Namentras moitos de nós xa viviamos en confinamento por perigo de contaxio do Covid-19, as igrexas, catedrais, bancos e demais edificios relixiosos seguían abertos. Os fideis continuavan asistindo a misa mentres todo estava fechado agás locais de artigos de primeira necesidade como son os do ramo da alimentación. Cando nen sequer as persoas podiamos sair a pasear en soedade e debidamente protexidas, cando os nenos nen podían cruzar o limiar da porta da súa casa sometidos ao confinamento máis duro de todos os países do mundo, as igrexas e catedrais seguían oficiando misas. Será o incienso dos botafumeiros un antiséptico natural ou é que a inmunidade é cuestión de fe?.
Parece ser que as igrexas fecharon ao fin, mais non deixaron por elo aos seus fregueses sós coa biblia. Non fora a ser que se deran á livre interpretación das escrituras e provocaran un cisma do calibre do dos protestantes no XVI. Así que puxeron servizos mínimos e celebran misas online. Si. Xa non estamos nos tempos en que a modernidade tecnolóxica era obra do demo como cando o bispo vía con malos ollos a chegada a Ourense da primeira locomotora e con ella as ideias da Ilustración. O Vaticano abrazou de cheo a realidade virtual e hoxe, calquera católico sen se mover do fogar pode prender unha candea por un defunto, enviarlle flores, visitar virtualmente calquera catedral ou museo catedralicio e mesmo asistir a unha misa online. O único que é melloravel é a consagración, porque ainda que o Opus Dei aconsella non asistir ás misas online en pixama e coidar a escenografía poñendo unha cruz ou unha imaxe da virxe perto do ordenador e prendendo unha candea aromática, o certo é que ainda non foron quen de ofrecer as teleostias. A telecinesia e o teletransporte seguen asociándose ao Malino malia que eu non descartaría a incorporación das fotocopiadoras 3D ás dióceses coas posibilidade que se abren na transubstanciación eucarística. Anque, sinceiramente, nos pisos patera e nas camas quentes non sei eu se conviría a presenza de ningúen máis por moi sacrosanto que sexa.
De calquera modo, a relixión católica sempre estivo á avangarda da modernidade. De Constantino á Inquisición, foi perfeccionando, non só os instrumentos de tortura, senón tamén incorporándose antes cos laicos ás novas tecnoloxías. Os chamados centros de fomento foron pioneiros en ofertar aos nenos os videoxogos nos seus clubes elitistas e segregados. E hai que recoñecer que nisto, como en tantas outras cousas, gáñannos por goleada a laicos, agnósticos, ateos e incluso a aconfesionais.
Por que non podemos asistir no confinamento a unha misa atea, poño por caso?. Ou en vez da segunda epístola aos corintios, onde Paulo se defende contra os falsos apóstolos, asistir a unha sinopse de Traballo asalariado e capital de Marx ou a un resumo das súas Teorías da plusvalía? Maiormente cando estamos cismando neses ERTES e escoitando aos grandes empresarios aproveitando este maldito virus para ratear máis dereitos á clase traballadora co asubío ás zocas do governo. Ou se cadra, implementar un programa online para os infideis onde se debatesen en videoconferencia obras marxinadas polas academias como O títere e o anano. O núcleo perverso do cristianismo de Zizek. Por qué non son cristián de B. Russell, Os ultras das Luces de Onfray, Calibán e a bruxa de Federici, Os enxeñeiros de Franco de Lino Camprubí...?
Comprendo que non é doado competir coa igrexa católica que sempre fixo gala dunha infraestrutura inmelloravel e a expensas do Estado como as autoestradas de pago fácil, sobre todo no que ten á propiedade. Xa no s.XVI, proclamou que grandes extensións de América e Africa eran terra nullius, afirmando que anque os indíxenas residiran nesas terras recén descubertas, os países cristiáns civilizados tiñan dereito a ocupalas e darlles un bon uso. O mesmo que hoxe coas intitulacións e os capeláns das herdanzas nos hospitais públicos, acumulan riqueza mentres falan dun Cristo que non era dono das súas vestiduras e botava aos mercaderes do templo.
Certamente, o máis curioso dos consellos do prelado do Opus para o confinamento é o dos retiros espirituais a imitación do seu fundador, Escrivá de Balaguer cando, en plena guerra civil provocada por uns golpistas apoiados pola igrexa, se agochara no consulado de Honduras no Madrid republicán, agardando por pasarse ao bando de Franco e aproveitando para aprender idiomas, (supoño que italiano e alemán), e reclutar os futuros tecnócratas que governarían co ditador, malia o caso Matesa e o pulso dos falanxistas. Porque a corrupción daqueles teares sen lanzadeira conseguira até botar a Fraga do ministerio da información á embaixada en Londres, non sen antes pasar pola Aguia das cerveixas. O poder da Obra foi e é tan enorme que nen o atentado mortal de Carrero Blanco nen a evasión millonaria probada de Vilá Reyes, indultado polo rei Juan Carlos, puido evitar o seu empoderamento a golpe de obra pública e o teatro desta Transición.
Así que mentres a chamada esquerda sistémica siga con políticas que manteñan os privilexios da igrexa no que ten á educación, fiscalidade, subvencións a fundacións, concertos... e a esquerda alternativa e/ou radical siga desartellada, continuarán pendurando as cruces do colo do ladrón, como dicía o poeta.