"La Ley de Dependencia no es viable (…) Hay que ir haciendo lo que se pueda (…) Podemos tener el modelo de bienestar que nos permitan nuestros ingresos, nuestros recursos y nuestra actividad económica" (Mariano Rajoy. Presidente do Goberno Español)
Un dos sinais de identidade política do PP é a corrupción (auténtica lameira: primeiro e único partido imputado na democracia española, cun elevadísimo número de altos dirixentes igualmente imputados derivado dun inxente número de casos corrupción: Gurtel, Pokemon, Andratx, Arena, Bárcenas, CAM, Campeón, Emarsea, Fabra, Nóos, Palma Arena, Púnica, Baltar, Cela, Campeon, Conde Roa, Retablo.., tal que supoñen un auténtico saqueo das arcas públicas). Outra é a desigualdade reflectida, por caso, na total falta de sensibilidade con aqueles cidadáns, maiormente de rendas medias e baixas, que máis dificultades están atravesando por mor de seren as principais vítimas do austericidio.
Unha das evidencias de isto último témola no comportamento do PP coa Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención as persoas en situación de Dependencia (2006). Unha lei que buscaba protexer a aqueles/as cidadáns que “por razóns derivadas da idade, a doenza ou a discapacidade, e ligadas a falta ou a perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial precisan da atención de outra ou outras persoas ou axudas importantes para realizar actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou doenza mental, de outros apoios para a súa autonomía persoal”.
Segundo a Encuesta sobre Discapacidades, deficiencias y estado de salud, Galiza é unha das comunidades do Estado español con maior porcentaxe de poboación que presenta algunha discapacidade ou limitación. Segundo outras fontes, o número de persoas dependentes rolda en Galiza as 95.000, que equivalen ao 3,5% da poboación galega: unha cifra respectable como para que os poderes públicos lle presten unha atención relevante dado o número de familias galegas afectadas. Unha cifra como para considerar que unha normativa legal tal que a Lei da Dependencia resultaba moi apropiada para Galiza.
Lembremos que a primitiva Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención as persoas en situación de Dependencia (2006) tiña como obxectivos centrais que “a atención ás persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal debéranse orientar á consecución dunha mellor calidade de vida e autonomía persoal, nun marco de efectiva igualdade de oportunidades de acordo cos seguintes obxectivos: a. Facilitar unha existencia autónoma no seu medio habitual todo o tempo que desexe e sexa posible; b. Proporcionar un trato digno en tódolos ámbitos da súa vida persoal, familiar e social facilitando a súa incorporación activa na vida da comunidade”.
Uns obxectivos que se volveron imposibles de acadar por mor das limitacións lexislativas e os recortes orzamentarios aprobados polos sucesivos gobernos de Mariano Rajoy. Así o Partido Popular (PP) , ao pouco de chegar ao goberno (2012), xa deixou ben as claras as súas reais intencións en relación do Lei de la Dependencia e, xa que logo, o papel que a Administración Pública debe xogar na protección das persoas dependentes (R.D. 20/2012) (R.D. 1050/2013)
Unhas intencións que se plasmaron en cambios que supuxeron, en termos orzamentarios, uns enormes recortes no gasto público reflectidos moi especialmente nunha moi forte redución da apartación do goberno central –que fontes ben informadas cifran en 3.000 millóns de euros- coa conseguinte deriva da responsabilidade financeira deica as CCAA. Xunto aos recortes orzamentarios o goberno de M. Rajoy (PP) introduciu asemade unha serie cambios normativos que supuxeron grandes limitacións para o acceso das familias con dependentes as axudas establecidas –como por caso no relativo aos recursos destinados a cada persoa en función da dependencia, o aumento e ampliación do copago, a eliminación da retroactividade e a supresión das cotizacións a seguridade social as/os coidadores/as familiares-. Finalmente o que debera ser unha excepción –as axudas familiares: a paga- converteuse en norma -52% dos casos- en claro prexuízo do obxectivo inicial da Lei da Dependencia de crear unha rede pública de servizos pero en beneficio das aseguradoras privadas.
Na práctica isto se traduciu –como ben denuncian os informes do Observatorio da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais -nunha enorme mingua e unha grande desnaturalización dos obxectivos iniciais fixados na primitiva Lei da Dependencia. Unha auténtica “demolición” da mesma con consecuencias, en demasiados casos, fatais para as persoas dependentes: fontes do sector calculan que unha media diaria de 90 persoas dependentes falecen sen recibir ningún servizo. Unha realidade que fai que, segundo cálculos moi fiables, nos derradeiros catro anos máis de 125.000 persoas dependentes morreran mentres agardaban percibir unha prestación ou servizo ao que tiñan dereito.
Se analizamos o posterior desenrolo da Lei da Dependencia vemos como os feitos deixan ben as claras a anteriormente subliñada falta de sensibilidade do PP cos cidadáns que máis sofren, neste caso as persoas dependentes. Así as evidencias e os datos estatísticos mostrannos como moitas persoas dependentes foron quedando fora do ámbito da aplicación da citada lei e, xa que logo, do dereito a recibir os servizos e prestacións que a Lei da Dependencia ten establecidos. Unhas estatísticas que reflicten como son políticas as razóns que explican os recortes en dependencia tal como demostra o feito de que España está entre os estados europeos que menos gasto público destina a atención as persoas dependentes a pesares de contar con un elevado número de cidadáns nesa situación: se na UE15 o 11,4% das persoas maiores de 65 anos reciben axudas públicas para a dependencia en España a cifra é do 8,1%.
Uns recortes que no caso de Galiza fan que o nivel de desenrolo da Lei da dependencia estea no nivel medio de España (6,07 sobre 10) cando, como dixemos antes, Galiza é unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de poboación que presenta algunha discapacidade ou limitación. En relación as persoas dependentes: as persoas beneficiarias sobre o total da poboación potencialmente dependente achéganse ao 6,43% -claramente por baixo da media española: 8,47%, o que a sitúa de 3ª pola cola entre as CCAA-, as persoas que non obteñen grado supoñen o 14,54% entre as persoas ditaminadas -20,09% de media española-, as persoas con dereitos pendentes de atención (“están no limbo”) supoñen o 26,16% -para unha media en España do 28,9%-, as solicitudes entre a poboación potencialmente dependente representan o 10,41% -para unha media en España do 15,88%: 2ª pola cola- e o incremento anual de persoas atendidas é do 17,40% -8,72% de media estatal-, cifras que fan que o número de persoas beneficiadas (PIA) sobre o total da poboación en Galicia (1,46%) estea claramente por baixo da media española (1,6%). Unha situación que está relacionada directamente co gasto público destinado a dependencia: Galicia emprega 409,69 euros por persoa dependente –moi por baixo da media española que está nos 554,97 euros: 74%-. Un déficit orzamentario que ten o seu impacto nos servicios e prestacións: o equilibrio servizos/prestacións está en Galiza no 26,33% -o 2º mais baixo de España cuxa media e do 41,73%- e o ratio prestacións/persoas beneficiadas é do 1,12 -1,23 de media española-. Galiza aparece, xa que logo, como unha das comunidades españolas que menos recursos publicos destina a atención as persoas dependentes o que se reflicte nun menor número de persoas beneficiadas e unha peor atención pública as mesmas.
Uns recortes que traen en Galiza, como sucede a nivel español, consecuencias dobremente negativas tanto para as persoas dependentes como para o emprego, pois outra das grandes virtudes da Lei de Dependencia é a súa enorme potencialidade na creación de emprego.
Unha realidade que, no curto prazo, non vai cambiar para mellor senón que todo indica que de seguir gobernando o PP, tanto en España como en Galiza, a situación das persoas dependentes seguirá a empeorar, pois segueran os recortes. Uns recortes que non están xustificados por que cando o Goberno español e a Xunta de Galicia, ámbolos dous en mans do Partido Popular (PP), afirman que a Lei da Dependencia non é financeiramente viable, MENTEN.
Que o partido máis corrupto de Europa (PP), unha corrupción que, segundo a CNMV, nos custa máis de 90.000 millóns de euros cada ano, se estea cargando a Lei da Dependencia débese, como vimos de demostrar, a razóns políticas e non financeiras –hai recursos suficientes-. Débese a que as súas políticas amparan a corrupción e disparan a desigualdade deixando moitas vítimas no seu camiño, como por caso as persoas dependentes. As evidencias son concluíntes.