Corrompendo a convivencia

Gravado 'As Nais' (Mutter), de Käthe Kollwitz (1918) Dominio Público

Leo, con pasmo, da “ocupación ilegal do espazo público” coa que o goberno local da cidade de Donostia, quere acusar a mulleres maiores que levan nos seus carriños da compra bocadillos, ou outros alimentos, para repartir entre persoas sen teito

Leo, con pasmo, da “ocupación ilegal do espazo público” coa que o goberno local da cidade de Donostia, quere acusar a mulleres maiores que levan nos seus carriños da compra bocadillos, ou outros alimentos, para repartir entre persoas sen teito.

Desde novembro de 2020 a asociación Kaleko Afari Solidarioak (ceas solidarias de rúa) comezou a súa práctica de acompañar e asistir a persoas desprotexidas, indefensas, esfameadas e abandonadas polas institucións. En catro puntos da cidade daban ceas quentes, acompañaban aos servizos sociais ou outras necesidades destas persoas con problemas de saúde mental, drogadicción, ou emigrantes alxerianos e marroquís principalmente.

En xullo de 2026 o alcalde Jon Insausti, do PNV, acordou prohibir esta práctica solidaria apoiado polo PSE-EE, socio de goberno e polo PP. O voceiro deste partido no concello, Borja Coromina, levaba moito tempo dando a roncha nas redes coa necesidade de prohibila e, como algúns colectivos acusan o alcalde, este pregouse ás demandas do PP. Elkarrekin, Sumar e EH-Bildu criticaron a prohibición.

En xullo de 2026 o alcalde Jon Insausti, do PNV, acordou prohibir esta práctica solidaria apoiado polo PSE-EE, socio de goberno e polo PP

A asociación K.A.Solidarioak ademais de protestar e mobilizarse, de exixir ao concello un comedor social, agora sae cos bocadillos ou friameiras con comida quente nos carriños da compra e reparte entre os sen teito. Daquela, a policía local páraas, identifícaas, vixíaas, ameázaas, como lle espetou a unha destas mulleres, polo delito de ocupación ilegal do espazo público.

É sospeitoso xa ir cun carriño da compra pola moi turística e consumista cidade de Donostia chea de terrazas, bares, restaurantes e comercios de luxo. Porén, cos mesmos argumentos esgrimidos para a prohibición de tal práctica, poderían prohibir as festas patronais, as celebracións deportivas da Real Sociedade ou outros encontros onde sempre hai algúns barullos.

Imos para diante dun xeito preocupante en poñer atrancos á solidariedade, ao apoio ás persoas en situación de indefensión ou desprotección, a facer e vivir en comunidade prestándonos axuda

Imos para diante dun xeito preocupante en poñer atrancos á solidariedade, ao apoio ás persoas en situación de indefensión ou desprotección, a facer e vivir en comunidade prestándonos axuda. Prácticas estas, as de atrancar a solidariedade, que nos deshumanizan pouco a pouco. Así o individualismo, o cada quen que se zafe, o alleamento de que somos unha especie social e grazas a iso temos saído adiante, promovidas sen vergoña polo neoliberalismo que predican e exercitan mandatarios de calquera nivel. As fobias e a xenreira aos pobres e aos emigrantes medran coma cogomelos outonais nos montes e prados galegos.

Campañas sostidas en redes sociais ou animadas por algúns partidos, medios de comunicación, dirixentes,xornalistas ou “ influencers” contra as persoas pobres. Máis aínda se veñen de outros países e a cor da súa pel vai do castaño claro ao negro procurando vidas mellores, contra os MENAS (menores non acompañados), identificando a uns e outros coma delincuentes e de xeito destacado aos musulmáns como agresores sexuais, aos que tomar como chibos de algúns dos nosos males.

Esa linguaxe corrompida e corruptora de prioridade nacional, que en redes sociais han ser insoportables, e que se teñen traducido en pactos nalgunhas comunidades gobernadas por PP e VOX, van debilitándonos na nosa moral individual e social

Esa linguaxe corrompida e corruptora de prioridade nacional, que en redes sociais han ser insoportables, e que se teñen traducido en pactos nalgunhas comunidades gobernadas por PP e VOX, van debilitándonos na nosa moral individual e social, porque engurran a idea de que o acceso aos dereitos é en tanto que cidadáns e cidadás e non pola nosa orixe nin pertenza nacional. Acaso ten más dereito o que chegou primeiro? Quen tivo máis sorte? O que herdou posibles dos seus devanceiros? O que se deu ao latrocinio para enriquecerse? Quen por azares da vida e dos xenes ten a pel branca?

Milleiros de españois víronse obrigados a emigrar. Dentro das propias fronteiras ben a outros países fuxindo da precariedade e traballando duro lonxe da súa terra, das súas xentes e dos seus seres queridos. Tamén a saída do país por motivos políticos. Convén lembrar os 34.000 menores evacuados de España entre 1937-1938 para poñelos a salvo de bombardeos, fame e os horrores da guerra que foron recibidos, coidados e protexidos polos estados que os acolleron (Francia, Bélxica, Reino Unido, México, Rusia).

Fannos falta políticas públicas para as comunidades onde vivimos, onde viva e constrúa a xente, veña de onde veña, practique unha, outra relixión ou ningunha, teña a cor de pel que lle cadrou

De emigración Galicia sabe a que máis. Abasteceu de man de obra a empresas, servizos e sector primario por mundo e medio desde hai douscentos anos. Arturo Lezcano conta e retrata este país de dous millóns de emigrantes (2.000 000) no continente americano en O país invisible. En boa parte deses países sen particulares problemas coa lingua. Tamén a emigración a países de Europa (Francia, Suíza, Alemaña, Reino Unido, Países Baixos…) e a outras zonas de España. Como para escoitar a ese Figaredo de Vox chamando a “cazar inmigrantes”. Poderán escoitar os ex-emigrantes ou os seus descendentes andaluces, estremeños, galegos… a este señor chamando a cazar emigrantes e aos Tellado e outros seguidores gabándoo?

Fannos falta políticas públicas para as comunidades onde vivimos, onde viva e constrúa a xente, veña de onde veña, practique unha, outra relixión ou ningunha, teña a cor de pel que lle cadrou. Unhas e outros Suxeitos de Dereitos. Políticas públicas e xestores e administradores que defendan e poñan en práctica estas políticas non que as vaian minando un día e outro con acordos e prohibicións, eliminación de subvencións a organizacións humanitarias, endurecemento de condicións para…

Importa e importa moito, que a sociedade civil fagamos comunidade, nos organicemos e defendamos o acceso aos dereitos e ao benestar para todas as persoas que aquí vivimos e que plantemos cara e corpos aos gobernantes que cisman en corromper a convivencia no canto de promovela.

Sede do Concello de Donosti CC-BY-SA Daniel Díez Sanquirce

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.