Coronavirus e a xestión da crise

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

A declaración en Galicia da emerxencia sanitaria o pasado 15 de marzo do 2020 fixo posible realizar unha serie de actuacións que o goberno galego puxo en marcha de inmediato. Creou o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Emerxencia Sanitaria en Galicia, á fronte do cal está o señor Feijóo. As medidas postas en marcha nesa resolución confinaban a poboación galega nas súas casas. Facía unha serie de excepcións: sanitarios, servizos de alimentación, gasoliñeiras, etc.…. A cuestión principal era blindar Galicia dun posible contaxio masivo de persoas. Que sucedeu? Que ao non blindar Madrid, todos os territorios fomos contaxiados, en máis ou menos cantidade. 

Temos unha xeneralización de casos que poderían ser moitos menos se as autoridades españolas tivesen decidido confinar a xente de Madrid e non permitir o seu traslado (masivo) a diferentes lugares do territorio da península ibérica. En lugar de ter un problema para sete millóns de persoas, tívose para 57 millóns de persoas (incluído Portugal).

Este artigo quere ser unha exposición de feitos, construtiva, do problema, tratando de explicar como chegamos a esta situación e quen son os responsables da mesma. Non se pode poñer o señor Feijóo como solución da emerxencia sanitaria, cando forma parte da causa que ocasionou as dificultades para resolvelo. Por suposto non é responsable do coronavirus, pero si das decisións tomadas previamente que deron lugar a que esteamos como estamos e suceda o que está sucedendo. 

O Sistema Sanitario Público Galego é o que debía afrontar con garantías a crise e a alarma social da pandemia do Coranovirus COVID-19. A incorporación da sanidade privada ás labores de axuda está tamén recollida na declaración de emerxencia sanitaria, pero debemos preguntarnos: por que chegamos a este punto de descontrol en Galicia, fiándoo todo a quedar na casa e á sorte?

Sabemos que a pandemia do coronavirus puxo en evidencia a política de recortes do Sistema Sanitario Público Galego (e por suposto noutros moitos lugares) e puxo de manifesto a política de potenciación das privatizacións levadas a cabo polo goberno de Núñez Feijoo; limitou a capacidade da Sanidade Pública Galega para facer fronte eficientemente á actual emerxencia sanitaria. Os recursos necesarios para planificar estratexias e mobilizar o necesario para facer fronte ás emerxencias sanitarias foron externalizados a multinacionais sanitarias, que agora teñen a información e os datos epidemiolóxicos. 

A Atención Primaria sufriu en gran medida esta política, polo que apenas conta cos recursos e equipos necesarios para prestar unha atención de saúde baseada na promoción e na prevención da mesma. A marxinación dos servizos de saúde pública é evidente, non contan cos recursos necesarios e están descoordinados cos niveis asistenciais das áreas sanitarias (que tampouco teñen a estrutura e organización axeitada).

O PP está desmantelando os hospitais comarcais, con peches dos servizos necesarios para achegar a atención hospitalaria á poboación máis dispersa e envellecida que vive no rural, o mesmo que as ambulancias necesarias para trasladar enfermos afectados de maneira urxente aos centros sanitarios (as últimas mortes así o certifican).

A angustia e ansiedade da poboación afectada nunha crise requiren de profesionais e servizos de Saúde Mental, cos que apenas conta o Sistema Sanitario Público en Galicia.

Só os recursos da Sanidade Pública que non teñen como finalidade o negocio empresarial privado son os que poden garantir e protexer a saúde da poboación, o que deixou de manifesto a emerxencia actual. Os centros privados derivan os enfermos afectados aos centros públicos e cobran (e cobrarán) cantidades  exorbitantes por tratar os enferms e por realizar probas que van ser pagadas pola Sanidade Pública.

É curioso escoitar o señor Feijoó dar as grazas, día si e día tamén aos “profesionais sanitarios", eses mesmos aos  que el, coa súa política de recortes durante os seus 11 anos de mandato, fixo que traballasen máis por menos, ao non substituír os profesionais ausentes. 

A precariedade laboral levou a que moitos profesionais de Galicia, que foron formados durante moitos anos nas universidades e escolas galegas e con cartos galegos, fuxisen de Galicia para traballar en lugares onde o sistema sanitario os tratase mellor que aquí. Estes lugares, sen gastar un euro na súa formación, fáanse con profesionais do primeiro nivel (só teñen que pagarlle a/o tradutor/a) e así poder atender, de forma axeitada, as súas poboacións. E mentres, Galicia queda sen profesionais e os que están teñen que traballar nunhas condicións de precariedade (os afectados falan de "escravitude"): contratos de horas cando van ser días, contratos de luns a venres, en postos de larga duración, para aforrar o sábado e o domingo, centos de contratos seguidos estando na mesma praza...

Todo isto fíxoo a persoa que agora dá as grazas de forma hipócrita e que non se cre ninguén dos que traballan no Sergas.  Por isto, é primordial apoiar o Sistema Sanitario Público Galego e os seus profesionais, polo traballo que realizan, en condicións moi difíciles e sen os medios necesarios. O esforzo, dedicación e profesionalidade queda de manifesto na súa actuación na pandemia do coronavirus.

Mentres certos individuos canalizan a sua ira cara ás vítimas do sistema, os verdadeiros responsables da súa crise poden vivir ben tranquilos, porque nin os pacientes enfervorecidos, nin os recortes en Sanidade lles afectarán o más mínimo.

Que debemos facer no vindeiro goberno que saia das próximas eleccións (que esperemos non sexa un novo mandato do PP, pois moi mal iremos)? Recuperar e ampliar os recursos sanitarios públicos e acabar coa política de recortes, privatizacións e desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego.

Debemos restituír ao sistema os instrumentos necesarios para garantir a saúde, a promoción e prevención e unha planificación sanitaria baseada nunha información en mans públicas. Construír un Novo Modelo de Atención Primaria en Galicia é a tarefa principal e temos os vimbios a través do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, onde 250 persoas, en 15 Comisións Sectoriais, traballaron arreo e teñen os instrumentos para construir a Sanidade Galega do futuro… E por consenso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.