Cuba entre Washington e Miami

O director da CIA, John Ratcliffe, esta semana na Habana reunido con representantes do Goberno cubano © CIA

A imaxe non se vira en setenta anos de castrismo. O director da CIA sentado á mesa con funcionarios do réxime na Habana, o mesmo día en que o ministro de Enerxía admitía que na illa non quedaba nin unha gota de combustible

A imaxe non se vira en setenta anos de castrismo. O director da CIA sentado á mesa con funcionarios do réxime na Habana, o mesmo día en que o ministro de Enerxía admitía que na illa non quedaba nin unha gota de combustible. John Ratcliffe chegou sen anuncio previo e cunha mensaxe clara: cen millóns de dólares en axuda humanitaria a cambio de "cambios fundamentais", a advertencia de que Cuba non pode ser refuxio dos adversarios de Washington e a ameaza implícita dunha imputación xudicial contra Raúl Castro por feitos que datan de 1996. Un guión moi similar ao executado en Caracas meses antes, xusto despois do secuestro de Nicolás Maduro. Non era un xesto diplomático nin un punto de inflexión. Era a notificación con acuse de recibo de que o mecanismo estaba en marcha.

Non convén perder de vista o que a historia nos di sobre este conflito. En 1901, mentres as tropas estadounidenses ocupaban a illa trala guerra con España, o imperio aínda en cernes obrigou a Cuba a aceptar a Emenda Platt, un texto que garantía ao goberno norteamericano o dereito de intervención, concesións para o seu capital privado e consentía apenas unha limitada soberanía para o pobo cubano. O país convertíase nunha colonia de facto ata que o afán de emancipación adobiado de nacionalismo impulsou a revolución de Fidel Castro en 1959. O castrismo foi, en boa medida, a resposta histórica a esa humillación centenaria. O que se negocia hoxe na Habana reproduce a lóxica de 1901, non a de 1989. Non se trata de derrocar un réxime, senón de reintegralo como Estado-cliente baixo hexemonía americana.

John Ratcliffe chegou cunha mensaxe clara: cen millóns de dólares en axuda humanitaria a cambio de "cambios fundamentais", a advertencia de que Cuba non pode ser refuxio dos adversarios de Washington e a ameaza implícita dunha imputación xudicial contra Raúl Castro por feitos que datan de 1996. Un guión moi similar ao executado en Caracas meses antes

Expertos en política exterior estadounidense en América Latina, Peter Kornbluh e William LeoGrande teñen elaborado unha rigorosa análise sobre os auténticos obxectivos da Casa Branca. Washington non busca a democratización, senón un Estado vasalo que acate o seu ditado e a apertura da economía ao capital estadounidense, mantendo intacta a estrutura do poder castrista. Analistas como Margot François, do Instituto Francés de Xeopolítica, chegaron a conclusións similares. É o que a prensa veu a denominar "Cubastroika": reformas económicas sen transformacións políticas de fondo, cun cambio de líder simbólico como concesión ornamental. A democracia como retórica funcional. Os instrumentos despregados xa cobraron un elevado prezo. Segundo o demógrafo Juan Carlos Albizu-Campos, Cuba perdeu o 24% da súa poboación en catro anos, comparable ao impacto dun conflito armado.

Washington non busca a democratización, senón un Estado vasalo que acate o seu ditado e a apertura da economía ao capital estadounidense, mantendo intacta a estrutura do poder castrista

As presas do momento non se explican só pola situación de emerxencia económica e social. Xustifícanse tamén pola axenda electoral de Marco Rubio. Desde a captura de Maduro en Caracas, o secretario de Estado, o único membro do gabinete de Trump citado no Discurso sobre o Estado da Unión, está a eclipsar ao vicepresidente J.D. Vance na súa proxección de poder dentro da galaxia trumpiana. Rubio precisa dun éxito en Cuba antes das eleccións de medio mandato do vindeiro novembro. Nas páxinas da revista TIME, o novelista Leonardo Padura escribe desde A Habana que ao réxime abóndalle con resistir ata a cita coas urnas para que a presión de Washington termine por esvaecerse. A vida de case dez millóns de persoas estaría a ser instrumentalizada como variable dunha campaña electoral completamente allea.

Jorge Mas Santos, presidente da Fundación Nacional Cubano Americana e propietario do Inter de Miami, declarou a medios de comunicación que o cambio pode producirse nuns meses e traballa, segundo as súas propias palabras, en plena sintonía coa Casa Branca. Ten xa elaborada unha folla de ruta económica e un proxecto de lei fundamental de 28 páxinas e 115 artigos pensado para a transición. Non se trata dun actor marxinal. É a figura máis visible dun exilio que leva décadas a se preparar para o día despois, coordinando co poder imperial o deseño do réxime sucesor desde a distancia. Ahmed Chalabi fixo exactamente o mesmo con Iraq: organizou desde Londres a arquitectura do Iraq post-Sadam xunto coa Administración Bush e retornou a Bagdad en 2003 tras a invasión co cetro de mando como equipaxe. O futuro de Cuba está a ser escrito en Miami.

O resultado máis probable é un acordo decidido en Washington e presentado como "liberación", baixo a mesma lóxica que a Emenda Platt instaurou hai 125 anos. O ciclo nunca se pechou. Cambian os interlocutores. O que non cambia é que o destino da illa se decide sen quen a habita

O historiador Rafael Rojas distingue entre a crise estrutural que arrastra Cuba desde hai lustros e a crise conxuntural provocada polo bloqueo enerxético de 2026. Ningunha das dúas quedará resolta polo que se está a negociar na Habana. O economista Ricardo Torres, investigador na American University, argumenta que Cuba non precisa nin rescate foráneo nin outra mitoloxía oficial, senón espazo e institucións para reconstruírse por si mesma. Mais iso é precisamente o que ningún dos actores con capacidade de decisión quere propoñer. O resultado máis probable é un acordo decidido en Washington e presentado como "liberación", baixo a mesma lóxica que a Emenda Platt instaurou hai 125 anos. O ciclo nunca se pechou. Cambian os interlocutores. O que non cambia é que o destino da illa se decide sen quen a habita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.