Covid-19 e redención da humanidade

Desde a mesma xénese da humanidade tiñamos, no mellor dos casos, un 50% de probabilidades de sobrevivir tras padecer un andazo, xa fose este de orixe viral ou bacteriano. O ser humano pasaba frío cada inverno até o punto de que as baixas temperaturas se situaban na orixe de cíclicos e regulares falecementos masivos. Amais, os períodos de fame eran a norma antes da chegada da primavera, implicando un consecuente incremento na taxa de mortalidade, nomeadamente entre os espécimes máis febles e novos. E así transcorreron milleiros de anos! Só en datas relativamente recentes, de xeito máis acentuado trala segunda guerra mundial, interveñen fenómenos que van revolucionar o noso devir, como son a invención dos antibióticos e a xeneralización da vacinación, xunto co auxe e normalización do uso do petróleo que, asemade, empurra en gran medida a produción agrícola e permite alimentar a un maior número de persoas. 

A resultante de todos estes flamantes procesos e innovacións é que a poboación mundial duplica a súa esperanza de vida e, por extensión, multiplica as súas unidades de xeito exponencial, que se diseminan ao longo e ancho do planeta como nunca antes, detonando á súa vez novos cambios, cada vez máis amplos e profundos. Antibióticos, vacinas e petróleo fan que a humanidade se impoña sobre a súa sorte animal, substraéndose momentaneamente da súa fráxil condición natural. A ditadura do ser humano sobre o resto de especies e, en xeral, a consolidación da súa ascendente e poder sobre o planeta terra, que implica unha consecuente e perniciosa transformación do medio, ten unha curta historia, de pouco máis de medio século. Unha gota de auga na historia humana iniciada na noite dos tempos, e que sempre estivera marcada pola enfermidade, o frío e a fame, e, sempre en loita contra os elementos, pola inconsistencia da propia vida. 

Así as cousas, cunha ampla perspectiva temporal, a actual pandemia de Covid-19, a catástrofe que a día de hoxe atravesamos, non ten nada de orixinal. Á luz da historia da humanidade o andazo xurdido en Wuhan, na China, debe ser interpretado coma un inesperado e doloroso recordatorio da nosa propia condición, sendo o noso cotiá a indefensión fronte á hostil entorna. A anomalía son os últimos anos, que representan un período inédito e extraordinario da nosa evolución. Unha nova era que Jean-François Lyotard cualifica de posmoderna, na que triunfan as ciencias humanas sobre as naturais, as interpretacións sociais sobre os feitos, a subxectividade sobre a obxectividade. Unha nova era adobiada dun contexto intelectual que, obviando o máis básico, a saber que o home non é máis ca un simio que sobrevive grazas á técnica, adormece a consciencia da precariedade da nosa existencia, retirándonos toda carga natural en beneficio da única carga cultural para interpretar dun mundo que segue a ser pouco humano.

Esquecemos que sobrevivimos en virtude do fogo que nos quenta en inverno, que nos permite vivir en climas denantes inhabitables e cociñar os alimentos. En virtude de técnica que nos proporciona vestimenta e calzado, vivenda, vehículos de transporte, ferramentas de todo tipo, coidados e medicinas para vivir de xeito seguro e confortable... En virtude desa mesma técnica que, aínda hoxe, permite salvar un importante número de pacientes graves infectados de coronavirus en virtude de combinacións de medicamentos xa existentes e con asistencia respiratoria artificial. Esa técnica que tamén permite identificar as pautas de expansión do virus e implementar medidas para frear o seu auxe, ou que permite radiografar polo miúdo a propia natureza do Sars-Cov-2, sendo unicamente cuestión de tempo o descubrimento dunha vacina e tratamento eficaces que lles permitan ao ser humano pasar definitivamente páxina da pandemia. Virus mediante estamos en pleno xiro realista da nosa existencia, dolorosa toma de conciencia da nosa fráxil condición, diante da redención da nosa humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.