Hoxe no café, cando mollaba o churro na cunca, na Voz de Galicia atopei unha xoia do xornalismo a contracorrente. Nestes días en que ata os máis monárquicos non saben onde meterse, María Eugenia Alonso propoñía que nos deixásemos de churros e ofrecíanos un cupcake a modo de panexírico de Sofía de Borbón.
“A única raíña sobre a faz da Terra que pode fachendear de ser tamén filla, esposa e irmá dun monarca”. A ver. Imos por partes. O emérito, como diría Rajoy, xa tal. Á articulista faltoulle dicir “neta de rei”, Constantino I, que tivo que abdicar dúas veces e estivo inmerso en varios golpes militares. E “sobriña de rei” porque o seu tío, Xurxo II, tamén reinou, e participou noutro golpe de estado contra a república grega. A familia vivíu exilada en Sudáfrica e Exipto, e este Xurxo, que morreu en circunstancias pouco aclaradas, é famoso pola frase: “A mellor ferramenta para un rei é unha maleta”. Un visionario.
Agora si, o pai rei, Pablo I, apelado Palo polos seus súbditos e criticado por inmiscirse en asuntos políticos vedados constitucionalmente para a monarquía e polo seu tren de vida luxoso. Casou cunha curmá que pertencera ás xuventudes hitlerianas e mantivo unha relación sentimental co chapero norteamericano Denhan “Denny” Fouts, “o máis caro do mundo enteiro”, segundo o escritor Christopher Isherwood, e inspiración para personaxes de Truman Capote ou Gore Vidal, entre outros literatos. “Ridiculamente guapo”, segundo o tamén escritor Glenway Wescott. Palo, cristián ortodoxo, paseaba este protestante de Florida en iate polo Mediterráneo como Rainiero a Grace Kelly.
No trono sucedeuno o irmán de Sofía, Constantino II, medallista olímpico de vela (soarabos) e cinturón negro de karate que antes de fuxir do país tivo tempo de lexitimar a Dictadura golpista dos Coroneis e de promover un contragolpe falido. Tras ser deposto, pleiteou co estado grego pola fortuna que a monarquía manexara e que el consideraba propiedade súa. Como veredes, este alboroto que agora se monta coa fuxida do campechano é para Sofía “outro día na oficina”.
O que a algúns nos resulta chamativo é que, a estas alturas, La Voz de Galicia, encha máis de media páxina cun texto inzado de: “exemplo inigualábel”, “dona Sofía segue a ser un activo”, “sempre foi o membro da familia real máis valorado”, non podía faltar o “unha grande profesional”, “construíu unha imaxe sólida de soberana impecábel”, “amabilidade”, “todo baixo control”, “raíña perfecta”, “nai perfecta”, “esposa perfecta”. Isto último dá idea do que se entende por tal. Non quixo divorciarse xa nos anos ‘90 porque “por enriba dos sentimentos individuais está a Coroa” “a súa obsesión foi sempre a mesma, protexer a familia e salvagardar a continuidade da monarquía”. Prosegue a autora co bico de reconciliación pública na escalinata da Zarzuela en 2013 e remata asegurando que a relación con Letizia Ortiz volve ser cordial, que se complementan ben.
Non hai cepillo para semellante man de caspa.