Coronavirus: o titánico ingreso minimo vital

Cansamos de escoitar que na pandemia e na nova realidade todos estamos no mesmo barco. Todos embarcados no RMS Titanic, aquel transatlántico insumerxibel, aquel titán da cobiza que afundiu na súa viaxe inaugural por abaratar custes de construción e por ser o máis competitivo no dominio do negocio das viaxes transoceánicas. O iceberg foi non máis que a ponta do acontecemento convertido en traxedia.

Se algo se pode tirar de positivo daquel afundimento foi a modificación da normativa de seguridade naval. Pois aínda cumprindo a lexislación vixente, o Titanic non levava botes salvavidas para todos os pasaxeiros. Ocuparían espazo de máis. Espazo que se necesitava para a pasaxe de primeira clase. Espazo para a piscina interior, a cancha de squash, o baño turco, a sala de masaxes, a sala de fumadores, os cafés...Un xigante seguro e sobrio perdería todo o glamour e por tanto o reclamo. A grandiosidade e a velocidade eran prioritarias para Bruce Ismay, o propietario. O clima, un contratempo sen importancia que non ía frear a tecnoloxía navieira e a primeira globalización, a transoceánica. Tamén os nazis, por sorte, desprezarían o inverno soviético.

Tralo afundimento causa un humor tétrico contemplar a maqueta do hospital do barco coas súas padiolas e caixas de urxencias e primeiros auxilios para pasaxeiros de primeira e segunda. O mesmo que os cubertos dourados ou o luxoso mobiliario de caoba dos camarotes elevados. 

O covid 19 confinounos a todos en alta mar no mesmo barco pero en camarotes de distinta clase. Co baño de cabaleiros a proa e o de damas a popa. Os de primeira pasaron a pandemia nos cafés de estribor con magníficas vistas ao oceano e contemplando o cadro O paso ao novo mundo pintado moito tempo atrás, mentres nas cubertas inferiores durmían os fogueiros das caldeiras carbonizando o planeta. Somentes o grupo de garantía, nove traballadores do estaleiro foran escolmados para ocuparen os camarotes de primeira e segunda para ser tratados como un viaxeiro máis. Era o premio a alienación de clase. Carpinteiros, axustadores, fontaneiros, electricistas que serían requeridos en calquera contratempo. 

Durante a pandemia tamén tivemos un grupo de garantía nos esquecidos coidados, mais sen camarotes. Sanitarios, repartidores, agricultores, transportistas, limpadoras...Esforzados traballadores a manter ao aboio o barco social, cuxa única recompensa foron os aplausos das oito e os despidos. 

Todos iamos no mesmo barco mais na hora contecinia, cando o titánico insumerxivel bateu co iceberg, no casco enfeblecido pola friaxe estrema da noite calma e estrelada, abriu nunha grande fenda a viaxe inaugural dos grandes negocios transoceánicos. O coitelo do desxeo a furar a nave da globalización.

Todos iamos no mesmo barco mais o armador non era xacobino como o estilo do comedor de primeira. E moitos pasaxeiros navegavan dende sempre so da liña de flotación.

Cando só se albiscava a popa da titánica e malfadada nave, deron aviso de que se establecía un IMV, un ingreso mínimo vital que sería o bote de salvamento dos fogueiros e demais tripulación de terceira. Os requisitos serían anunciados a medianoite pola banda de músicos no salón principal (claro que desde abaixo non se podían acceder ao salón) mentres os botes salvavidas dos pasaxeiros de primeira cos seus chaleques (non amarelos) navegavan a salvo vendo como se afundía o insumerxivel mentres os viñan resgatar. Entre eles, o propietario da navieira. 

Os afortunados pasaxeiros que levaran tres anos sós independentes nos seus camarotes ou tiveran demandado praza de fogueiro poderían solicitar ese ingreso sempre que non foran galegos e cobraran xa a risga. Para que implantar unha RBU, unha renda básica universal se podían tirar de familias ate o 2º grao? O parentesco como bote salvavidas.

Cando ás catro da madrugada chegou o navío Carpathia para resgatar aos sobreviventes de primeira, xa apouvigara o pánico, os disparos e a confunsión. Os camarotes xacobinos de caoba, a estatua de Artemisa e a piscina tocaran fondo no corazón do Atlántico. De nada serviu a máquina de remo do luxoso ximnasio.

O afundimento do Titanic fora xa un berro en feitío climático dos perigos que a era dos grandes transatlánticos anunciavan. 

Mais o único que ficou daquel terribel acontecemento foron eses botes que, unha vez lles borraron o nome de Titanic, serviron para aumentar a capacidade de salvamento doutro titán, o Olympic, que foi confiscado para transporte de tropas e feridos na gran masacre da Primeira Guerra Mundial. 

O Titanic, símbolo da cobiza humana. A meirande lúa de Saturno, chea de lagos de hidrocarburos e volcáns xeados onde o metano, como a auga no noso planeta, vai evaporando e chovendo nun ciclo interminavel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.