Corrupcion sistémica

“Algo cheira a podre …… e non só en Dinamarca”

Unha das mais claras mostras da crise sistémica que afecta ao réxime borbónico español é a extensión e a fondura no mesmo da corrupción. Unha corrupción que se estende dende a xefatura do estado ao sistema político partidario pasando por elementos claves daquel tales como sectores do exercito e da xudicatura. Unha corrupción que chegou moi fondo pois veuse favorecida polo modelo económico español das derradeiras décadas –as burbullas inmobiliaria e crediticia- que foi e segue sendo financiado e estimulado pola oligarquía financeira e inmobiliaria que dirixe e orienta a vida económica, política e mediática do estado español. Unha extensión é unha fondura tal que xustifican que sexa considerada como unha corrupción sistémica.

Quedan hoxe moi poucas dúbidas, a pesar do silencio mediatico, de que a monarquía borbónica española navegou todos estes anos moi cómoda na corrupción e non so polo chamado “caso Noós” que atinxe a infanta Cristina e ao seu marido I. Urdangarín. Por unha parte resulta moi difícil de admitir que tanto o exmonarca Juan Carlos como o actual rei Felipe VI non coñeceran e, xa que logo, consentiran as ilegais e ilícitas operacións financeiras dos seus familiares. Pola outra hai dúbidas moi fundamentadas tanto sobre a orixe como sobre a formación da grande fortuna do exmonarca –fálase de mais de 1.800 millóns de euros-: dende escuros negocios coas corruptas e despóticas monarquías petroleiras ata comisións elevadas en diferentes intercambios comerciais internacionais son as fontes que se citan como orixe da fortuna da monarquía española que aparece así ligada a practicas claramente corruptas (PASCUAL SERRANO: “Dos escándalos sexuais ao caso Urdangarín”). Unha crenza moi estendida entre importantes e rigorosos medios de comunicación internacionais –Financial Times, Le Monde, The New York Times, The New Yorker, Der Spiegel, entre outros- que teñen publicado sobre elo abondosos informes que, por suposto, nunca apareceron en medios españois por razóns de sobras coñecidas (PASCUAL SERRANO……).

Como nos informou o extenente Luís G. Segura –unha información que lle custou a súa carreira militar- no exercito español “a corrupción campa a súas anchas con total impunidade” (LUIS G. SEGURA: “Un paso ao fronte”, “Código roxo”). Xustifica esta afirmación en feitos como que “aínda ninguén explicou por que nos cuarteis hai unha contabilidade B, por qué hai portas xiratorias entre a cúpula do Ministerio de Defensa e as empresas de armamentos, por que hai que soportar unha débeda de 40.000 millóns de euros en armamento inservible”. Unha débeda orixinada en “facer avións que non voan, como o A400M que se estrelou en Sevilla, en submarinos que non flotan como o S80, carros de combate como os Leopard 2E que non caben nos avións de transporte”. Unhas portas xiratorias que permiten que “o xefe do Estado Maior do Exercito de Terra, o xeneral Carlos Villar Turrau sexa fichado pola empresa Santa Barbara Sistemas, coa que pouco antes pechaba contratos. Que o Xefe do Estado Maior da Armada, o almirante xeral Sebastian Zaragoza Soto colgue o uniforme para converterse en asesor da empresa naval militar de Navantia” (LUIS G. SEGURA…..). 

A xustiza pola súa parte non ten sido a garantía que debera fronte a corrupción. “A xustiza española é compracente coa corrupción” (CARLOS J. VILLAREJO: El diario.es 27.03.2013, El Pais 16.01.2015). Aínda que as evidencias son numerosas baste con citar tres casos destacados desta compracencia: os casos de Emilio Botín, Cesar Alierta  e Jordi Pujol. A Axencia Tributaria descubre (2007) un fraude fiscal de 80 millóns de euros cometido dende o Banco de Santander. Un fraude que queda impune pois o fiscal non exerce a acusación e non se pode celebrar o xuízo, “non se puideron practicalas probas, non puideron declarar os acusados, os testigos, os peritos… sen xuízo houbo absolución. O caso Botín é o caso mais paradigmático da submisión do poder xudicial co poder económico” (CARLOS J. VILLAREJO…). O caso Alierta –tamén chamado caso Tabacalera- foi moi parecido, terminou sen condena por que aínda que os feitos eran delictivos o suxeito non “podía ser condenado xa que transcorrera o prazo de prescrición contando a partir dunha determinada data. Tamén alí crearon unha doutrina ad hoc para que o señor Alierta saíra libre” (CARLOS J. VILLAREJO…).  A Fiscalía Xeral do Estado vetou a investigación (1987) da fiscalía de Catalunya sobre os casos de corrupción do goberno da Generalitat presidida por J. Pujol e ligados a Banca Catalana. O motivo “era a blindaxe política que imperaba entón entre o PSOE e CiU, socios políticos no Congreso baixo o goberno de Felipe González” (CARLOS J. VILLAREJO…). Este caso remataría “nun Pleno da Audiencia Territorial no que se exculparía ao presidente da Generalitat por 33 votos contra 8” (CARLOS J. VILLAREJO…). 

Unha corrupción que atinxe aos principais partidos do arco parlamentario español e moi especialmente ao PP (Partido Popular) e a CDC (Converxencia Democrática de Catalunya) sen que o PSOE (Partido Socialista Obreiro Español) poda dicir que sexa alleo ao fenómeno. Caben poucos dúbidas sobre que o PP (Partido Popular) é, hoxe por hoxe, un dos partidos europeos mais ateigados na corrupción: a Operación Púnica, as tarxetas de Caja Madrid, os papeis de Bárcenas, a Gúrtel, con centos de directivos e dirixentes do PP implicados –o propio presidente M. Rajoy, exministros, presidentes de comunidades autónomas, de deputacións, gobernadores e alcaldes, deputados-, son evidencias dunha trama corrupta institucionalizada e estendida. O mesmo cabe dicir de CDC (Converxencia Democrática de Catalunya) imputada tamén en numerosas tramas de corrupción: o caso Millet-Palau da Musica, os casos Sumarroca, ITV, Adigsa, Pretoria, as contas en paraísos fiscais da familia Pujol-Ferrusola dan fe, ao igual que sucede co PP, dunha trama de corrupción institucionalizada e amplamente estendida. Aínda que en moito menor medida o PSOE tamén viuse envolto no seu día en casos relevantes de corrupción: asunto FILESA, caso Roldan..

Unha corrupción que non sería tan fonda e extensa sen a participación activa e a cobertura da oligarquía financeira e inmobiliaria que domina España. Unha participación que tivo o seu punto álxido na fase expansiva da economía española coa plena extensión das burbullas inmobiliaria e crediticia. As hemerotecas están cheas de casos de corrupción nos que aparecen involucrados conxuntamente dirixentes políticos con empresarios da construción e directivos bancarios. A sistemática maioritaria da corrupción: adxudicación irregulares de obras públicas, construcións sen licenza, recalificacións sospeitosas, pagos en negro, pagos e cobros de comisións multimillonarias, desvío de grandes sumas de diñeiro a paraísos fiscais, branqueo de diñeiro…. implica a participación coordinada de políticos, banqueiros e construtores a niveis local, autonómico e estatal.

Velaí unha das grandes tarefas coas que se debera enfrontar o goberno español que saia das eleccións do 20 D: a loita firme e decidida contra a corrupción sistémica. Pero, non sexamos ilusos, iso non será posible si nese goberno están os partidos sistémicos que ben ampararon esa corrupción (PP, PSOE)  ben se apoian     –e se financian- nas grandes sociedades do IBEX 35 principal foco de corrupción e fraude en España (CIUDADANOS).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.