Corrupción e réxime da transición

1, O sistema capitalista é esencialmente corrupto (baséase no roubo: plusvalía); isto é, a adquisición do beneficio, da riqueza, realízase mediante a apropiación de traballo non pagado.
Mais o sistema non se ve, ideoloxicamente, como corrupto, senón como “xusto”: considera, enganosamente, que hai un intercambio libre entre mercadorías, (da clase que sexan e nos mercados que sexan. Mercado de traballo, por exemplo).

En suma, o sistema xera, ideoloxicamente, a ideoloxía da corrupción, aínda que non se vexa así.

2, O sistema ten como principio o beneficio, a xeración de capital. Ou sexa, esa adquisición de tempo de traballo ten coma obxectivo a adquisición dunha ganancia.

O sistema ten como principio o beneficio, a xeración de capital. Ou sexa, esa adquisición de tempo de traballo ten coma obxectivo a adquisición dunha ganancia.

Agora ben, o sistema como tal non pode establecer ningún mecanismo corrector dese obxectivo, no sentido de que regule procedementos aceptábeis e impida outros inaceptábeis. Para facer iso cómpre que “desde o exterior” se establezan unhas regras de xogo: son a moral ou o dereito. Para o sistema, en principio, os medios simplemente son funcionais aos fins; ou sexa, todo medio é bo se leva ao que se quere, á procura do beneficio.

3,  Hai procedementos aceptábeis e outros inaceptábeis, ou, simplemente, o que hai é unha indiferenza e o único que cabe é dilucidar a bondade ou non dun procedemento se serve para o obxectivo sistémico?

Mais o certo é que si hai un problema da corrupción para o sistema (unha contradición máis do mesmo): acéptase a corrupción, porque non se ve como tal, pero “todo ten uns límites”: a corrupción, a certos niveis e en certos ámbitos, resulta ser disfuncional.

Disfuncional porque con ela se poden conseguir beneficios non por ofrecer maior produtividade, senón por mecanismos alleos ao mercado.  Ou sexa, hai unha corrupción que resulta contraditoria coas condicións de desenvolvemento capitalista e que resulta desmotivadora do desenvolvemento económico, da mellora da produtividade: co “roubo” (non só aos obreiros -isto é aceptábel, aínda que non se ve como roubo-, tamén ao Estado, ou, o que é “peor”, a outros capitalistas) desincentívase a mellora da “competitividade”.

4, Hai, pois, dúas corrupcións no sistema: a “normal” e a “disfuncional”.

Hai, pois, necesidade de mecanismos sociais (non abondan os individuais, a moral) para atallar a corrupción disfuncional; e este é o lugar do Dereito.

O Dereito como construción parlamentaria; o ideal sistemicamente consiste en posibilitar os debates entre os sectores burgueses aí representados, onde se establezan as “regras de xogo” en función de consensos ou de correlacións de forzas intraburguesas. O Dereito, por tanto, respondendo aos intereses da burguesía como clase. Que isto sexa así e non responda a intereses sectoriais só se asegura nun sistema formalmente democrático, no que poidan participar todos os estratos burgueses.

Máis corrupción é consecuencia de menos “control democrático”. É dicir, máis corrupción é consecuencia de ausencia real ou formal de “regras de xogo” burguesas

Naturalmente, iso non quita que en situacións de crise hai alternativas: estados de excepcións legais ou “ilegais”; co fin de restablecer a orde e a conseguinte volta ao parlamentarismo cando iso se faga.

5, Máis corrupción é consecuencia de menos “control democrático”. É dicir, máis corrupción é consecuencia de ausencia real ou formal de “regras de xogo” burguesas. Hai máis corrupción nos réximes burgueses menos democráticos; é dicir, menos burgueses, máis febles desde o punto de vista da burguesía: sen capacidade de impoñer a hexemonía ideoloxicamente: precisa de impoñer os seus intereses pola forza.

A ausencia de mecanismos correctores da corrupción permite que sectores da burguesía máis próximos ao poder vexan a posibilidade de aumento de beneficios mediante procedementos “administrativos” ou “políticos”. Ou sexa, nos países con sistemas de democracia formal hai un sistema normativo que tenta impedir a corrupción disfuncional. Nos países con carencia de mecanismos democráticos non quedan claros os límites para a adquisición de ganancias; e cada sector tenta beneficiarse das súas “relacións” para acadar os obxectivos esenciais; ningún procedemento se ve como inaceptábel e “todo vale”, segundo o “poder” de que dispoña: nada se ve como roubo e “parvo ou pardillo o último”.

Finalmente, esa tendencia á corrupción “excedente” está sempre presente, por iso é necesario o seu control legal; e por iso podemos dar con ela en calquera momento e en calquera país, pero nos países democráticos o seu combate é algo xeralmente admitido, así como a súa inaceptabilidade, ao reflectir esa norma un estado de conciencia maioritario; o que non se dá nos réximes autoritarios.

O capitalismo en España é claramente corrupto, como sistema, como en todas partes; pero, ademais, e por razóns obviamente históricas, abondan os capitalistas corruptos

6, O capitalismo en España é claramente corrupto, como sistema, como en todas partes; pero, ademais, e por razóns obviamente históricas, abondan os capitalistas corruptos, desa corrupción “excedente” da que falabamos (resulta sintomático que un dirixente na patronal chegue a ser “cazado” por corrupción; ou sexa, que mesmo para os “poderes do Estado” e, por tanto, para a legalidade vixente, excedeu con moito o aceptábel. Era, realmente, verdadeiro representante da patronal).

As razóns históricas sitúanse no antigo réxime, no réxime franquista. Este, como réxime fascista e autoritario, non dispoñía de mecanismos correctores da corrupción disfuncional; e con isto moito ten que ver a limitada competititivade do capitalismo español. Os capitalistas viviron baixo “a sombra protectora” do franquismo e non tiveron incentivos para procurar unha mellora da produtividade; o beneficio a curto prazo estaba asegurado e era “perder tempo e diñeiro” mirar máis aló. Se non hai regulamentos externos o curtopracismo, a procura inmediata do beneficio, é o que anima ao capital. Cada un “vai ao seu”; e os que están mellor “situados no réxime” ven multiplicadas as ganancias grazas a procedementos “administrativos” ou “burocráticos”: “todo vale” para enriquecerse (e por que non?).

A inmodélica transición o que fixo foi asegurar o mantemento de privilexios políticos e económicos por parte das elites políticas e económicas. Naturalmente, iso significa tamén o “mantemento dos vicios e virtudes” do franquismo. Nese sentido é no que está claro que pode falarse de réxime postfranquista, de réxime do 78. As “novas” regras de xogo resultaron non ser tan novas: todo mudou para que nada mudase. O que implica que non houbo sanción de ningún tipo, nin sequera para os procedementos habituais no franquismo de procura do beneficio.

O postfranquismo mantivo un franquismo ideolóxico: elites políticas do franquismo como condutoras do cambio. As elites económicas do franquismo son elites económicas da “democracia”

O que se produciu, deste xeito, foi un enquistamento da corrupción por debilidade da democracia: o postfranquismo mantivo un franquismo ideolóxico: elites políticas do franquismo como condutoras do cambio. As elites económicas do franquismo son elites económicas da “democracia”. Non houbo ruptura co franquismo e, polo mesmo, só houbo cambios cosméticos. Se seguen a mandar os mesmos, onde se manda, e tamén moitos onde “parece que se manda” e agora xa estamos “na democracia” non se entende que había de malo antes.

De feito, a corrupción foi unha constante, un sinal do réxime postfranquista, da que non escaparon (nin escapan, nin o pretenden, faltaría máis¡¡) os principais partidos e os gobernos que estes sosteñen. Os partidos do réxime, precisamente os partidos que lideraron a “transición democrática” e os “consensos”, ou sexa, os partidos postfranquistas, reiteradamente aparecen asociados aos máis sonoros casos de corrupción. En ningún caso hai unha  colaboración cos tribunais, senón todo o contrario.

E a corrupción non só consiste neses casos exemplares de todos coñecidos; tamén son evidentes manifestacións da mesma: o proceso que levou á crise das caixas de aforro, fraude fiscal xeneralizado, o uso de diñeiro público cara fins privados, a conversións dos medios públicos de comunicación en voceiros do partido que goberna, as “portas xiratorias” dos políticos do réxime en conselleiros delegados de empresas multinacionais (nalgúns casos como premio pola súa “esquerdista” política, claro está) ... 

E chama a atención a pouca atención que se lle presta aos “corruptores”; aos que se mantén nun segundo (ou terceiro, ou cuarto, ou quinto, ou ...) plano, aos que máis se beneficiaron da corrupción: os que obtiveron o seu beneficio “non en boa lide capitalista”, senón “utilizando” mecanismos inaceptábeis -mesmo desde o punto de vista capitalista-. Isto lembra a aquelo de mirar o dedo que sinala a lúa en vez de mirar a lúa. Pero hai moito interese en que sexa así, claro.

7, Naturalmente, nos casos máis extremos e insultantes de corrupción, os partidos (do réxime) non implicados fan moitos espaventos e  claman contra a corrupción (como se non fose nin fora nunca con eles). Naturalmente, contra a corrupción dos políticos corruptos (dos dos outros partidos do réxime). Non contra a corrupción, evidentemente. Nin tampouco contra os que corrompen. Trátase de limitar a corrupción a uns casos concretos e moi particulares: a uns señores e/ou señoras determinados e determinadas. Nada ten que ver, para eles, a corrupción co réxime, nin moito menos co capitalismo. Para nada se trata, neste caso, da procura das causas da corrupción e actuar contra elas. Só se trata de actuar contra os efectos (e contra certos efectos); de novo, para que todo siga igual.

8, En conclusión e resumindo. A corrupción “normal” como esencial ao capitalismo; a corrupción “excedente” como esencial aos réximes con claras eivas democráticas. A corrupción en España e en Galiza como un produto do réxime franquista e dunha transición que mantivo no poder ás mesmas elites. A corrupción en España e en Galiza como resultado dunha transición que non foi á democracia porque non foi propiamente tampouco unha transición, porque non rompeu (non houbo ruptura) co franquismo senón que consistiu nunha mudanza que fixese presentábel aos mesmos detentores do poder. 
En síntese, identificación entre: corrupción e sistema; corrupción e franquismo; corrupción e réxime da transición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.