Corrupción endémica e recorrente

O auto de apertura do xuízo oral (que determina que unha instrución penal xa pasa a xuízo e os acusados van sentar no banco) da primeira peza da Gürtel e máis os termos da acusación da Fiscalía Anticorrupción sentan no banco aos tres últimos tesoureiros do PP, para os que se piden severas penas e imputa ao proprio PP como responsábel civil, reclamándolle máis de 250.000 € só polo beneficio directo obtido nuns anos en só dous concellos de Madrid. Fican varias outras pezas separadas desta causa que seguirán a xulgar persoas chave do PP que presidiron Aznar e Rajoy, canda unha organización á que se lle entregou dende a sede popular de  Génova  a organización de milleiros de eventos na España do aznarismo. Velaí que ao caso Gurtel ben se lle poida chamar caso PP.

A corrupción endémica desprestixia as institucións, dana a competitividade empresarial e manca animicamente á cidadanía

O estadio das pescudas da xuíza Alaya reflicten unha corrupción endémica na Administración andaluza, que o PSOE dirixe ininterrompidamente dende 1982. O saqueo dos fondos públicos para a promoción do emprego resulta nomeadamente inmoral, o mesmo ca a conciencia xeneralizada de impunidade que acubillaban os altos cargos andaluces atinxidos. Velaí que ao caso EREs ben se lle poida chamar caso PSOE de Andalucía.

A que agarda o alcalde Negreira para cesar ao vicealcalde Julio Flores? Non se decata o alcalde que está a proxectar o espectro da dúbida a respecto do conxunto do goberno local da Coruña?

E, no noso país, estes días coñecemos do auto da xuíza de instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, no que lle outorga a cualidade de testemuña protexida a un técnico do Acuario coruñés, mentres relata supostas relacións moi íntimas e colusorias entre o actual contratista do mantemento biolóxico do Acuario, algúns dos funcionarios municipais que alí serven e o vicealcalde coruñés Julio Flores. Sen poder determinar a entidade penal destas condutas (a presunción de inocencia ha ser respectada absolutamente) o texto deste auto e o que coñecemos da instrución reflicte univocamente a existencia de comportamentos absolutamente inmorais en termos cívicos, que merecen a absoluta reprobación política. A que agarda o alcalde Negreira para cesar ao vicealcalde Julio Flores? Non se decata o alcalde que está a proxectar o espectro da dúbida a respecto do conxunto do goberno local da Coruña?

A corrupción endémica desprestixia as institucións, dana a competitividade empresarial e manca animicamente á cidadanía, que terma en esixir unha clara remuda de paradigma que recupere para a política os valores da decencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.