Verdade ou non?
Cando era un rapaz, Bertrand Russell soñou que entre os papeis que deixara sobre a súa mesa de noite no dormitorio do colexio, atopava un no que se lía: “O que di doutro lado non é certo”. Volveu a folla e leu: “O que di doutro lado non é certo”. A penas espertou, buscou na mesiña. O papel non estava.
(Rodericus Bartius, Os que son números e os que non o son no Livro de soños de Borges).
A declaración en España do estado de alarma e de emerxencia sanitaria que nos ten encarcerados nos propios ou alleos fogares, moitos amoreados en infravivendas sen luz e incluso en pisos patera e sumetidos a unha treboada de informacións dos medios de comunicación, internet e redes sociais parciais, duvidosas e moitas veces fugaces ou contradictorias, mentres o exército nacional e da OTAN ocupa as rúas das cidades, semella un pesadelo do que non damos espertado ou unha distopía da seguinte temporada de Black Mirror.
Entón lembrei ese soño de Bertrand Russell e pareceume que somos personaxes dese soño a darlle a volta ao papel. Polo de agora aínda non espertamos mais cando iso aconteza pode que tampouco estea o papel. Non o hixiénico senón o que nos alerta de que o que di doutro lado non é certo polas dúas caras.
Anda por aí rulando un video de como hai unha década Al Gore alertava de que a ameaza do mundo non era xa a nuclear senón a vírica. Mais non vexo ningún da alerta que xa viñan dando os decrecentistas moitos anos antes.
Non é a primeira vez que asistimos a un estado de emerxencia no mundo. Hai anos, na zona entre Borneo e Singapur, a calidade do aire chegou a ser tan irrespirabel que os governos víronse na obriga de declarar o estado de emerxencia temporal. En determinado momento, o primeiro ministro malaio chegou a levar en público unha máscara cirúrxica e aconsellou facer o mesmo aos seus compatriotas. Mais a causa non foi ningún coronavirus senón os incendios apocalípticos provocados pola destrución das selvas máis ricas do planeta para pagar a déveda a nós, occidentais civilizados. Estes incendios causados polo neoliberalismo globalizador expuxo a uns cen millóns de persoas a unha néboa de fume mesto que se vía desde fotografías tomadas desde satélites. Mais certamente iso non ía connosco que seguimos mercando caucho, azeite de palma e pasta de madeira dos hábitats dos nosos curmáns os orangutangos. Como di Franz J. Broswimmer, estamos a asitir a un Ecocidio. É o noso sistema depredador. É o noso consumismo que engorda máis e máis a cobiza das insaciabeis multinacionais.
Agora o COVID-19 enfróntanos a algo máis terribel que o Ébola pois este se cebava en países africanos como Uganda, Congo, Sierra Leona...mentres que o coronavirus de orixe en Wuhan ameaza o planeta e, sobre todo, aos países occidentais ou orientais de economías que xa poñen en xaque a Europa e os EEUU. De aí que os rumores, as sospeitas...ou o que di doutro lado non é certo bulan polas redes de comunicación como morcegos, os mesmos morcegos que semellan estar na orixe tanto do Ébola como do Covid-19.
Como di Carlos Taibo en Colapso, as causas maiores do mesmo son o cambio climático e o esgotamento das materias primas enerxéticas mais entre as causas secundarias, multiplicadores das tensións, están as epidemias e pandemias.
Na fase de capitalismo asasino, onde a saúde da cidadanía vendeuse ao lucro das grandes corporacións, coa privatización e deterioro nos sistemas públicos de saúde, a resposta política pasa por derrochar forzas e cartos en combatir o virus con metralletas e porras no canto de o facer con persoal sanitario, material axeitado e peche de fronteiras e empresas non indispensabeis, desde o primeiro momento. Hai moitas décadas que se sabe do risco das pandemias nun mundo globalizado de movementos continúos de persoas e mercadorías (e valla a redundancia, pois a mesma cousa somos para o capitalismo). Mais vemos que non hai nin protocolos estandarizados nin coordinación. Ao sumo comparecencias de coordinadores da emerxencia e políticos rodeados de altos cargos militares nos platós das televisións. Este innecesario desplegue de forzas armadas non se ve nos países da nosa contorna como tampouco o confinamento estricto de España. E por iso a cidadanía, atordoada polo sensacionalismo das comunicacións e o estrés do isolamento forzoso, dáse a mercar papel hixiénico. Porque o coronavirus vén para sementar o medo, o medo elevado á categoría do deus Pan, o pánico.
Mentres vemos imaxes do desembarco no Obradoiro compostelán da Brilat de Pontevedra, armados ate os dentes como se foran matar virus con metralletas, policías que deteñen persoas por estar soas paseando ou facendo deporte ou que multan ás persoas por ir no carro sen xustificación, veciños que increpan e filman desde as fiestras e balcóns a nais que baixan a mercar o pan cos nenos...mentres as grandes empresas privilexiadas obrigan aos seus traballadores a ir todos os días a fabricar carros, roupa,...en citroen, inditex...como se foran productos de primeira necesidade. Anque logo veñan ao trasacordo e decidan branquexarse doando 300.000 máscaras. Unha esmola para quen evade impostos e fuga a riqueza aos grandes paraísos fiscais. Si, todos son solidarios. Así calquera é solidario.
Entramentres, cada país decide tomar medidas propias e España aproveita para recentralizar e dictar desde Madrid (a comunidade que espallou o virus) todas as normas, facendo das competencias das comunidades autónomas papel mollado.
E mentres o rei intenta facerse oir nun discurso vacuo no balbordo das caceroladas, algunhas protectoras de animais quedan sen cans polo amor súpeto dalgunhas persoas a adoptar. Porque os cans teñen dereito a tomar o sol e o ar para envexa de todos os nenos.
Certamente a estas alturas xa nada nos abraia. Non sei se isto é a antesala do Ecofascismo mais se non é, aseméllase moito. Porque o confinamento dos nenos non se padece igual na rúa Serrano ou nas segundas residencias de luxo ás que os ricos marchan do que nun zulo alugado como vivenda sen ter aforros para mercar os productos de primeira necesidade mentres se seguen permitindo as compras de trivialidades de consumo online.
Así que eu saio á fiestra no escurelo a ver se albisco ao abrenoite, ese rato con azas, ao que culpamos de todas as nosas ruindades, mais parece que tamén está en reclusión.