O Goberno do Estado vén de aprobar o proxecto de lei para a reforma da lexislación procesual penal. Unha reforma totalmente limitada e continuista, que non resolve os problemas das nosas investigacións penais.
Os titulares desta reforma son a substitución do termo “imputado” por “investigado” e máis a fixación de prazos máximos para as investigacións: 6 meses para as pescudas sinxelas e 18 meses para as complexas
Os titulares desta reforma son a substitución do termo “imputado” por “investigado” (na liña do “argüído” do proceso penal portugués) e máis a fixación de prazos máximos para as investigacións: 6 meses para as pescudas sinxelas e 18 meses para as complexas. Estes prazos serán máis ou menos ampliábeis “á carta”, mais sempre co acordo do Ministerio Fiscal,co risco de que o Fiscal Xeral do Estado, a medio da súa potestade xerárquica, poida pechar en falso as investigacións penais de corrupción e semellantes que non lle interesen ao Goberno do Estado, sexa cal for o que estea por quenda.
Mais o proxecto non aborda as grandes cuestións da xustiza penal no Estado español: a dotación de medios materiais e humanos e máis a atribución da instrución penal a unha Fiscalía totalmente independente do Goberno. Unha Fiscalía dirixida, en cadanseus ámbitos (autónomos entre si) por un Fiscal Xeral estatal e un Fiscal Superior de Galicia elixidos por cadanseus parlamentos por maiorías cualificadas (2/3 ou 3/5, cando menos).
Esta atribución á Fiscalía da competencia de investigación penal habería acompañar a atribución aos xuíces de instrución das competencias de control xudicial do proceso, para garantir a igualdade de dereitos entre as partes (con nomeada atención á defensa e á acción popular) e que todas as medidas cautelares (fianzas, embargos, a excepcional prisión preventiva) se adoptasen por órganos independentes dos que levan a instrución. Non se pode repenicar e estar, ao tempo, na misa. Non se pode darlle pulo á investigación e, ao tempo, mirar polos dereitos dos investigados.
O problema, daquela, é de medios e de concepto. Non de amaños trapalleiros nin de propaganda
Canto aos medios, contamos con pouco máis da metade dos xuíces que nos corresponderían de acordo cos parámetros do resto da unión Europea. E velaí o grande problema que manca a nosa xustiza penal. Ao que compre engadirlle a non cobertura de vacacións e baixas do persoal administrativo e recortes nos demais medios materiais, estes xa da plena responsabilidade da Xunta de Galicia.
O problema, daquela, é de medios e de concepto. Non de amaños trapalleiros nin de propaganda.