Cando no ano 2007 se pretendía instalar unha macroplanta para a xestión dos residuos do sur de Galiza, no concello de Carballeda de Avia, houbo unha masiva resposta social no Ribeiro. A xente non a quería, nin polos problemas medio ambientais derivados nin polo mal nome que lle quedaría ós nosos caldos, base fundamental da economía desta bisbarra, tanto a nivel industrial como a nivel de supervivencia ou familiar.
O PP posicionouse en contra, granxeándose un enorme número de votos nas posteriores eleccións á Xunta do 2009. Maioría absoluta. O bipartito estaba, daquelas, a favor. Agora, cun novo plan de xestión de residuos que é basicamente o mesmo, pero co perigosísimo engadido do experimento químico permanente que supón a incineración, as tornas mudan. Quen antes estaba a favor agora está en contra: o que antes ser moi mal, permanecer todo igual, e hoxe resultar excelente…
Pero que ninguén se leve a enganos. Se antes levaríamos a mala fama, agora tocaranos a contaminación. É que unha incineradora contamina, e moito. E o Irixo está demasiado preto, pese o que poidan pensar algúns, crendo que o Irixo está en África, e por iso hoxe o Ribeiro apenas se manifesta. Os ventos da zona de ubicación da planta traerannos os contaminantes atmosféricos, derivados de incinerar todo tipo de residuos, durante unha media de 100 días/ano: CO2, óxidos de nitróxeno e xofre, partículas, ácidos, dioxinas,…
Algúns destes elementos provocan o que se coñece como choiva ácida que, o depositarse na terra, provoca mudanzas no pH da mesma por diminución. As terras vinícolas do Ribeiro conteñen enormes concentracións de cobre, debido ó emprego masivo deste contido no sulfato empregado para a loita contra enfermidades criptogámicas (mildiu, botrite, oídio, …) durante décadas. Estudos da universidade de Vigo, pioneira na análise das dinámicas de cobre en solos de viñedo, dos cales quen escribe formou parte, determinaron que este cobre, retido no solo por certas estruturas do mesmo, será liberado se o pH dos solos diminúe, dado que hoxe en día o propio solo actúa de retén para este metal pesado. Se este cobre, retido en estruturas edáficas de forma masiva, se libera por mor da acidificación do solo atoparémonos, indefectiblemente, cunha diminución na calidade e cantidade das colleitas e, en último caso, coa morte dos viñedos e da socioeconomía do Ribeiro. Non hai medias tintas.
Pero si hai algo máis. A incineración leva consigo tratamento de efluentes (augas). Este tratamento de efluentes se traducirá nunha contaminación de arsénico, cadmio, mercurio e fenois, produtos altamente contaminantes das augas, incluso a pequenas concentracións, ademais dos nocivos lixiviados (líquidos rezumantes procedentes dos residuos almacenados). Os principais ríos do Irixo coma o son o Viñao, Arenteiro e os tributarios destes, son os afluentes máis importantes do río Avia. O Ribeiro converterase así pois, por imperativo da Xunta, no retrete do lixo galego.