Nestas últimas semanas, Cuba regresou ao primeiro plano da actualidade por mor da concatenación de tres acontecementos relevantes:a visita de Obama, o concerto dos Rolling Stones e a celebración do VII Congreso do Partido Comunista.
En realidade, a illa case nunca deixou de ser o centro da atención pública dende o trunfo da revolución encabezada por Fidel Castro. Para os sucesivos gobernos norteamericanos a destrución do novo sistema político nacido en 1959 constituíu unha permanente obsesión que propiciou a posta en funcionamento de diversas estratexias desestabilizadoras e agresivas. Para a totalidade das persoas procedentes da esquerda de orientación comunista e para unha parte importante dos sectores de tradición socialdemócrata, Cuba foi algo mais que un réxime político xurdido da revolta popular contra o goberno de Batista. Foi, sobre todo, un símbolo da afirmación dun pequeno país fronte ao hexemonismo dos USA. Foi, tamén, a terra que xerou un dos mitos revolucionarios mais importantes do século XX: Ernesto “Che” Guevara.
O problema dos símbolos é que, habitualmente, exceden o territorio do racional e colócanse no ámbito dos sentimentos que non facilitan unha discusión construtiva. Para unha parte da esquerda que procede da tradición comunista, o réxime político cubano foi merecedor dun apoio incondicional. Calquera expresión que cuestionase algún aspecto da realidade social da illa caribeña foi descualificada como unha intolerábel equidistancia entre a valoración do poder que administrou o PCC e o sistema político vixente nos EE.UU.
Para esta esquerda, nas décadas anteriores á caída do muro de Berlín (1989), todo encaixaba nun aparente círculo virtuoso: Cuba formaba parte do amplo “campo socialista” que dirixía a URSS. A intervención militar do Exército soviético na Checoslovaquia de 1968 ou a propia traxectoria debuxada polo mandato de Stalin mereceron algunhas dúbidas ou momentáneas manifestacións de desconcerto, que foron esmorecendo grazas ao dominio da versión mais segura e gratificante:o imperialismo ianqui era o principal responsábel de todos os problemas, mesmo dos erros que puidesen existir no “campo” amigo. Cando a URSS e os demais Estados do leste de Europa experimentaron a rápida mutación que deu lugar a unha progresiva implantación das principais lóxicas económicas e políticas vixentes na parte occidental do continente, moitas persoas daquela esquerda comunista xurdida no século XX non foron quen de realizar unha análise sistemática da súa propia tradición ideolóxica e preferiron buscar un refuxio confortante no réxime cubano.
Ten sentido, no actual momento histórico, manter ese conservadorismo mental que impide unha mirada multilateral e sen preconceitos sobre a realidade cubana? Haberá que agardar a que aparezan os “Putin” caribeños que agora son disciplinados membros do aparato do PCC e mañá actuarán como dirixentes de grupos de poder político-económico dispostos a traficar, sen escrúpulos, con mercadorías e persoas invocando o libre mercado e os sagrados beneficios empresariais? Por qué seguir prolongando a indolencia analítica practicada durante tantos anos? Non hai relatos alternativos á coñecida concentración de todas as responsabilidades no imperialismo ianqui?