Recentemente, realicei unha viaxe a Cuba para visitar á familia que teño na illa. Non se tratou, pois, dunha visita turística convencional para percorrer os circuítos establecidos a eses efectos. Tampouco foi a primeira vez: en realidade, comecei as visitas "familiares" no ano 1999 e, posteriormente, repetín a experiencia en diversas ocasións.
Estas circunstancias específicas das miñas estancias permitíronme ter un coñecemento mais achegado á realidade das condicións nas que viven amplos sectores da sociedade cubana sen os condicionamentos asociados ás burbullas que, inevitabelmente, se crean arredor dos emprazamentos turísticos mais tradicionais.
As circunstancias específicas das miñas estancias permitíronme ter un coñecemento mais achegado á realidade das condicións nas que viven amplos sectores da sociedade cubana sen os condicionamentos asociados ás burbullas que, inevitabelmente, se crean arredor dos emprazamentos turísticos mais tradicionais
Nas viaxes realizadas neste período de 25 anos transcorridos dende 1999 existiu un denominador común: foron visíbeis, en diferentes graos, as consecuencias derivadas da perda da relación singular que tiña Cuba coa URSS por mor do derrubamento do sistema soviético rexistrado no inicio da década dos 90 do pasado século. Durante os primeiros 30 anos da Revolución encabezada por Fidel Castro, combináronse dous fenómenos destacados: a forte belixerancia das sucesivas Administracións dos USA (chegando ao intento dunha invasión de mercenarios) e o total aliñamento do réxime cubano co sistema imperante na Unión Soviética. Durante esas décadas, Cuba foi unha peza relevante no taboleiro da chamada "guerra fría" e a súa economía orbitou arredor dunha lóxica comercial preferente coas autoridades do Kremlin. Son ben coñecidos os termos do troco que se rexistraba naqueles momentos e que resultaba nidiamente favorábel ao pais caribeño: azucre, tabaco e café por petróleo (parcialmente revendido, despois, no mercado internacional). Na realidade, a xeopolítica -e a xeografía- explicaban mais a relación de Cuba coa URSS que as lóxicas estritamente económicas. En calquera caso, nese período histórico, a poboación cubana desfrutou dunhas condicións materiais de vida que outorgaban unha forte credibilidade ao sistema político que nacera despois da derrota do réxime de Batista.
O indiscutíbel proceso de privatización dunha parte do aparello produtivo non está proporcionando as melloras que se pretendían na dinámica económica cubana. A recente destitución de Alejandro Gil, ministro de Economía e Planificación, é unha expresión evidente de semellante fracaso
A partir da desaparición da Unión Soviética, a situación virou substancialmente. Agromaron importantes desequilibrios na arquitectura económica cubana e amplos sectores da cidadanía comezaron a padecer serias restricións no aprovisionamento de produtos de primeira necesidade. Os impactos do afundimento do bloque soviético (agravados polo medre das sancións da Administración norteamericana) foron visíbeis na baixada do PIB, na desestruturación do sistema de transporte, na alteración da produción de enerxía eléctrica e nas dificultades para o mantemento do sistema agrario. As autoridades gobernamentais buscaron fórmulas paliativas na década dos anos 90 do pasado século, nomeadamente a través da importación de petróleo dende a nova Venezuela chavista e na aposta por unha forte especialización turística. Algunhas desas medidas contiveron parcialmente o deterioro nas condicións de vida xurdido durante o chamado "período especial" mais non foron capaces de recuperar os niveis de vida das décadas anteriores.
A persistencia dun forte proceso inflacionista está erosionando a confianza de amplos sectores sociais nos responsábeis gobernamentais e ven alimentando unha corrente migratoria -maioritariamente entre segmentos xoves da poboación- cara os USA
Transitando xa polo século XXI, as autoridades cubanas foron conscientes de que tiñan que acometer reformas importantes no seu modelo produtivo. Existían dous países amigos -China e Vietnam- que ofrecían posibilidades de aprendizaxe -e mesmo de imitación- por canto compartían a opción dun sistema político artellado arredor dun partido único -o Partido Comunista- que controla todas as instancias do poder. Poren, este denominador común non tivo unha translación operativa ao eido económico. Fose pola demora e/ou a tibieza coas que foron adoptadas as medidas reformadoras ou polos efectos neutralizadores das vellas inercias acumuladas no funcionamento da economía hipercentralizada existente durante moitas décadas, o certo é que Cuba ofrece unha paisaxe económica moi distinta da que se pode observar nos devanditos países asiáticos. Atribuír esa diferenza, exclusivamente, ao boicot practicado pola Administración norteamericana resulta excesivamente simplista (tendo en conta, ademais, que entre 2012 e 2016, o goberno de Obama promoveu unha liña de maior apertura entre os dous Estados).
A día de hoxe, pode afirmarse que o indiscutíbel proceso de privatización dunha parte do aparello produtivo non está proporcionando as melloras que se pretendían na dinámica económica cubana. A recente destitución de Alejandro Gil, ministro de Economía e Planificación, é unha expresión evidente de semellante fracaso. Ao mesmo tempo, a persistencia dun forte proceso inflacionista está erosionando a confianza de amplos sectores sociais nos responsábeis gobernamentais e ven alimentando unha corrente migratoria -maioritariamente entre segmentos xoves da poboación- cara os USA (algunhas análises estiman unha cifra que se achega ao medio millón de persoas dende o ano 2022) e outros países americanos e europeos. Complementariamente, as dificultades padecidas polos sectores con menor capacidade adquisitiva teñen provocado algunhas protestas espontáneas (sobre todo no verán de 2021 e nos últimos meses do presente ano) que foron reprimidas contundentemente. A carencia dunha oposición interna minimamente organizada non permite habilitar procesos de diálogo e negociación que foran quen de canalizar semellante malestar e desincentivar as fortes tendencias ao éxodo migratorio que se veñen constatando nos últimos anos.
O futuro da illa caribeña presenta mais incógnitas que certezas
Agora, á diferenza do que sucedía hai 40 ou 50 anos, Cuba non figura na axenda das preocupacións prioritarias presentes na xeopolítica latinoamericana. Hai outros países (Brasil, México, Arxentina, Chile, Ecuador, Venezuela...) que veñen ocupando mais atención e debate no ámbito da política internacional. A constatación desta circunstancia permite concluír que o futuro da illa caribeña presenta mais incógnitas que certezas.