Cuba, crise e mundo post-Covid

Capitolio Nacional. A Habana CC-BY Edgardo W. Olivera

O mundo leva meses virando de xeito inesperado. Nestes días de liminalidade global, un pequeno país acostumado a marcar a diferenza está frecuentemente de actualidade. Visto en perspectiva, resulta sorprendente como Cuba, un arquipélago de pouco máis de 11 millóns de habitantes, está a ser un dos grandes protagonistas no transcurso da pandemia.

O seu manexo da crise dentro das súas fronteiras está a ser exemplar. Cando os tres primeiros casos foron confirmados o 11 de marzo nun hotel na vila de Trinidad, comezaron a activarse os protocolos, listos para o que xa se mostraba inevitable. A día 25 de maio, un total de 1.941 casos foron confirmados, cunha cirfra de recuperados que acada os 1.689 e con tan só 82 persoas falecidas. Os resultados no aplanemento da curva son innegables, e contrastan de xeito dramático co que está a acontecer noutros países do continente con modelos de xestión e prioridades moi diferentes, como son Brasil ou os EEUU.

Falo por videochanada con Eddy, que vive nos arredores da cidade de Santa Clara. Móstrase moi tranquilo. El e a súa moza están a pasar as noites na casa do seu avó, un ex combatente que servíu en Angola, e que conta xa con 88 anos e unha inesperada forza vital. Para protexelo, renunciou ao seu habitual traballo de comercial que o leva a viaxar a diferentes zonas da provincia, e por agora estase a ocupar no campo. “O país precisa coidar moito a súa produción agrícola, nestes días máis ca nunca. Temos un equilibrio moi sensible”. A súa nai é dependente, e está ingresada nun centro especial. Nesta difícil situación, “os colectivos máis vulnerables seguen a recibir todo o imprescindible”, comenta Eddy.

Quizais sexa o momento de promover con máis enerxía e menos cinismo as batas brancas que salvan vidas fronte as hostilidades e os abusos de poder

Probablemente, e a pesar do asombroso que pode resultar que un país subdesenvolvido atalle así esta situación extrema, non bastaría para destacar entre as fugaces e constantes novas sobre a pandemia. Para que tódolos xornais do mundo se fagan eco do que acontece con Cuba- en ocasións tan só para facer contrapeso-, algo aínda máis extraordinario debe acontecer. Sen dúbida, as misións de médicos que está a dispersar polo mundo son unha vez máis o maior activo co que conta a nación. Dende Italia a Sudáfrica, pasando por Andorra ou México, o último país en unirse hai escasos días á súa longa lista de colaboracións médicas foi Perú . Mesmo en España barallouse contratar os servizos do país caribeño. Uns trámites inciados dende os Gobernos autónomos de Valencia e Cataluña, e que foron drasticamente freados polo Goberno central. Mesma sorte correu a posible adquisición do antiviral de orixe cubana interferón alfa-2b, a pesares de ser recoñecido pola Axencia Española de Medicamentos como eficaz na loita contra o virus e da declarada falta de stock.

Como no resto do mundo, a pandemia está a ser un duro golpe para a economía cubana. A súa situación era xa notablemente desvantaxosa, afectada por unhas reimpostas restricións dende a administración Trump que tiveron un significativo impacto no sector turístico. Porén, o turismo está agora en dique seco, e isto é un asunto serio. Mentres este hiato estase a empregar para facer reparacións e mantemento nas instalacións turísticas, o florecente sector privado está a sufrir en primeiro termo as consecuencias deste inesperado revés. Ademais, o país non é alleo ao 15% de desemprego que xa viven os EEUU. A gran comunidade cubana alí emigrada vese afectada pola situación, e unha xa maltreita entrada de remesas tras as medidas aplicadas contra a illa o pasado ano, resintirase fortemente a medida que a situación se deteriore.

Yenisbel é de Varadero, a zona turística máis recoñecible de Cuba. Xornalista de profesión afincada agora en Madrid, medrou coñecendo de preto o desenvolvemento hoteleiro fronte a súa propia casa. A súa nai, arquitecta no centro comercial máis grande de Varadero, transmítelle que os chequeos estanse a facer casa por casa e que apenas se reportaron casos na súa zona. A maior parte de turistas foron xa devoltos aos seus países de orixe en marzo, mentres algúns hoteis foron especialmente designados para quen aínda fica por retornar.

De devolver turistas sans e salvos a casa tamén saben moito en Cuba. Ducias de cruceiros rondaban polos mares á súa sorte vivindo grotescas situacións, cando o 18 de marzo o Braemar chegou ao porto de Mariel, a uns 50 km ao oeste da Habana. A súa pasaxe e tripulación, entre quen se contaban xa numerosos casos de infección por coronavirus, foi atendida e enviada de volta ás súas casas en Reino Unido nunha operación sen precedentes. Fálase pouco do drama que aínda se está a vivir en lugares como Samoa, onde máis de 3.000 profesionais do sector seguen atascados sen poder volver aos seus fogares.

Con todo prognóstico, esta illa volverá ser un lugar cara onde mirar atentamente xa aterrados na agardadísima “nova normalidade”. Son diversos os factores que explican a resiliencia do modelo cubano, ao tempo que fan do país un actor global de primeira orde ao fronte desta praga:

O sistema sanitario cubano foi de sempre un rasgo distintivo da Revolución, cuxo servizo de atención primaria é a principal baza fronte ao espallamento do virus. Unha cuestión maior, a dun servizo amplamente territorializado e completamente público, e á súa vez un aviso para os países que nas últimas décadas permitiron un deterioro na calidade e cobertura da súa sanidade pública. 

Unha cuestión maior, a dun servizo amplamente territorializado e completamente público, e á súa vez un aviso para os países que nas últimas décadas sufriron un deterioro na calidade e cobertura da súa sanidade pública

O país con máis médicos por habitante do mundo conta ademais cunhas reputadas misións humanitarias, que mesmo están a ser propostas dende diversas latitudes para o Nóbel da Paz, recoñecendo un diferenciado paradigma de colaboración baseado na acción solidaria internacionalista. Razóns para concederllo existen abondas. Convén lembrar que noutros momentos tan cruciais como a loita contra o Ébola en África no ano 2014, o liderazgo cubano foi determinante para conter os brotes. Nalquel entón, os países máis ricos observaban a situación gardando moitas distancias co que puido ter sido unha catástrofe global. Quizais sexa o momento de promover con máis enerxía e menos cinismmo as batas brancas que salvan vidas fronte as hostilidades e os abusos de poder. Contrasta agora máis ca nunca ler os titulares sobre as accións médicas e os seus resultados, cos ataques feroces ás misións cubanas dirixidos dende a Casa Branca a través do seu Secretario de Estado. É a caricatura dun país que, posuíndo o maior nivel de PIB xamais rexistrado nunha economía nacional, móstrase perigosamente ineficaz na loita contra o coronavirus dentro das propias fronteiras, mentres suspende os fondos destinados á OMS e renuncia por completo a liderar calquera solución á crise.

A maior das Antillas conta cun historial en investigación biotecnolóxica que comeza nos 80 coa fundación do Centro de Ingeniería Genética y Biotecnología de Cuba (CIGB) en plena batalla contra o dengue, e se prolonga no desenvolvemento de tratamentos contra o VIH ou o cancro de pulmón. Como sinala Helen Yaffe na súa recente obra Somos Cuba!, o complexo biotecnolóxico cubano produce hoxe o 70% das medicinas que o país precisa. Nesta crise, o xa célebre fármaco interferón alfa-2b está a ser de gran utilidade no desenvolvemento dunha vacina fronte a COVID-19, e amplamente usado e fabricado en China baixo lincencia cubana. Non é descartable que nos vindeiros meses a aparición dunha cura estea relacionada cos esforzos feitos dende A Habana.

Máis de 30 anos leva o país volcado no turismo como sector estratéxico para ingresar divisa. Como sinala o Ministerio de Salud Pública, é moi cedo para poñer datas concretas á apertura de fronteiras para estranxeiros. Non obstante, dados os baixos ratios de contaxio, é probable que sexa un dos territorios da rexión que máis rápido volva a recibir turistas, chegándose a falar dunha posible desescalada a partir de outono, quizais ensaiando con outros países unha “burbulla” de viaxes similar á que está en marcha entre Australia e Nova Zelandia. En calquera caso, realizariase sempre dun xeito ordenado e seguindo as recomendacións da OMS, como ata agora se estiveron a realizar as corentenas de nacionais chegados de tódalas partes do mundo.

En diversos terreos Cuba fixo da necesidade virtude durante o durísimo “período especial”, nos anos seguintes á caída do campo socialista. A súa agricultura ecolóxica é o máis espectacular dos seus avances, desenvolvéndose dende entón dun xeito poderoso e sendo un recurrente obxecto de estudo a nivel internacional. Unha realidade estreitamente relacionada coa estratexia de desenvolvemento deseñada nas últimas tres décadas, reforzada coa chamada Revolución Enerxética cubana, a tal punto de se converter segundo a WWF no único país do mundo en acadar o desenvolvemento sostible. Datos moi relevantes, nun mundo onde o comercio internacional está a resentirse e no que a adopción do estado de emerxencia climática seguirá a ser unha esixencia.

Nestes intres, Cuba comeza a albiscar a luz ao final do túnel. O que xa está chegando agora é unha forte recesión económica de carácter global, cuxo alcance está aínda por comprobar e da que o país formará parte inexorablemente. Porén, as características que vimos de sinalar, combinadas cunha clara vontade política de aplicar as medidas necesarias para conter un posible novo brote, revelan certas fortalezas que suscitan un tímido optimismo dentro do desastroso panorama xeral que se está a aveciñar. Un mundo diferente ao que coñeciamos ábrese camiño, e todo indica que as xentes desa incombustible illa volverán ser protagonistas neste novo tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.