Cultura do Medo, 2ª Emenda e fascinación polas armas

Que terán as escolas, as universidades, os centros de ensino en xeral, nos EE.UU. para que sexan o escenario escollido máis habitual para matanzas provocadas por personalidades enfermas?

Non sei se cada día somos máis fríos, menos emotivos, insensíbeis ou non sei que, pero parece que o mundo, as persoas, acostumámonos a recibir, con matemática precisión, novas do horror humano, de matanzas de escolares nos EE.UU, como a que vén de esnaquizar -para sempre- 27 familias de Connecticut. O mozo responsable, enfermo e fortemente armado, matou 20 cativos de entre 5 e 10 anos, e 7 profesores, entre eles, a súa propia nai, antes de suicidarse.

Que terán as escolas, as universidades, os centros de ensino en xeral, nos EE.UU. para que sexan o escenario escollido máis habitual para matanzas provocadas por personalidades enfermas? Quizais teña que ver coa facilidade de acceso, porque as vítimas son menores indefensos, por ser un territorio infantil ben coñecido, xa que os asasinos con frecuencia estiveron alí escolarizados, ou quizais porque culpan a escola dos seus propios desastres persoais, algo así como un efecto espello, o rostro que ven reflectido horroriza... ou todo a un tempo.

Na campaña electoral pasada, como noutras, foi un tema coidadosamente esquivado polos candidatos, aínda que Obama, en diversas ocasións, prometera avanzar nas políticas de prevención e restrición de armas

En calquera caso, nos EE.UU teñen un gravísimo problema que máis pronto que tarde terán que abordar, colectivamente, con valentía política, con coraxe decidida e que, polo de agora, ninguén foi capaz de afrontar, nin republicanos nin demócratas. Trátase, obviamente, da 2ª Emenda, aquela que garante o dereito individual a portar armas, e que está tan interiorizada na propia historia americana.

Aínda así, a limitación do uso de armas de fogo, as restricións de acceso, especialmente ás de groso calibre ou os fusís de asalto profesionais, por exemplo, poderían ser moito máis eficaces, con prohibicións expresas. Sen embargo, na campaña electoral pasada, como noutras, foi un tema coidadosamente esquivado polos candidatos, aínda que Obama, en diversas ocasións, prometera avanzar nas políticas de prevención e restrición de armas. Confiemos en que, nesta ocasión, sexa posible.

Os intereses acochados na promoción e a venda de armas nos EE.UU. son poderosísimos. As campañas millonarias que destinan cada ano as empresas fabricantes a publicitar a tenencia, uso e venda de armas son extraordinarias

Porque non chega con emocionarse, apelar ós afectos e ós sentimentos, ó futuro segado de 27 persoas inocentes, ó sufrimento e ó horror, mostrando a máxima proximidade para coas familias directamente afectadas. É necesario pero non é suficiente. A política, os presidentes, están para resolver os problemas, para darlles, agora xa, unha solución transitoria na boa dirección, cara a definitiva. E toda a sociedade americana coñece perfectamente cal é o camiño. Aínda que coste recoñecelo. Cantas máis armas e máis mortíferas estean á libre disposición de calquera, enfermo ou non, en tendas e supermercados, mentres a cultura do medo e a das armas sexa promovida intensamente polos propios fabricantes e os media, con apoloxía frenética, como un dos negocios máis rendibles, a violencia verase multiplicada, e outras matanzas de inocentes, como a que vimos de coñecer, lamentablemente, chegarán con puntualidade precisa, cada ano.

Ben sei que non é nada fácil. Os intereses acochados na promoción e a venda de armas nos EE.UU. son poderosísimos. As campañas millonarias que destinan cada ano as empresas fabricantes a publicitar a tenencia, uso e venda de armas son extraordinarias. Como o medo e a inseguridade que fomentan. E a cidadanía americana leva demasiados anos bombardeada e alarmada coa súa propia e individual seguridade.

Enfermos e malvados hainos en todas partes. Asasinos crueis tamén. O que varía, substancialmente, entre os EE.UU e o resto do mundo, son as facilidades para acceder ás armas

En calquera caso, restrinxir as facilidades de acceso ás armas con limitacións severas, impulsar políticas de prevención, cambiar mentalidades con campañas consensuadas, reflexionar colectivamente sobre a vixencia ou non da 2ª Emenda constitucional que foi pensada para unha época ben distinta da actual, e facelo con sentido de Estado, con independencia da política partidaria concreta, resulta imprescindible se de verdade se quere avanzar na resolución dun gravísimo problema nacional que causa máis mortes que as producidas pola propia participación dos EE.UU nas numerosas guerras que promove.

Enfermos e malvados hainos en todas partes. Asasinos crueis tamén. O que varía, substancialmente, entre os EE.UU e o resto do mundo, son as facilidades para acceder ás armas, a fascinación por elas, a cultura da violencia e do medo, tan asentadas, e a errada convicción social de que a inseguridade individual pode resolverse coleccionando (e usando) toda clase de armamento de gatillo fácil.

Ogallá que a matanza de Connecticut sirva para cambiar, dunha vez para sempre, as leis e as mentalidades.

E non estamos a falar de ficción, de películas de Hollywood, de montaxes televisivos, de contos. Trátase da vida de moitas persoas inocentes, anualmente, con matemática precisión, vítimas dunha lei, dunha normativa e dunha 2ª Emenda, que matan, de verdade, roubando para sempre a vida e o futuro.

Ogallá que a matanza de Connecticut sirva para cambiar, dunha vez para sempre, as leis e as mentalidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.