CTRL+ ALT+ SUPR

Os resultados para o soberanismo galego foron un desastre, así se recoñeceu na mesma noite electoral. Foi a crónica dun desastre anunciado polas manipuladas e tendenciosas enquisas. Tiñamos o vento en contra e non fomos capaces de remontar. Son malos tempos para defender os dereitos das nacións e dos pobos, seica non é moderno.

Nunha situación de crise económica e de recortes sociais os que mandan no estado español foron capaces de darlle a volta a esta situación de cabreo cunha estratexia que tivo éxito. O PP e o PSOE seguen mantendo un gran respaldo social, os partidos “emerxentes” recolleron o descontento e puxeron contra as cortas aos nacionalismos de Galiza, Paisos Cataláns e Euzkal Herria.

As eleccións da televisión.

Os medios de comunicación condicionaron as últimas eleccións ás cortes españolas. Estivérono facendo con moita antelación promocionando figuras político-mediáticas como Pablo Iglesias ou Albert Rivera. Fabricaron unha alternativa de esquerdas e outra de dereitas para que o descontento social non se lles descontrolara.

As voces discordantes e as propostas políticas alternativas que defenden unha esquerda real e un dereito a decidir verdadeiro, o que lle corresponde ás nacións sen estado, nunca tiveron unha oportunidade para defender o seu ideario. Pola contra tivemos que aturar aos representantes de Podemos en canto programa había na televisión, por moi chabacano e decadente que fora, incluso unha vicepresidenta bailando.

A quen defenden estes partidos de laboratorio? Por que saen tanto nos medios cando outras alternativas, tanto a nivel de estado como nas nacións (CUP, BNG, Bildu, etc.), que levan anos existindo nunca se tiveron en conta? Quen son os donos dos medios de comunicación privados que promocionan estas alternativas? Que intereses defenden? Coinciden cos do pobo galego, vasco, catalán ou español? Os amos non van liberar aos escravos por propia vontade, iso témolo claro.

Estamos ante un intento, polo momento triunfante, de reconfigurar o panorama político no estado español. Cambiar para que nada cambie, o vello truco. Un cambio cómodo que non che fai saír á rúa, podes facelo desde o teu sofá mirando a TV, dándolle un gústame no facebook ou mandando un chío no twitter.

O obxectivo desta estratexia é seguir garantindo a unidade de España e o modelo económico capitalista, a monarquía, a submisión á Otan e á UE. Os do Ibex35 poden descansar tranquilos, non hai revolución.

NÓS Candidatura Galega

Con este panorama e cun nacionalismo en horas baixas, máis correcto sería dicir un BNG en horas baixas, presentámonos ás eleccións cunha marca nova NÓS Candidatura Galega.

Despois dun 25 de Xullo “unitario” tentouse conformar unha única candidatura galega para ter representación propia nas cortes do estado. Xa sabemos como acabou ese intento e quen quixo apostar por ela e quen non. Quen estivo facéndonos perder o tempo cando xa tiñan un acordo para presentarse, apostando polo oportunismo e os resultados fáciles baixo o paraugas de Podemos. Agora temos unha Orga 2,0, unha resurrección do piñeirismo. Experimentos que demostraron ser un fracaso e un mal camiño para Galiza, que non van servir para garantir a presenza de Galiza na política estatal cunha voz propia e independente. Os favores hai que pagalos e os compromisos con forzas alleas teñen o custe da submisión.

Perdemos moito tempo tentando acadar un acordo imposíbel e chegamos ás portas das eleccións tendo que facer un proceso de primarias para escoller as candidaturas e elixir un nome para presentármonos. Coido que o nome foi o máis acaido, NÓS Candidatura Galega.

Máis as eleccións non se gañan en quince días , gáñanse antes. O pasado da organización maioritaria do nacionalismo pesou moito nos resultados. O xiro soberanista non foi capaz de tapar un pasado marcado pola transformación dunha organización asemblearia nun partido tradicional que apostou pola vía institucional e deixou as rúas. Unha militancia transformada en afiliados non é capaz de facer o traballo que precisa unha organización que ten un proxecto emancipador. Deixouse de lado o soberanismo e a esquerda.

Apesares diso, NÓS Candidatura Galega ilusionou a moita xente que se incorporou á campaña ou dou o seu apoio público. Fíxose un bo traballo na rúa e nas redes sociais. O seu principal éxito foi xuntar nese proceso distintas organizacións políticas, persoas sen militancia, persoas que militaron, traballando por este país.

No future?

O futuro do soberanismo pasa por facer unha reflexión conxunta que nós leve de novo ás rúas, que nós transforme en militantes, que sexamos coherentes cunha liña política clara no camiño da independencia, cun modelo asembleario e con máis esquerda.

Debemos darlle continuidade a NÓS Candidatura Galega, ou como lle queiramos chamar, dándolle cabida ás organizacións e persoas que traballaron en NÓS, mais tamén a moit@s outr@s que non o fixeron pero deben estar. Estoume referindo a esa esquerda independentista, organizada e non organizada, que non podemos deixar fóra. Hai persoas moi válidas e traballadoras necesarias para que o barco leve o rumbo axeitado e non vaia contras as pedras.

Non podemos deixarnos levar polos cantos de serea que piden a domesticación do soberanismo e a súa disolución en proxectos políticos distintos nas metas e nas formas. Tampouco é o momento de flaxelarnos polos resultados ou mirarnos o embigo e criticar aos que deron a cara por esta candidatura. Reivindicar agora a marca BNG para estas eleccións é non comprender a realidade e tropezar unha e outra vez na mesma pedra. Coa marca BNG non creo que se obtivesen mellores ou peores resultados, iso só e xogar ás adiviñas, pola contra moitos e moitas dos que participaron nesta candidatura non o farían. Precisamos de lugares de encontro, NÓS Candidatura Galega foi ese lugar, é ese lugar.

Hai que seguir traballando por Galiza dun xeito constante e coherente cunha proposta clara e diferenciada, non con vistas ás próximas eleccións autonómicas, senón para dotarnos dun instrumento útil, para ter un movemento soberanista forte que represente os intereses do pobo galego. Precisamos máis esquerda e mais soberanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.