Crónica repousada das eleccións ao Parlamento de Galicia

CC-BY-SA Praza Pública

O que habería que responder sería saber como despois de todo isto, a oposición non foi capaz xa non de lle restar escanos, senón de impedir que acadase un máis en relación á anterior lexislatura

Se vostede vai comezar a ler este texto (nin artigo lle imos chamar), saiba que o título induce a erro. Cando transcorreron case tres semanas das eleccións ao Parlamento de Galicia, vostede, ao ver este texto agarda por unha repousada análise dos datos xa coñecidos, os cales estipulan que o Partido Popular de Galicia ten corenta e dous escanos, o Bloque Nacionalista Galego dezanove e o Partido Socialista de Galicia acadou catorce. O arco parlamentario volve ter as tres forzas de hai xa varias lexislaturas (a falta de memoria, hai que tirar de hemeroteca). A pregunta que habería que responder sería a de saber por que, após dunha crise económica brutal da que aínda moita xente se está a recuperar (aínda que coido que non é o verbo axeitado), da xestión da COVID-19 levada a cabo pola Xunta -na educación, na sanidade-, da política industrial e da planificación dalgo semellante ao sistema produtivo impulsado (mellor conxugar xestionar, que é un verbo moi postmoderno) desde San Caetano, o trato dispensado á Cultura (aínda que semella que habería que escribilo con minúscula –cultura- para atopar algo relacionado en certas axendas), a utilización dos medios públicos (como a CRTVG), etc., etc.; o que habería que responder sería saber como despois de todo isto, a oposición non foi capaz xa non de lle restar escanos, senón de impedir que acadase un máis en relación á anterior lexislatura. 

Se cadra a explicación pode ser vista doutro xeito, nun sentido case poético e con certas tinguiduras épicas, como se a derrota vital fose algo belo, como se vencer fose algo vulgar e de novo rico

Sabemos que os resultados poden explicarse desde moitos vértices: que as mareas viñan con marusía, e que a inercia marítima beneficiou ao BNG; que o PSdeG non soubo aproveitar a influenza que pode ter a representación no goberno central; que o poder de certos medios de comunicación semellan eclipsar outras propostas informativas; que os ataques ás políticas do Partido Popular (esa imaxe -propia dun cómic- de Núñez Feijóo utilizando aos profesionais da sanidade como escudo perante as críticas ao seu modelo de sanidade pública) semellaban ser unha confrontación directa a Galicia (como se o país fose unha mónada leibniziana, ou un Todo, un si-para-si-en-si). Mais, se cadra a explicación pode ser vista doutro xeito, nun sentido case poético e con certas tinguiduras épicas, como se a derrota vital fose algo belo, como se vencer fose algo vulgar e de novo rico. Por contradicir ao Leo no título do seu último traballo: unha sé-mente de perder. Algo que está inscrito no ADN, unha necesidade endémica de non mover os marcos para que todo sega igual (ai a leira! … perdón… que leria!). O peso da tradición, a filiación e a herdanza, coma se dunha deputación se tratase.

Se cadra esta visión é desencantada para quen se anime a ler estas liñas. Pode que así sexa. Se cadra hai que continuar pola pista coa néboa das mañás. Menos mal que aínda é verán e algunha orquestra tocará nalgunha verbena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.