Crónica do desamparo

Gerolamo Induno: A nai desesperada (1871) Dominio Público

Son catro historias do desamparo. Témolas a centos, a milleiros. Estámonos afacendo a elas. Migrantes, prostituídas, menores, doentes, xentes do común sen amparo social. Este artigo é longo. Podería ser case infinito

Muller, corenta e tantos, con título universitario e cargo de responsabilidade. Logo de botar catro días acompañando á súa nai nun corredor de urxencias ateigado de persoas atragoadas de tose, delirando ou berrando por mor da dor non atendida, reclamou enerxicamente e subíronas a planta. A unha habitación, de tres camas, baleira. 

O motivo polo que a xente agonía nos corredores de urxencias habendo camas libres? Non hai persoal de enfermería.

Home, mediados os cincuenta. Ex directivo dunha empresa, traballou e cotizou desde os dezaseis, mais hai catro anos que non pode, debido á súa saúde. Levoulle corenta e oito meses conseguir que un xulgado ditaminase a incapacidade permanente que o INSS lle denegou dúas veces. Nese tempo, as súas bases de cotización desapareceron e agora agarda a burocracia para recibir unha pensión moi afastada do que el achegou nas nóminas: os anos de agarda e batalla computan coa mínima. Para colmo, o INSS recorre a indiscutible sentenza. Non cobrará os atrasos de preto dun ano (desde a segunda denegación) ata que pase polo TSXG. 

O motivo polo que adían, recorren e denegan por defecto? A disuasión. A ver quen pode e sabe como resistir tres ou catro anos doente, sen ingresos, co ruxe-ruxe de que “denegan ata cancros terminais” e perdendo cada día poder adquisitivo nesa potencial pensión, precisamente por non estar a cotizar nunha demora fronte a que nada pode facer.

Outro home, anda polos oitenta. Está desesperado porque na caixa (na de toda a vida aínda que agora se chame doutro xeito), esa onde ten domiciliada a súa pensión de agricultor xubilado, xa non lle fan as xestións que precisa. Mandárono instalar unha aplicación no seu móbil, que non é intelixente nin ten internet. É un deses teléfonos que teñen a estraña calidade de servir só para chamar, cos números ben grandes.

O motivo polo que na caixa non hai persoal de atención ao cliente nin se dan xa determinados servizos? Esa caixa vén de declarar uns beneficios de máis de setecentos millóns de euros en 2023. Fagan a conta.

En Galicia a sanidade pública está a ser demolida a base de deixala esmorecer. Tamén a educación pública. Non investir é o mellor xeito de empobrecer. A banca, as enerxéticas e institucións como o INSS ou a Axencia Tributaria non teñen obriga de seguir as ríxidas normas que si se impoñen á cidadanía. 

Unha muller máis, micro empresaria. Foille mal na pandemia, ficou endebedada. Traballa moito, por conta propia, para vivir e saldar as débedas. Ten só un cliente garantido ao que factura menos da metade do SMI. O resto van e veñen. E un par de milleiros de euros pendentes con Facenda que aínda non foi quen de liquidar, non llo facilitaron. A semana pasada a Axencia Tributaria denegoulle un aprazamento “por evidentes problemas estruturais” e notificou ao seu cliente facéndolle saber que en adiante calquera cousa que ela lle facture, el ten que aboalo no erario público. Iso si, ela deberá seguir traballando, pagar autónomos, declarar un IVE que non cobrará e pagalo despois, tamén, a Facenda. A cal, por certo, escribiu á súa ex parella, a familiares cos que non se fala e a clientes presentes e pasados. 

O motivo polo que o estado pode embargar a unha autónoma que vive baixo o umbral da pobreza e, ademais, poñer a súa vida e información económica en coñecemento de quen considere oportuno? Porque si. Xa o Supremo ditaminou que Facenda si pode vulnerar a LOPD nos casos de embargo, “polo ben común”.

Son catro historias do desamparo. Témolas a centos, a milleiros. Estámonos afacendo a elas. Migrantes, prostituídas, menores, doentes, xentes do común sen amparo social. Este artigo é longo. Podería ser case infinito.

Non serei eu quen diga cal é a opción de esquerdas a escoller. Pero si serei quen reclame nesa esquerda unha intervención e unha empatía urxentes. Non podemos continuar agardando catro días nun corredor, nin catro anos por unha pensión empobrecida mediante subterfuxios. Os vellos non teñen catro anos para aprender a usar smartphones. E as autónomas non son emprendedoras. Son superviventes

En Galicia a sanidade pública está a ser demolida a base de deixala esmorecer. Tamén a educación pública. Non investir é o mellor xeito de empobrecer. A banca, as enerxéticas e institucións como o INSS ou a Axencia Tributaria non teñen obriga de seguir as ríxidas normas que si se impoñen á cidadanía. 

Velaí temos o cacarexado estado do benestar agoniando como a nai da primeira muller no corredor de urxencias. 

Velaí temos o resultado das políticas da dereita, que con tanta facilidade destrúe, ás veces nunha soa lexislatura, as estruturas que custa décadas erguer e recompoñer.

En poucos días imos ter unha oportunidade. Non serei eu quen diga cal é a opción de esquerdas a escoller. 

Pero si serei quen diga que a dereita non é unha opción se aspiramos a reverter o desamparo social que nos asola. 

E tamén quen reclame nesa esquerda unha intervención e unha empatía urxentes. Non podemos continuar agardando catro días nun corredor, nin catro anos por unha pensión empobrecida mediante subterfuxios. Os vellos non teñen catro anos para aprender a usar smartphones. E as autónomas non son emprendedoras. Son superviventes.

Eu vou seguir apostando pola esquerda. Cruzando os dedos, pensando que, desta si, entre Madrid e Compostela blindaremos un sistema social verdadeiramente solidario, coidador, no que as de abaixo non serán as persoas e as de arriba non serán as administracións e as grandes corporacións. Non me esperten, preciso seguir soñando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.