Pronto se cumprirán 25 anos da aprobación pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en Nova York da Declaración sobre unha Cultura de Paz
Pronto se cumprirán 25 anos da aprobación pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en Nova York da Declaración sobre unha Cultura de Paz, un texto e un programa de acción que se viña traballando na UNESCO desde finais dos anos '80 e no que tivo un papel determinante o profesor Mayor Zaragoza, sétimo director xeral (1987-1999) e anteriormente director xeral adxunto do profesor senegalés Amadou Mahtar M'Bow.
Foi no verán de 1989, un 1° de Xullo, en Yamusukro (Costa do Marfil), cando a UNESCO alumea un primeiro precedente da Cultura de Paz cun magnífico texto titulado "A paz na mente dos homes".
É certo que houbo máis antecedentes pero foi no contexto xeral previo e posterior á caída do Muro de Berlín, tan só uns meses despois, concretamente na noite do 9 de Novembro de 1989 e logo na decisión de Mijail Gorvachov, dous anos despois, de disolver a antiga Unión Soviética (1991), sen unha pinga de sangue!, ese foi o contexto xeral no que a UNESCO, organización supranacional da educación, a ciencia e a cultura, aprobou a primeira gran Declaración Internacional que define xa claramente o concepto de cultura de paz:
..."O Congreso convida os Estados, ás organizacións intergobernamentais e non gobernamentais, ás comunidades científicas, educativas e culturais do mundo e a todos os individuos a contribuír á construción dunha nova concepción da paz, mediante o desenvolvemento dunha cultura da paz, fundada nos valores universais do respecto á vida, a liberdade, a xustiza, a solidariedade, a tolerancia, os dereitos humanos e a igualdade entre homes e mulleres”...
Desde aquela extraordinaria Declaración e por iniciativa persoal do profesor Mayor Zaragoza créase un grupo estable de traballo específico na UNESCO para desenvolver, ampliar e concretar aínda máis o concepto da cultura da paz dotándoo ademais dun plan de acción.
E en 1997 inclúese no quincuaxésimo segundo período de sesións da Asemblea Xeral da ONU. Dous anos despois, hai 25 anos, en 1999, "de maneira certamente "inesperada e sorpresiva" como lembra Federico Mayor, as Nacións Unidas aproban a Declaración Internacional sobre unha Cultura de Paz e o seu máis concreto Plan de Acción que a acompaña.
Ademais do Estado son varias as comunidades que aprobaron leis de fomento da educación e a cultura da paz, na súa lexislación máis concreta, como é o caso de Cataluña ou máis recentemente, en Aragón
Logo, o 2000, declárase como ano da Cultura da Paz, e apróbase tamén o coñecido como Manifesto 2000 elaborado pola Comisión de Premios Nobel da Paz, e mesmo se declara tamén todo un Decenio da Cultura da Paz e a NonViolencia para todos os nenos e nenas do mundo (2000-2010).
Desde aquel momento, a Cultura de Paz foise desenvolvendo e difundindo en moitos ámbitos e territorios. Naceron numerosas cátedras universitarias, seminarios e centros de investigación. Organizáronse numerosos Encontros e Congresos. Aquí tamén. A Cultura da Paz entrou a formar parte do corpo constitucional de varios países, nas lexislacións nacionais e nas autonómicas, nos programas educativos, na formación inicial e permanente do profesorado... e con todo ese esforzo, 25 anos despois, debemos recoñecer que avanzamos moito, sen dúbida, pero é que queda tanto por facer!
En España, a Cultura da Paz, os seus principios e valores, forman parte da nosa lexislación tanto estatal como autonómica. Ademais do Estado son varias as comunidades que aprobaron leis de fomento da educación e a cultura da paz, na súa lexislación máis concreta, como é o caso de Cataluña ou máis recentemente, en Aragón.
A Cultura da Paz, fronte á Cultura da Violencia e a Guerra, segue sendo hoxe, 25 anos despois, unha necesidade urxente e apremiante, nas relacións persoais, entre os estados, a nivel internacional, pero sobre todo na educación, nos sistemas educativos regrados, no ensino primario, na secundaria e na universidade, en particular, na formación inicial e permanente do profesorado
Sinto dicilo, pero dóeme especialmente que Galicia non o fixese cando fomos das primeiras comunidades que presentamos un texto, por iniciativa do Seminario Galego de Educación para a Paz, con ocasión do Foro 2000 que organizamos en Santiago de Compostela e do Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz, ese mesmo ano, cando conxuntamente a daquela Directora Xeral da UNESCO, Irina Bukova, acompañada do ex director xeral Federico Mayor Zaragoza, presentamos un proxecto de lei ao Parlamento Galego que mereceu o apoio de todos os grupos parlamentarios creándose incluso un relatorio conxunto e ... ata hoxe.
Aquela iniciativa seguirá durmindo nalgún arquivo de entradas ou nun caixón do Parlamento Galego, quizais á espera de que Ana Pontón, Xosé Ramón Gómez Besteiro ou o propio Alfonso Rueda a vexan...
O que quero dicir con todo esto é que a Cultura da Paz, fronte á Cultura da Violencia e a Guerra, segue sendo hoxe, 25 anos despois, unha necesidade urxente e apremiante, nas relacións persoais, entre os estados, a nivel internacional, pero sobre todo na educación, nos sistemas educativos regrados, no ensino primario, na secundaria e na universidade, en particular, na formación inicial e permanente do profesorado.
Fíxose moito en 25 anos, desde logo, pero é tanta a faena que nos queda que todas as mans e as axudas institucionais serán poucas para facer realidade os obxectivos e o programa de acción que nos demos -toda a humanidade- en 1999.
Teriamos que volver a vista atrás e lembrar a extraordinaria ilusión coa que a humanidade enteira celebrou a caída do Muro de Berlín, e reclamar, ao fin, os dividendos da paz, aqueles cos que soñamos ao finalizar a Guerra Fría e que tanto nos merecemos como Humanidade
E debemos recoñecer a tantas e tantas persoas que dedicaron a súa vida enteira a difundir os principios e valores da Cultura da Paz e a NonViolencia, empezando polo propio D. Federico Mayor Zaragoza, o seu principal impulsor.
Hoxe, cando estamos a piques de cumprir os 25 anos da aprobación tanto da Declaración Internacional da Cultura da Paz como o seu Programa de Acción na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, cunha vivimos unha guerra de invasión no corazón de Europa, unha vez máis!, con crimes horribles de lesa Humanidade, ou cando vemos desde hai meses un auténtico xenocidio en Gaza, en vivo e en directo, cada día, e tantos e tantos conflitos bélicos esquecidos, que teriamos que volver a vista atrás e lembrar a extraordinaria ilusión coa que a humanidade enteira celebrou a caída do Muro de Berlín, e reclamar, ao fin, os dividendos da paz, aqueles cos que soñamos ao finalizar a Guerra Fría e que tanto nos merecemos como Humanidade. Necesitamos, de novo, recuperar aquel espírito e a ilusión de finais dos anos '90.
Porque nunca é tarde para dar unha oportunidade á paz como cantaba John Lennon e que sexa a palabra a que prevaleza, por fin, sobre a forza e a violencia.