Decretándose a fase 1 de desconfinamento progresivo, moitas persoas, nenos e maiores, prefiren ficar confinados. E non só os que padecen doenzas crónicas e se saben de risco, senón tambén moitas persoas fortes coma carvallos. Anomalía tanatocrática? Nada raro se temos en conta que -malia as alertas de moitos científicos- nin os governos nin os medios de comunicación se fixeran eco de que era un rinoceronte gris quen petava á porta e non un ciño preto como pasara coa gripe española. Por qué un cento de anos após aquela pandemia que sucedeu á primeira guerra mundial e causou máis mortes ca esta, teimamos en combater ciños pretos no canto de rinocerontes grises?. Tanta dixitalización a gran velocidade e volume de datos interenredando e seguimos cegos ao gris do unicornio? Tratarase da fraxilidade de calquera sistema de pensamento ou será que un sistema de lucro nos impide ver alén e reparar en prospectivas antes do que chorar retrospectivas?. Porque non se pode defender que a covid19 sexa un caso atípico nun mundo no que os coronavirus há tempo que viaxan en low cost.
O dramático desta pandemia é que anque para os que governan o mundo fora un rinoceronte gris, eis un evento predecibel, para a meirande parte das persoas resultou un ciño negro, unha rareza impredecibel que causou un impacto estremo. Porque a ideoloxía dominante ocultounos que non todos os ciños eran brancos. E se o mundo occidental non aceptou a posibilidade dos ciños negros por vaidade -até o remate do século XVII en que foron vistos no australiano río Swan polo explorador Vlamingh- tampouco vai aceptar que covid19 sexa claramente un rinoceronte gris. Mais deixemos de lle dar voltas ás metáforas animais, que para encubrir as verdadeiras causas xa abondou cos morcegos e pangolíns.
Os psicólogos, eses especialistas en nos alertar de que os rinocerontes son grises, certificaron unha pandemia de problemas psicolóxicos como fobias, depresión ou síndrome de estrés postraumático que disparou as consultas durante o estado de alarma. Ansiedade, medo, angustia foron só esa ponta do iceberg que aumentará na medida en que se derretan os polos. Os suicidios silenciados, a violencia en todas as súa formas e o aumento nas adicións ao alcol, tabaco, comida, xogo...son segredos a voces, e senón que llo conten aos repoñedores dos supermercados, á tabacalera española e ás casas de apostas. As paranoias e os trastornos obsesivo-compulsivos potenciados pola hiperasepsia e o isolamento, escudo compulsivo negador da morte, acelerarán o andazo de doenzas mentais.
Que é máis perigoso, ese deleixo das persoas que saen a celebrar festas violando a obriga de distanciamento social ou a síndrome da cabana, ese sentimento de medo ou incluso pánico ao sair de casa tras a pandemia?. A agorafobia, esa paradoxal ansiedade por se sentir atrapada nos espazos abertos onde se axuntan moitedumes é un mal posmoderno e non todos somos doutoras en psicoloxía que se poidan permitir o teletraballo ou a curación por fuxir dun asasino en serie como a protagonista de Copycat.
Certamente, o preocupante é que rematemos por desenvolver a síndrome de Estocolmo. Non é que eu teña por especiais delincuentes aos governantes que xestionan a pandemia, mais apresentándose como benefactores ante os seus reféns, ou sexa a povoación, para evitar unha escalada dos feitos, non fan máis que estimular unha relación emocional das vítimas por agradecemento. E se algunhas persoas isoladas xa dan en falar de Fernando Simón como dun convidado á cea de Nadal, outras aplauden ou delatan desde os balcóns para gañarse aos secuestradores e outras manifesten un autoadoutrinamento, malinterpretando a ausencia de violencia visibel como un acto de humanidade por parte do agresor, non estaremos ante unha pandemia da síndrome de Estocolmo?. Dutton e Painter ao analisar esta síndrome no domicilio familiar suliñavan dous factores: o desequilibrio de poder e a suspensión do tratamento bon/ malo polo que a muller maltratada desenvolvía un trazo traumático que a unía co agresor nunha docilidade onde o abuso lle creava unha dependencia atroz. Comportarse ben para evitar o abuso é unha conducta intelixente de supervivencia. É moi difícil de asimilar a perda total de control dos reféns durante o secuestro a menos que lle deamos un sentido no canto de cuestionar o sistema de poder. Sentido que os medios de comunicación encarregánse de inducir. A solidariedade, máis imaxinaria ca real ou ver esta xestión como a única posibel ou a idónea nun bipartidismo condicionador.
Curiosamente en Suecia, onde tivo a orixe a síndrome, non houvo confinamento e o covid non se cebou neles. Por descontado que o governo central español non é un Banco de Crédito como o era o de Estocolmo ao ser asaltado, o mesmo ano que Pinochet fixera o propio co Palacio da Moneda en Chile. En todo caso, o banco seriamolo nós, se nos tiveran voltado o resgate. Tampouco é comparabel a circunstancia pois nós non podemos protexer ao governo para evitar ser atacados pola policía, xa que foi aquel quen lle deu a esta todos os poderes dun estado de excepción. Así que moitas non nos identificamos psicolóxicamente co abusador poderoso e decidimos desoir as advertencias paternais desobedecendo con acenos rebeldes, algúns só virtuais. Certo que o governo teimou e teima en nós pintar culpabeis. Canto mellor iso que asumir o modelo mental do agresor e que nos traten de vítimas masocas, louca ou histéricas que, inflamadas polo pánico, dan en mudar as súas moradas en cárceres e a súa indefensión aprendida en seria responsabilidade. No contexto político, o virus hermenéutico, cal novo Trimegisto, revelará o significado oculto.