Creando escola

“If you're not prepared to be wrong,
you'll never come up with anything original”

Ken Robinson

O lector non se solta, porque sabe que a lingua das artes é equilibrista

Só con atar un fonema ao outro e irche pespuntando palabras no maxín, calquera actor pode trenzar a túa aorta á do espectador seguinte e facer que latexedes ao mesmo compás. Só zurcindo signos gráficos sobre follas secas, o escritor sementa a randeeira das árbores na terra vizosa dos cerebros alleos. E, fronte o abismo da mente oscilante, a poetisa fai que a vida humana penda dun arame enferruxado; o filamento das emocións. Pero o lector non se solta, porque sabe que a lingua das artes é equilibrista. Como os dedos do músico sobre as cordas do acorde máxico; ou as redes que tecen os pinceis cando pescan imaxes oníricas. Nas acrobacias da danza, o espectador non se solta, porque sente que os pés dos bailaríns comparten, sen medo, as cadencias dun tacto maternal. Como os escultores, que abrigan, co seu pelexo, as figuras que bordan no barro.

Mais, paradóxicamente, a escola, en ocasións, é quen queima as cometas que os pequenos inventores soñan

E é que tan só cos fíos invisibles da creación se pode amarrar o fume alucinóxeno da fantasía. Só imaxinando se orixina aquilo que nunca existiu.

Mais, paradóxicamente, a escola, en ocasións, é quen queima as cometas que os pequenos inventores soñan. Paradóxicamente, os alumnos teñen que memorizar vida, obra e demais datos de Lorca, pero case lles prohibimos a catarse cos seus textos. Aquel discente que analice con visión distanciada e información retida o monólogo inicial de Comedia sin título, será premiado polo profesor. E o rapaz que se emocione ao lelo, a moza que pase horas diante do espello querendo interpretalo ou os que sexan capaces de crear algo semellante, estarán “perdendo o tempo” dentro do sistema. Este feito evidente (co que moitos estaredes familiarizados) non só alimenta a frustración de gran parte do alumnado, senón que estigmatiza a potenciais artistas, deseñadores, ebanistas ou emprendedores de todo tipo.

Máis aínda, coártalles a súa capacidade innovadora e imaxinativa en todos os ámbitos vitais; como seres humanos. Tanto se triúnfan no eido académico como se non. No primeiro caso porque para ter éxito foilles necesario adaptarse ao sistema, irse axustando e reducindo ao que se pregunta e acatar maneiras de contestar determinadas. No segundo, porque son uns “fracasados” dentro do ensino, o cal lles deixará unha forte pegada na súa autoestima e na confianza de si mesmos.

É de xustiza recoñecer a labor e valentía de moitos docentes que se esforzan en alimentar as aptitudes diversas dos seus alumnos

Aínda así, é de xustiza recoñecer a labor e valentía de moitos docentes que se esforzan en alimentar as aptitudes diversas dos seus alumnos; limitándose a supervisar os malabarismos que estes idean. Porque, en efecto, existen profesores –e non poucos- que logran vencer a inercia da rutina e que se converten en virtuosos da didáctica; en heroes anónimos que salvan a diario a decenas de persoas. De feito, só esa clase de ensinantes axudan ao alumno a atopar o “elemento” sobre o que tanto teoriza Ken Robinson. Só os ensinantes que cren na súa profesión acaban amando aos alumnos en toda a súa liberdade; admitindo varias solucións ante un mesmo problema e múltiples respostas fronte ao mesmo interrogante.

E niso debera basearse a existencia humana; en dubidar para construír conxuntamente. Nese sentido, a arte supón unha das múltiples “contestacións” á realidade e, se nesta ocasións se destaca sobre demais, é simplemente por ser das máis desfavorecidas dentro do ensino oficial e de certos ámbitos sociais. Ou non hai moitos adultos que orientan aos rapaces a estudar enxeñerías ou dereito e os disuadan de cursar arte dramático ou de ser escritores, que para iso nin sequera existe unha carreira?

Quizais só detrás desa trincheira se movan os fíos invisibles da fantasía. Aínda que a escola, ás veces, os rexeite

Quizais por iso se perdan tantos poemas entre as marxes dos apuntamentos e centos de interpretacións escénicas morran co frío silencioso das lecturas obrigatorias. Dese xeito, pode que conservar con madurez infantil a espontaneidade orixinal sexa o derradeiro refuxio. Quizais só detrás desa trincheira se movan os fíos invisibles da fantasía. Aínda que a escola, ás veces, os rexeite. Aínda que se “perda o tempo” mentres se trenza o cordón umbilical da arte; da vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.