Correa para rato

A práctica certificación da reelección de Rafael Correa nos comicios presidenciais previstos para o próximo 17 de febreiro confirma o actual mandatario ecuatoriano, no poder desde 2006, como o líder político dese país con maior caudal de popularidade e capacidade de xestión para estabilizar un país outrora noticia polas súas constantes crises políticas e caídas presidenciais desde mediados da década de 1990.

Practicamente todas estas outórganlle a Correa estimacións calculadas en torno ao 50-60%, moi por riba dos seus contrincantes electorais

A fortaleza da candidatura de Correa como abandeirado do movemento Alianza País vese reflectida nas enquisas de intención de voto. Practicamente todas estas outórganlle a Correa estimacións calculadas en torno ao 50-60%, moi por riba dos seus contrincantes electorais, o ex banqueiro Guillermo Lasso, o magnate bananeiro Álvaro Noboa, o ex ministro de Correa, Alberto Acosta, ou o ex presidente Lucio Gutiérrez, mais coñecido pola súa participación no golpe de Estado que acabou coa presidencia de Jamil Mahuad no 2000. Por tomar un exemplo que consolida este favoritismo: Correa supera a Lasso, o segundo na intención de voto, por mais de 40 puntos porcentuais.

 

Afondando a Revolución Cidadá

A rexión encamíñase a un novo ciclo electoral onde estarán en xogo os seus logros anteriores, en particular identificados polas vitorias electorais das diversas forzas de esquerda latinoamericanas durante a derradeira década 1999-2011

Esta consolidación política de Correa e do seu movemento Alianza País define diversas variables dentro da conxuntura de forzas progresistas e de esquerda latinoamericanas, en particular tomando en conta que a rexión encamíñase a un novo ciclo electoral onde estarán en xogo os seus logros anteriores, en particular identificados polas vitorias electorais das diversas forzas de esquerda latinoamericanas durante a derradeira década 1999-2011

Neste sentido, a consistencia dos cambios políticos e constitucionais impulsados pola Revolución Cidadá de Correa, lexitimada tras un proceso constituínte celebrado en 2007, que deu paso á actual Constitución de 2008, así como a estabilidade institucional, económica e social presentada no país neste último quinquenio (a excepción de tensións aleatorias emanadas do surrealista intento de golpe acaecido en setembro de 2010 tras unha crise policial ou do prolongado pulso xudicial de Correa con medios de comunicación opositores), son variables que lle permiten ao presidente ecuatoriano afrontar con garantías un novo período de gobernabilidade.

Ante esta conxuntura, obsérvase unha marcada atomización da oposición política ecuatoriana, particularmente no espectro da dereita, e incluso a opción máis á esquerda establecida en torno á candidatura do seu ex colaborador Acosta, non atopa popularidade.

O próximo período presidencial 2013-2017 verificará ata qué punto son sólidas as bases de consolidación desta revolución cidadá de Correa. Establecidas baixo o lema oficial denominado Socialismo do Bo Vivir, esta proposta manifesta referencias anteriormente estipuladas nos casos do Socialismo do Século XXI en Venezuela e do Socialismo Comunitario do Bo Vivir en Bolivia, sendo todos eles socios activos  dentro dos mecanismos de integración da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA)

Correa reforza un ideario de carácter progresista e soberanista, con especial énfase na revitalización do sector público e no fomento dunha conciencia cidadá, indixenista e ecolóxica

Baixo a proposta de “gobernar para afondar no cambio”, Correa reforza un ideario de carácter progresista e soberanista, con especial énfase na revitalización do sector público, na reconstrución da arquitectura estatal baixo os parámetros da xustiza social e do igualitarismo, no fomento dunha conciencia cidadá, indixenista e ecolóxica e, principalmente, na diminución das desigualdades socioeconómicas, un bastión fundamental que apuntala á xestión gobernamental de Correa desde 2006.

Por mor da súa recuperación económica e da estabilidade política e institucional, o país andino ven recibindo nos derradeiros anos a varios dos seus emigrantes anteriormente establecidos en EUA e Europa. Neste sentido, o goberno de Correa ven potenciando este fenómeno a través de beneficiosos programas sociais de retorno para os seus emigrantes, aspecto que contrasta drasticamente coas políticas de austeridade e recortes establecidas principalmente en Europa.

Nos recentes foros internacionais, en especial no Cumio Iberoamericano de Cádiz celebrado en novembro de 2012, Correa ven acicalando unha política exterior mais activa no cometido da construción de marcos igualitarios de relación con Europa e, principalmente, de críticas contra este modelo económico de austeridade.

 

Un pulso contra a tentación reaccionaria

Correa que ben podería enfrontar a súbita política reaccionaria por parte de diversas elites rexionais contra os avances da esquerda latinoamericana

Precisamente, esta posición internacional de Correa pode afianzarse durante un novo período presidencial, en especial no marco dunha ALBA que xa non contará coa activa presenza do seu impulsor, o presidente venezolano Hugo Chávez, ou incluso dentro da recen creada Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC), actualmente presidida por Cuba tralo recente cumio celebrado en Santiago de Chile.

É precisamente no marco exterior onde se dirimirá este eventual liderado dun Correa que ben podería enfrontar a súbita política reaccionaria por parte de diversas elites rexionais contra os avances da esquerda latinoamericana, como sucedera co caso do golpe militar contra o ex presidente hondureño Manuel Zelaya (2009)

Unha atención especial merece o golpe institucional acaecido en Paraguai a mediados de 2012 contra o ex presidente Fernando Lugo, unha acción que pode determinar un impacto colateral cara países veciños como Ecuador, Bolivia e Perú. Tampouco se debe esquecer o complexo proceso de transición post Chávez en Venezuela, por mor dos problemas de saúde do mandatario venezolano convalecente en Cuba, e como este escenario afectaría no marco de actuación do eixe da ALBA.

Moitos identifican a Correa como un político próximo á socialdemocracia do PT brasileiro ou de Pepe Mújica en Uruguai que ao socialismo bolivariano e indixenista de Chávez ou Evo Morales en Bolivia

Con este riscos á visto, a distensión pode constituír unha clave que defina o próximo período presidencial de Correa, en especial á hora de evitar friccións e unha radicalización das forzas reaccionarias dentro e fora de Ecuador. Moitos identifican a Correa como un político próximo á socialdemocracia do PT brasileiro ou de Pepe Mújica en Uruguai que ao socialismo bolivariano e indixenista de Chávez ou Evo Morales en Bolivia. Modelos aparte, ninguén cuestiona a evidente transformación democrática e progresista presentada no Ecuador de Rafael Correa, que será ratificada coa súa eventual reelección presidencial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.