Crise climática ou crise ecolóxica total?

Mobilización de Fridays for Future en Compostela © FFF

"Aínda que certos sectores minoritarios da poboación manifestan certo sentido ecolóxico global, a realidade é que a inmensa maioría segue inmersa nas súas dinámicas, que acarreirarán unha destrución irreversible dos sistemas de mantemento da vida no planeta, un planeta limitado en recursos e polo tanto vulnerable diante do seu abuso incontrolado" (Manifesto ecoloxista pola supervivencia)
 

A crise da COVID.19 levou as autoridades europeas (UE, BCE) e aos gobernos nacionais a mobilizar inxentes cantidades de recursos financeiros co gallo de recuperar a actividade económica que quedara semiparalizada pola pandemia. Un obxectivo que parece basearse case exclusivamente nunha recuperación da produción polo que dalgunha forma parece esquecer as causas da pandemia. A COVID.19, como tódalas epidemias vinculadas a virus, tivo a súa orixe na crecente, intensa e descontrolada invasión do mundo animal polos humanos. Unha invasión orixinada polo colapso dos ecosistemas tal que conduce a que os animais portadores de virus se establezan próximos, cando non nos mesmos, asentamentos humanos. Velaí que a ruptura das equilibrios medioambientais por falta de planificación, como resulta o modelo produtivo vixente, xa estea afectando a saúde e a vida das persoas en todo o planeta. Neste marco poñer a acento de novo na recuperación dunha produción tal e como se viña desenvolvendo deica agora -por caso, destruíndo a natureza e sen preocupación nen control ambiental- será crear as condicións para que se reproduzan as crises pandémicas por que aparecerán ben novas variantes da COVID ben pandemias novas. Velaí que non poucos científicos apunten a emerxencia infecciosa como un dos maiores desafíos do século XXI.

Entre os múltiples efectos críticos provocados pola guerra en Ucraína non é menor o impacto sobre o cambio climático xa que ante a redución da oferta de gas, petróleo e carbón -antes da guerra, o 40% das importacións de gas da Unión Europea, o 27% das de petróleo e o 46% das de carbón procedían de Rusia- algúns estados europeos relevantes, como é o caso de Alamana -que lidera o consumo europeo de gas ruso: 17%-, parecen optar por atrasar a súa intención de reducir a produción de enerxía a partir de combustibles fósiles tradicionais como o carbón. Paralelamente o Parlamento europeo, coa xustificación de compensar a caída desas importacións, votou favorablemente a prol de designar o gas e a enerxía nuclear como sostibles. Está tamén a propia guerra en Ucraína que ven sendo utilizada polos gobernos europeos para un aumento do gasto en defensa, un mínimo do 2% do PIB, en beneficio dunha industria militar que é a maior emisora de gases de efecto invernadoiro. Decisións tódalas elas que, sen dúbidas, retardarán aínda mais os obxectivos de redución das emisións de carbono para unha mais rápida transicións ás enerxías limpas que axudarían a frear o aumento da temperatura (+1,5% para o 2030) e a reducir a crise climática. De ser así, de non reducirse senón, incluso, de aumentar as emisións de carbono as consecuencias poden seren catastróficas especialmente para os territorios mais cálidos e, xa que logo, mais vulnerables aos cambios climáticos. 

Se a crise pandémica e a guerra en Ucraína están tendo un grande impacto medioambiental a nivel europeo e mundial esta evidencia non debe tapar a realidade de que non estamos so diante dunha crise climática -algo indiscutible como reflicten o continuo quecemento da atmosfera, os retrocesos das capas de xeo e o aumento récord do nivel do mar- senón fronte a unha crise ecolóxica total que vimos arrastrando dende fai décadas e que os dous fenómenos anteriores (pandemia, guerra) non fixeron mais que acelerar e ampliar. Unha crise ecolóxica total froito de factores distintos pero interconectados pois tal e como sinalara a economista e ecoloxista danesa Inger Andersen, impulsora do informe "Making Peace With Nature" da ONU (2021), hoxe en día hai unha "intima relación entre a destrución dos ecosistemas e o aumento das doenzas zoonóticas, asi como o efecto desbastador da contaminación responsable da perda prematura de hasta nove millóns de vidas ao ano en todo o planeta (...) tódolos retos ambientais están interconectados así como as solucións". 

Unha crise ecolóxica total que esixe un cambio de modelo de produción e consumo xa que para satisfacer as necesidades actuais farían falta case dous planetas como o noso dado que a súa capacidade non é quen de satisfacelas actuais demandas de bens e servizos. Unha crise ecolóxica total que ten un moi longo percorrido, que non se centra exclusivamente no "medio ambiente" senón "na Terra, na natureza, no medio físico, ou nos seus compoñentes concretos -bosques, leitos, poboacións de determinadas especies animais e vexetais minguadas por cazas, extraccións ou capturas, cambios de usos e perdas de topodiversidade, biodiversidade ou fertilidade dos solos, etc.-" (JOSE MANUEL NAREDO: "A critica esgotada")

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.