio que se viu aplicando en Europa para facer fronte a recesión, expansión cuantitativa apoiada en baixos tipos de xuro, xa está esgotado por dúas razóns fundamentais: a marxe para baixar os tipos de xuro é moi baixo e os canles utilizados ata agora para facer circular o crédito non funcionaron pois os bancos europeos empregaron o diñeiro facilitado a esgalla polo BCE en sanear balances, especular coas súas propias accións (embolsando as ganancias das alzas anteriores) e facer negocio coas débedas públicas dos estados. Un sistema perverso facilitado polos tratados europeos, en cuxa redacción tivo unha influencia decisiva o BUNDESBANK, vaticano do neoliberalismo, quen lle impide ao BCE prestar diñeiro directamente aos estados para que estes, por caso, poidan agora aplicar políticas expansivas que permiten facer fonte a pandemia e a crise con eficacia.

Neste contexto compre desmontar os argumentos procrise que nos queren vender as elites financeiras, co apoio das súas redes mediatices e de moitos gobernos, tentando culpar en exclusiva ao coroavirus da crise que se non ven enriba (*). Algo que, por caso, estes días estamos vendo coas explicacións que se nos ofrecen das grandes turbulencias que afectan as principais Bolsas. Hai que subliñar con claridade e contundencia que o coroavirus non é o causante das caídas nas bolsas, desta nova crise nas finanzas. Que este argumento intenta ocultar a realidade dunha crise sistémica. Unha crise que nas principais bolsas mundiais ven provocada por unha espectacular caída dos seus índices tal que nin os respectivos Bancos Centrais son quen de evitar. Caídas que, nembargante, resultan lóxicas por mor das esaxeradas alzas habidas na última década que nalgún momento tiñan que deterse para devolver os índices aos seus valores reais. Moitos dos maiores axentes bolsísticos (grandes bancos, fondos de investimento, compañas de seguros..) eran moi conscientes de que isto ía a suceder e anticiparonse a crise vendendo grandes paquetes de accións provocando así un efecto domino de caída dos valores. Especuladores que utilizaron os ingresos procedentes destas ventas para, ademais de embolsarse as ganancias derivadas das alzas anteriores, mercar débeda pública (bonos do Tesouro) por considerala un investimento mais seguro e rendible.

Non é, xa que logo, o coroavirus quen está provocando estas caídas de valor nos mercados bolsísticos. Neste contexto de grandes turbulencias, propias de mercados especulativos como as bolsas, o coroavirus vai actuar como a espoleta que acelera unha crise sistémica que xa se estaba incubando, moito antes de que o coroavirus aparecera en China, por mor dos factores anteriormente sinalados e nos que as turbulencias bolsísticas ocupan un lugar non menor debido ao actual predominio da financiarización na economía mundial en prexuízo da produción: a mundialización financeira. 

(*): Sinceramente, alguén se cree que a economía mundial cae nunha crise destas dimensións so polo efecto dun virus?.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.