Fermín Bescansa, catedrático xubilado de Historia Natural do Instituto de Ensinanzas Medias Eusebio da Guarda (A Coruña), remataba en 1948 unha breve publicación de doce páxinas: Herborizaciones algológicas en La Coruña, Nigrán y Bayona. Con 74 anos desexaba que o folleto servira para deixar “constancia de mi herbario (...) dado lo avanzado de mi edad”
Fermín Bescansa, catedrático xubilado de Historia Natural do Instituto de Ensinanzas Medias Eusebio da Guarda (A Coruña), remataba en decembro de 1948 unha breve publicación de doce páxinas: Herborizaciones algológicas en La Coruña, Nigrán y Bayona. Con 74 anos desexaba que o folleto servira para deixar “constancia de mi herbario (...) dado lo avanzado de mi edad”.
O que Bescansa presentaba nese escrito era unha lista da súa colección de algas, resultado de décadas de recolleitas nas costas galegas, uns mil exemplares gardados en 44 carpetas depositadas, anos despois, nas instalacións do Instituto Salvador de Madariaga (A Coruña). A máis importante contribución sobre esa materia (Ficoloxía) dun científico galego na primeira metade do século XX. Ese conxunto, folleto e herbario, permaneceu durante décadas como unha especie de “mensaxe nunha botella tirada ao mar”, “flotando” sen atopar receptor, agardando a que alguén o rescatara. Finalmente, a “mensaxe” acabou chegando ás mans axeitadas, as de Ignacio Bárbara, e con el comezou o proceso de estudo, recuperación e conservación do herbario.

O que Bescansa presentaba nese escrito era unha lista da súa colección de algas, resultado de décadas de recolleitas nas costas galegas, uns mil exemplares gardados en 44 carpetas
A familia Bescansa Casares
Fermín Antonio Jesús Alejo Bescansa Casares naceu na Coruña un 17 xullo de 1874, en tempos da I República, e morreu na mesma cidade un 8 de novembro 1957, co franquismo no poder. Formaba parte dunha familia, os Bescansa e os Casares, que constitúen un caso singular de endogamia, o que se traduce nunha complicada xenealoxía onde os nomes e apelidos se repiten e inducen á confusión.
Os Bescansa eran de procedencia navarra pero levaban varias xeracións establecidas na Coruña coido que o primeiro deles puido ser Antonio Bescansa Beroain a principios do século XIX. Actuaron como emprendedores no comercio de droguería, pero tamén se introduciron no negocio da banca, ferrocarril e produtos farmacéuticos. O pai do noso científico foi Fermín Francisco Javier Bescansa Bescansa, comerciante de droguería e fillo de Fermín Bescansa e Catalina Bescansa1.
Ese conxunto, folleto e herbario, permaneceu durante décadas como unha especie de “mensaxe nunha botella tirada ao mar”, “flotando” sen atopar receptor, agardando a que alguén o rescatara. Finalmente, a “mensaxe” acabou chegando ás mans axeitadas, as de Ignacio Bárbara
Por parte materna atopamos notables e influentes científicos. A nai do noso ficólogo, Cándida Casares Teijeiro, era filla do importante químico e catedrático da Universidade de Santiago Antonio Casares Rodríguez e de Juana Teijeiro Fernández, irmá de Maximino. Tanto Antonio como o seu cuñado ocuparan a reitoría da universidade compostelá. Ademais, un irmán de Cándida, Fermín, estaba casado con outro membro da familia Bescansa, Juana Bescansa Bescansa.
A familia de Casares mantiña boas relacións nos ámbitos do poder local compostelán e nas institucións madrileñas. Un tío de Fermín, José Casares Gil, químico salientable, foi catedrático das universidades de Barcelona e Madrid e ocupou cargos de responsabilidade en importantes institucións. Fermín recoñecería a axuda que lle prestou dedicándolle o folleto de 1948, a quen “tanto se ha interesado por mis estudios”. Outro tío, Antonio Casares Gil, coronel que chegou á Coruña en decembro de 1925 como inspector de Sanidade Militar –e que en marzo de 1928 ocuparía o posto de director do Hospital Militar local– era un extraordinario científico, probablemente o botánico galego máis relevante da historia.
Profesor do Instituto durante décadas
A relación de Fermín co Instituto de Ensino Medio coruñés (só houbo un ata os anos corenta do século XX) comezou cando este aínda estaba localizado na cidade vella; nel estudou o bacharelato. Despois cursou a carreira de Farmacia en Santiago e a de Ciencias Físico-Químicas en Salamanca, acadando, ao ano seguinte, o doutoramento en Farmacia en Madrid.
En 1903 volveu como profesor auxiliar ao Instituto coruñés, xa establecido na actual praza de Pontevedra, mentres preparaba a oposición a unha cátedra de Historia Natural (o equivalente ás Ciencias Naturais) de Secundaria, que obtivo ese mesmo ano, o que lle levou a Soria e Ourense. Pero en 1905 xa estaba de volta na súa cidade natal, onde permanecería como catedrático ata a xubilación.
Diversas testemuñas refírense a Fermín Bescansa como persoa sinxela e bondadosa. Non consta que participara na axitada vida política do seu tempo, porén as autoridades franquistas debían confiar nel, pois exerceu como director do Instituto coruñés nun momento ben especial, de decembro de 1936 e setembro de 1938, nun período de represión e de reacción. O director titular, Ángel Díaz Grande, catedrático de Matemáticas, foi cesado tras o golpe de Estado de xullo de 1936. Tres compañeiros de Bescansa, o equivalente a un 25% do claustro de profesores, sufriron represalias por pensar de forma diferente. Expulsouse do sistema educativo ao coruñés Ramón del Prado Alonso, profesor de Filosofía e discípulo de Ortega Gasset. Ao catedrático de francés, o lucense Eumenio Rodríguez Rodríguez aconteceulle o mesmo, porén presentou recurso e reduciu a sanción, que se concretou en “traslado e inhabilitación para desempeñar cargos relacionados con la cultura o la educación”; similar castigo sufriu Ángel Blázquez Jiménez, profesor de Xeografía e Historia.
O centro educativo viviu importantes cambios, en sintonía coa ideoloxía dos vencedores. Xunto a múltiples xestos, como en 1936 adornar fachada pola “inmediata toma de Madrid” ou mercar retratos de Franco e expresar numerosas adhesións do profesorado ao novo Réxime, recuperáronse as clases de Relixión católica, instalouse unha capela no salón de actos, establecéronse as materias de “Educación política y patriótica”, da man da Falanxe e de “Escuela Hogar”, inspirada pola “Sección Femenina” fascista e foron adquiridas publicacións nazis para a biblioteca, incluído un calendario de 1939 das SS hitlerianas. Ademais, na lóxica das novas autoridades, procedeuse a afastar aos alumnos das alumnas, que antes estaban xuntos nas aulas. Primeiro localizáronse en plantas diferentes do edificio e a finais de 1942 creouse o Instituto Masculino e o Feminino, no que permanecería Bescansa.
O texto comeza cunha breve indicación sobre forma de conservación e preparación de algas para confeccionar un herbario co fin de conservalas, o que esixía un previo secado e prensado. A continuación amosaba a parte principal, un listado de 182 especies agrupadas por taxons, indicando xeralmente nome e lugar de recollida, ás veces a abundancia
A formación dun botánico
De xeito parello á actividade docente Bescansa sempre estivo interesado pola Botánica, o estudo das plantas, nomeadamente a súa Taxonomía, identificación de especies. Entre os diferentes grupos de vexetais centrou o seu labor nas algas, nas denominadas bentónicas, as que viven fixas nas rochas do litoral, que podemos observar alí nas mareas baixas ou nas praias, xa mortas e arrastradas. Seres vivos ben importantes como nutrientes para a cadea trófica no litoral e que, nalgúns casos, teñen uso industrial e na alimentación humana.
Xa en 1903 comezou a traballar nelas e estableceu contacto cun especialista na materia, o balear Joan Joaquim Rodríguez Femenias, quen lle ofreceu importantes consellos sobre como recoller e conservar as algas, facilitou información sobre bibliografía e exemplares ben identificados. Pero Femenias morreu pouco despois, en 1905, co que o botánico galego perdeu a un interlocutor relevante, unha cuestión transcendente para continuar o seu traballo, pois no conxunto de España eran moi poucos os especialistas en Ficoloxía.
Un dos tíos de Fermín, José Casares Gil, animouno a solicitar en maio de 1909 unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios (JAE), entidade na que Casares formaba parte da súa executiva. Foille concedida e Fermín viaxou a Baviera para estudar no laboratorio do profesor Goebel, da Universidade de Múnic. Ritter von Goebel era un destacado botánico, especialista no estudo experimental da forma (morfoloxía) das plantas e –ideoloxicamente– firme partidario dos réximes autoritarios e antisemita.
Os resultados científicos do paso de Bescansa por Múnic aparecerían recollidos na publicación Memoria sobre el estudio de las algas (1911), na que explicou a metodoloxía de traballo docente e de investigación no laboratorio alemán. Onde gozara dunha impresionante biblioteca actualizada e aprendeu, entre outras cousas, procedementos modernos de cultivos de algas. Entendeu que fronte á diferenciación taxonómica, distinguir especies distintas, só pola morfoloxía, era preciso atender ao ciclo de vida das algas, observando todas as fases vitais, para o que era preciso recorrer aos cultivos das mesmas.
Mais a súa satisfacción non era completa pola escasa atención que se lles prestaba ás algas de maior tamaño no laboratorio de Goebel. Por iso, de novo co apoio da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) partiu á Universidade de Kiel, onde traballou no seu laboratorio tres semanas, estudando as algas mariñas, tanto bentónicas como planctónicas (que flotan), practicou as técnicas de recollida e preparación de exemplares e aprendeu aspectos básicos da súa taxonomía.
Hai uns vinte anos, o profesor da universidade coruñesa Roberto Bao Casal, ex-alumno do Instituto, avisou da presenza desas carpetas no laboratorio de prácticas do centro educativo a un colega seu, Ignacio Bárbara, quen realizou un primeiro estudo do material entre 1991 e 1993 e publicou sobre el en 1994, na súa tese de doutoramento dedicada ás algas bentónicas mariñas na baía coruñesa e ría do Burgo
Unha carreira científica en segundo plano
A dobre estadía dotou a Bescansa dunha excelente formación científica, polo que o lóxico sería que emprendera carreira investigadora nunha universidade ou centro de investigación. Non foi así, o coruñés optou por retomar a súa actividade docente e limitar o traballo con algas a determinados momentos de ocio, como afección. Se cadra influíu nel a busca dunha vida tranquila, cómoda, na súa cidade. Tamén é verdade que se quixera continuar a carreira investigadora en algas tería que marchar de Galicia. A cátedra de Historia Natural da única universidade do país, Santiago, estaba ocupada e o titular non era especialista na materia; ademais, aínda carecíamos de centros de investigación mariños.
O intento, a comezos do século XX, de Antonio Vila Nadal por fundar unha estación de Bioloxía mariña en Carril fracasara. Despois, en 1917, creouse un laboratorio do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, pero pechou en 1920 e non volveu a abrir ata 1935. Por outra banda, entre 1932 e 1935 funcionou unha estación de Bioloxía mariña en Marín, alí traballou un profesor do Instituto de Pontevedra, Faustino Miranda, quen si era un bo especialista en algas pero non se estableceu contacto entre Bescansa e el. Por algunha razón (minifundismo científico, diferencias ideolóxicas ou doutro tipo, descoido, etc.) non foi adíante unha colaboración que podería ofrecer resultados moi positivos de cara a realizar un catálogo das algas das costas galegas, pois –ademais– as áreas xeográficas de traballo deles eran diferentes e complementarias.
O folleto sobre algas mariñas
Entre 1907 e 1908 Bescansa dera a coñecer algún artigo sobre algas de auga doce. A súa única publicación sobre algas mariñas foi Herborizaciones algológicas en La Coruña, Nigrán y Bayona, un escrito pouco coñecido, de escasa difusión. Nel indicaba as algas que recollera na Coruña, incluíndo a costa de Oleiros, en Nigrán e Baiona, a onde acudía en vacacións, por ser a vila natal da súa muller.
O texto comeza cunha breve indicación sobre forma de conservación e preparación de algas para confeccionar un herbario co fin de conservalas, o que esixía un previo secado e prensado. A continuación amosaba a parte principal, un listado de 182 especies agrupadas por taxons, indicando xeralmente nome e lugar de recollida, ás veces a abundancia. Escaseaban os comentarios, nun deles aludía a unha especie situada na “pena do can”, indicando que o vertido nela de restos de chapapote que “impide el desarrollo” das plantas. A rocha, situada na praia do Orzán coruñés, preto do desaugadoiro do antigo matadoiro, era chamada así porque na marea alta estaba cuberta e na baixamar só algún bañista podía permanecer nela, polo que dicían, "nin os cans paran alí".
O cambio da situación laboral de Bárbara axudou: “aproveitei a xubilación para facer este traballo”. Desde logo, este episodio ten moita relación con xubilados: Bescansa cando redactou o seu folleto, Bárbara ao estudalo a fondo e eu mesmo ao escribir estas liñas
Recuperación do herbario
A secuencia que levou á recuperación do herbario de algas de Fermín Bescansa, o resultado dos seus estudos de décadas sobre eses vexetais, comeza coa doazón da viúva de Daniel Bescansa Aler ao Instituto “Masculino” coruñés, actual “Salvador de Madariaga”, das corenta e catro carpetas que o formaban. Bescansa Aler era sobriño de Fermín, catedrático de Ciencias Naturais e director no Instituto Eusebio da Guarda. Morreu en 1969, polo que a entrega das carpetas sería posterior a esa data.
Máis adiante, hai uns vinte anos, o profesor da universidade coruñesa Roberto Bao Casal, ex-alumno do Instituto, avisou da presenza desas carpetas no laboratorio de prácticas do centro educativo a un colega seu, Ignacio Bárbara, quen realizou un primeiro estudo do material entre 1991 e 1993 e publicou sobre el en 1994, na súa tese de doutoramento dedicada ás algas bentónicas mariñas na baía coruñesa e ría do Burgo. O grupo de Ficoloxía da universidade coruñesa, dirixido por Javier Cremades, do que Ignacio forma parte, está interesado desde hai anos no estudo de herbarios históricos, coleccións que aportan valiosa información taxonómica, variedade de especies, e tamén sobre os cambios nas condicións ambientais ao longo do tempo.
Aquel estudo inicial esixía un máis completo e a publicación dun catálogo polo miúdo do herbario pero ese labor se foi adiando ata 2018. Nese ano acompañei a Ignacio para solicitar a cesión do herbario ao vicedirector do Instituto Salvador de Madariaga (Juan Pablo Fernández), quen accedeu amablemente. O cambio da situación laboral de Bárbara axudou: “aproveitei a xubilación para facer este traballo”. Desde logo, este episodio ten moita relación con xubilados: Bescansa cando redactou o seu folleto, Bárbara ao estudalo a fondo e eu mesmo ao escribir estas liñas.
Ademais, e iso é ben importante, Bárbara acadou que o herbario fose depositado oficialmente no Herbario oficial SANT da Universidade de Santiago –que reúne herbarios de Galicia– para que alí, axeitadamente, fichado e conservado estea a disposición da comunidade científica
O 26 de abril de 2022 Ignacio envioume un correo electrónico que comezaba así: “Me alegra decirte que he completado la revisión del herbario”. Realizara a posta ao día da colección de algas, coa dixitalización e catalogación polo miúdo da mesma. Despois elaborou unha base de datos e a informatización de pregos, ofrecendo 2500 imaxes de 1053 pregos e 227 taxons. O resultado, co título de Herbario de algas bentónicas de Fermín Bescansa Casares 1874 –1957. A Coruña. Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións (2023), pode consultarse en:
https://doi.org/10.17979/spudc.000019. https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/32911.
Ademais, e iso é ben importante, Bárbara acadou que o herbario fose depositado oficialmente no Herbario oficial SANT da Universidade de Santiago –que reúne herbarios de Galicia– para que alí, axeitadamente, fichado e conservado estea a disposición da comunidade científica. O xubilado profesor tamén preparou un herbario con duplicados do SANT, que consta de de 248 pregos de 137 especies representativas do material atopado, e depositouno no Instituto Salvador de Madariaga, o lugar de onde fora rescatado. Misión cumprida.
Notas
1 Elvira Lindoso Tato (2006): Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913).