Cre que vive nun Estado laico? Pois lea a Puente Ojea

O 10 de xaneiro morreu en Getxo (Biscaia) o diplomático e intelectual Gonzalo Puente Ojea, nado o 21 de xullo de 1924 en Cienfuegos no seo dunha familia galega. Tras a morte do pai, cónsul xeral en Santiago de Cuba, foi en Vigo onde pasou a infancia e a primeira adolescencia. A falta de estatura do executivo do PSOE encabezado por Felipe González truncou a súa carreira profesional. Tras ser nomeado embaixador ante a Santa Sé –malia que había tempo que deixara de ser crente–, tivo que abandonar o posto en 1987 cando se divorciou e volveu contraer matrimonio civil.

Aínda está por valorar debidamente a extraordinaria e extensa obra intelectual que nos legou Puente Ojea. Non tivo a proxección que merecía, se cadra porque era independente e non pertencía á academia. É curioso, por exemplo, que o seu libro quizais máis memorábel, Ideología e historia. La formación del cristianismo como fenómeno ideológico, que apareceu en 1974, sexa tan pouco citado pero siga a editarse. Non hai teólogo que non o coñeza, pero é como se non existise.

Puente Ojea tamén nos ofrece unha valiosa valoración crítica do papel da igrexa católica na historia contemporánea de España. Segundo o autor, a igrexa, tras ver como perdía moitísimo poder durante a II República, implicouse na Guerra Civil e acabou tendo unha relación simbiótica co Estado franquista. O Concilio Vaticano II marcou un punto de inflexión: malia a súa ideoloxía nacionalcatólica, os prelados españois foron afastándose paseniño dun réxime imposíbel de encaixar no modelo liberal-democrático adoptado por Roma. A partir daquel momento, á igrexa española preocupoulle basicamente manter a súa posición de privilexio no posfranquismo. A renuncia á catolicidade formal do Estado parecía inevitábel, así que había que procurar que a democracia que se anunciaba só fose aconfesional en aparencia.

A transición política foi, segundo Puente Ojea, un proceso defectuoso: fíxose sen garantías democráticas, sen un goberno provisional neutral e sen un parlamento constituínte. Naquel contexto atípico, a igrexa soubo moverse cunha destreza fabulosa. A maioría católica e a indolencia da esquerda fixeron que o relatorio constitucional non deparase sorpresas, mentres a Santa Sé negociaba co Estado uns acordos internacionais que se asinaron só uns días despois da promulgación da lei fundamental. Finalmente, a igrexa católica colocouse na posición privilexiada que segue a ocupar: vantaxes fiscais e financeiras, protagonismo destacado no campo educativo, nos hospitais, nas forzas armadas e nos cárceres, violacións da aconfesionalidade do Estado, calendario laboral condicionado polas festividades católicas, etc.

Nestes tempos de pensamento amansado paga a pena achegarse á figura e á obra de Gonzalo Puente Ojea. Foi un home de esquerdas comprometido coa causa do laicismo e do republicanismo, que defendeu con gran coherencia ideolóxica e de acción, con rigor, intensidade e paixón. Tiña a presenza aristocrática e severa que no noso imaxinario aínda lle atribuímos a un embaixador. E iso é exactamente o que foi: un embaixador, pero non só de España, senón, e sobre todo, da razón ilustrada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.