Cultivar unha Cultura de Paz

Cartel da edición 2024 do Día Internacional da Paz Dominio Público

Este ano conmemoraremos o Día Internacional da Paz o 21 de Setembro

Este ano conmemoraremos o Día Internacional da Paz o 21 de Setembro, non confundir co Día Escolar da NonViolencia e a Paz, en siglas DENIP, que será o 30 de Xaneiro do vindeiro ano, no aniversario da morte, asasinato, do Mahatma Gandhi.

Pero voltemos ó 21 de Setembro, ó Día Internacional da Paz. Este ano o lema escollido será "Cultivar unha Cultura de Paz" que xunta dous conceptos moi relevantes, a idea do cultivo, da semente, do coidado, e o da Cultura da Paz, diante da cultura do odio, da violencia, daquelo que o seu creador, o profesor Mayor Zaragoza, tanto reiteraba, "fronte da man alzada, a man tendida".

Él foi quen conseguíu, de maneira inesperada, sorpresiva, que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas, a aprobara, en 1999, cando estaba a piques de rematar o seu segundo mandato á fronte da UNESCO. Logo veu o Manifesto 2000 e mesmo unha Década da Cultura da Paz e a NonViolencia para tódolos nenos e nenas do mundo. Qué lonxe quedan eses maravillosos textos!, e qué lonxe dunha realidade de horror para miles e miles de nenos e nenas, en Gaza, e en tantos outros lugares!

Certo que o de Gaza non ten nome, algúns non somos quén de soportarlo, cada día, tódolos días, en vivo e en directo.

Por iso, a idea de cultivar unha Cultura de Paz ven tan a conto.

Moitas persoas están sorprendidas polos resultados das recentes Eleccións Europeas, en particular, polo ascenso das ideas e dos valores da extrema dereita en moitos países de Europa. Quizáis teremos que preguntarnos por qué medran na vella Europa as ideas de odio, discriminación e violencia. Quizáis teña que ver co abandono, coa desidia e o esquecemento dos valores de cidadanía e da cultura da paz, tanto no ámbito familiar como no escolar e universitario.

Quizáis sexa pola presión política, tan forte, en contra dunha materia específica de Cidadanía e Dereitos Humanos, obrigatoria e para todo o alumnado, no sistema educativo. Quizáis.

Se queremos "cultivar unha cultura da paz", sementala, regala, coidala, construíla, cada día e tódolos días, temos que revertir, políticamente, socialmente, o que acontece, superar co currículo, e fora del, a desidia, o abandono, e a rutina, que explican o que está pasando, en España e na vella Europa, esa que tanto presume de ser o núcleo e a orixe da liberdade, da igualdade, da fraternidade e dos Dereitos Humanos no mundo

Non hai moito fun convidado polo amigo e profesor José Antonio Caride Gómez a compartir unha charla co seu alumnado de primeiro na Facultade de Educación, precisamente sobre educación e cultura de paz. Nun momento da charla, na que proxectamos un documental titulado "En son de Paz", do Seminario Galego de Educación para a Paz, que fora finalista dos Premios Mestre Mateo e que recibira varios recoñecementos, entre eles, o de Dereitos Humanos da Generalitat de Cataluña. Non o coñecían, a pesares de que fora distribuído gratuítamente a tódolos colexios e institutos de Galicia. Non o podía creer. E preguntei cántos dos presentes escoitaran ou sabían algo do Seminario Galego de Educación para a Paz que durante máis de 30 anos, desde 1985, fixera enormes esforzos por difundir nos centros escolares e na sociedade os valores da Paz e dos Dereitos Humanos. Había máis de 100 alumnos e alumnas. Ninguén levantou a man. Ningún dos e das presentes tiña a máis mínima idea sobre o que fora e que fixera o Seminario Galego de Educación para a Paz. Creo que é a constatación de todo o que está por facer, non só na USC senón nas escolas e nos institutos. Cánto temos que traballar para difundir, moito máis, os valores da cultura da paz e dos dereitos humanos. Cántas mans son necesarias, cántos recursos institucionais temos que poñer ó servizo da educación e da cidadanía, de maneira sostida, para cambiar positivamente esta situación e para logo non sorprendernos do que vemos na sociedade, nas eleccións e na vida.

Ou será exactamente por iso polo que non existe un compromiso político pola Paz e os Dereitos Humanos?

Se queremos "cultivar unha cultura da paz", sementala, regala, coidala, construíla, cada día e tódolos días, temos que revertir, políticamente, socialmente, o que acontece, superar co currículo, e fora del, a desidia, o abandono, e a rutina, que explican o que está pasando, en España e na vella Europa, esa que tanto presume de ser o núcleo e a orixe da liberdade, da igualdade, da fraternidade e dos Dereitos Humanos no mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.