Da fasquía 'kulta' da idiotez

A Manuel Sacristán, indio cherokee. In memoriam.

Qué duda cabe que autodeterminación e independencia son conceptos que arraigan profundamente en los sentimientos. Así, con estas liñas, comeza Francisco Rubio Damián, doutor en socioloxía e mestrado en seguridade global e defensa na universidade de Zaragoza, un seu artigo intitulado Autodeterminación na sección de opinión do diario El País, a 27 de Decembro de 2012.

Alguén, no seu sano xuízo, pode imaxinar algún concepto de filosofía ou socioloxía política que non arraice profundamente nos sentimentos?

Descubriu Roma e viu a lus!: Alguén, no seu sano xuízo, pode imaxinar algún concepto de filosofía ou socioloxía política que non arraice profundamente nos sentimentos? Acto seguido, no final do primeiro parágrafo, despois de recordarnos que a implantación destes conceptos – implantar sona moito mellor que impoñer, abofé, ben sexa a través do poder brando da loita parlamentaria e os media, ben sexa a través do poder duro dos exércitos ou da loita armada – ten un impacto directo en ámbitos sociais e políticos, descubrindo Roma de novo e inclusive o código xenético da momia de Tutankamon, sigue coa leria: El tratamiento racional de la libre determinación de los pueblos también debería prestar atención, entre otros aspectos –non sinala cales, nin tampouco exemplifica con situacions circunstanciais – a sus sólidas bases jurídicas.

Despois de aclarar que autodeterminación e independencia son conceptos que laten na pataquiña das persoas e de que a súa semántica obedece moito aos caprichos e circunstancialidades sociais e políticas – ou dito dun xeito sinxelo, aos caprichos da loita polo cosentimento dende intereses e obxectivos moitas veces antagónicos e irreconciliables -, Francisco Rubio suspira e trata de sair do laberinto confiando no tratamento racional das emocions políticas partindo das sólidas bases xurídicas sobre as que alicerza o principio da libre determinación dos pobos, non vaia ser que caia na conta de que un proceso de autodeterminación, con independencia ou non consumada, tanto pode valer para un roto da patronal como para un descosido eróticamente revolucionario.

O tratamento racional das emocions políticas é boa cousa, sí, abofé que o é. Sobre todo neste país de pijos hipersusceptibles e ignorantes que, ben sacándose por bandeira certo orgullo prole incapaz de porse a pensar, ben saíndo por peteneras cun casposo clasismo, ou ben militando no culturalismo evasivo máis soporífero, non fan máis que dar vergoña allea cada vez que teñen que debatir sobre calqueira affaire político sen repetir lugares comuns e insultos recíprocos a esgalla.

Se temos que sospeitar  das emocions/prexuízos sobre os que alicerzamos as nosas razons políticas, que guía nos queda? A fe? A inspiración romántica? A esperanza?

Mais, con todo, o que Francisco Rubio chama o tratamento racional das emocions políticas, e polo tanto, das emocions sociais, en base ás supostas sólidas bases xurídicas do principio de libre determinación dos pobos, pode devir sen moito esforzo nun totalitarismo de estado xustificado sobre un abstracto formalismo xurídico, a saber : aquel que fai referencia á communitas política que deposita no estado moderno a salvagarda formal dos seus dereitos e liberdades coma unha communitas desprovista de alteridades históricas, sociais, económicas, antropolóxicas, lingüísticas e culturais. Que a razón e a lóxica foron e son instrumentos humanos, demasiado humanos, cos que se chegaron a xustificar – dentro das institucions do estado moderno - as máis bárbaras atrocidades contra o diferente, xa ninguén o dubida, e que, ademais, esas atrocidades xustificadas racional e loxicamente estaban alicerzadas no odio, tampouco.

Entón, qué facer? Se temos que sospeitar do tratamento racional das emocions políticas dentro das institucions estatais cando tal tratamento pode devir totalitario, e se, ademais, temos que sospeitar  das emocions/prexuízos sobre os que alicerzamos as nosas razons políticas, que guía nos queda? A fe? A inspiración romántica? A esperanza? Non; lasciate ogni esperanza. A miña resposta é a seguinte, e é unha resposta heterodoxa sen vontade de ser provocadora : nin a fe, nin a inspiración romántica, mística ou laica, nin a esperanza, solucionan nada. A vontade de saber e a imaxinación, nembargantes, sí pode comezar a rachar cos estereotipos, e ámbalas dúas, a vontade de saber e a imaxinación non son, precisamente, cualidades moi do agrado e moi presentes, nin na política profesional nin na vida cotiá. A xente escapa da imaxinación e da vontade de saber, do coñecemento, da cultura, coma quen escapa do demo: arrímase máis á cultura do entretenimento permanente. Unha especie de síndrome Peter Pan que consiste en querer estar ríndose as 24 horas do día namentres o teu barrio vai enchéndose de famentos.

Tanto a dereita como a esquerda, como categorías que aglutinan a sensibilidades políticas e culturais diversas, teñen a súa propia arquitectura racional e emocional

Creo que deberiamos entender o seguinte, isto é, que tanto a dereita como a esquerda, como categorías que aglutinan a sensibilidades políticas e culturais diversas, teñen a súa propia arquitectura racional e emocional. Ou dito doutro modo: Non é certo ese cansino lugar común que considera que as xentes de dereitas son máis racionais, lóxicas e calculadoras que as xentes de esquerda, que disque son moito máis sensibles e emocionais e ás veces mesmo choran na casa diante do televisor polo desxeo dos casquetes polares. Nao, nao, questo non é vero.

A partícula elemental do conto é a seguinte: tanto as dereitas como as esquerdas, como lugares sociais, mentais e afectivos, pensan e senten. Ámbolos dous son tan racionais e lóxicos coma emocionais, o que acontece é que tanto unha coma outra pensan e sinten de xeitos diferentes e irreconciliables… sinxelamente porque os intereses e os valores que funcionan coma o seu principio activo son radicalmente diferentes e irreconciliables. Nun mesmo sistema social, as camadas máis privilexiadas reproducen socialmente o seu concepto de orde, disciplina, autoridade, educación, liberdade, igualdade… e un longo etcétera de palabras con alto contido histórico e semántico, e polo tanto, afectivo, valorativo. É evidente, así pois, que as camadas sociais menos privilexiadas tirán que chocar día tras día coa descarnada violencia simbólica e institucional da orde, a disciplina, a autoridade, a educación, a liberdade e a igualdade… realmente existentes.

O tan temido conflicto e a discusión son inminentes: para algúns, isto é síntoma de falta de cohesión social, unidade, crispación violenta… and so on. Para min, é sinónimo de saúde e vida democrática, se é ben canalizada

O esencial é reflexionar sobre o feito de que cada vez que unha palabra entra no noso caletre está entrando tamén enerxía social, isto é, ideoloxía en movimento. E non só iso, cada vez que enchemos de contido estas palabras, ou así tratamos de facelo nas prazas públicas, mesmo incluso en relacions persoais, o tan temido conflicto e a discusión son inminentes: para algúns, isto é síntoma de falta de cohesión social, unidade, crispación violenta… and so on. Para min, é sinónimo de saúde e vida democrática, se é ben canalizada. Eppur si muove: non me asusta o conflicto nin a disonancia, o que me asusta é o silencio sutil que non quere mollarse – o silencio é, sempre, responsábel do que cala – e a pose progre autosatisfeita, galega ou castelán falante, utiliza as boas maneiras para evadir o conflicto – tamén é, esta pose, sen dúbida, responsábel, no seu acaramelado desexo evasivo -.

Mais, deixemos a leria e sigámonos centrando no artigo de Francisco Rubio. Despois de acudir ao diccionario da RAE, no que se define o termo autodeterminación como a decisión dos cidadans de un territorio sobre o seu futuro estatuto político, chega á conclusión de que a definición é tan clara e precisa no conceptual coma vaga en lo jurídico. Dito dun xeito sinxelo, que por moi precisa que sexa a semántica do termo de pouco serve sen fundamento xurídico. E velaquí que Francisco Rubio estampa: pues no especifica quienes son los ciudadanos sujetos del derecho de autodeterminación, ni a qué territorio afecta. Precisamente en la delimitación del territorio y, por tanto, de los ciudadanos, radica la clave para aplicar este derecho.

A quen se lle ocurre pensar que é cometido dos diccionarios especificar cales son os cidadans suxeitos do dereito de autodeterminación?

As cabriolas de Francisco Rubio son cómicas, dun eclecticismo patético que só busca alonxarse da cerna da cuestión. A quen se lle ocurre pensar que é cometido dos diccionarios especificar cales son os cidadans suxeitos do dereito de autodeterminación? Non será que, previo exercicio de sensibilidade antropolóxica, histórica e filolóxica polos feitos diferenciais e o seu recoñecimento, terían que ser os mesmos suxeitos - dunha e doutra banda da fronteira, física e mental - identificados con ideais básicos de xustiza social os que asumisen ese feito diferencial?, e non en tanto que conservación dunha idiosincrasia-identidade nacional perenne e inmutable ao longo dos tempos, senon en tanto que recoñecemento previo da DIFERENZA e da ASIMETRIA como requisito previo para encaixar PLURAL E SIMETRICAMENTE á realidade económica, demográfica, lingüística, plurilingüe e pluricultural na common law dun estado plurinacional, povero e culturalmente subalterno, que iso é o que ven sendo, e non outra cousa, este caos político, cultural e institucional chamado España.

Mais, cando non chega con eclecticismo evasivo, sempre poderemos recurrir ao truco de malinterpretar interesadamente ao adversario para criticar os fundamentos dos seus argumentos, ou ben, por suposto, escoller os argumentos dos máis tontos que o acompañan no barco, que sempre os hai. Di Francisco Rubio: El planteamiento preferido por la mayoría de los nacionalistas para resolver la cuestión territorial, es la supuesta existencia –sic- de pueblos muy bien territorializados que disfrutan –sic- de una identidad histórica y cultural propia. Dicho de otro modo, los sujetos del derecho de autodeterminación son los pueblos culturalmente homogéneos –sic- que ocupan territorios bien delimitados sin compartirlos siquiera con minorías diferenciadas.

Cabería contestar, tamén, a Francisco Rubio, que ningún pobo pode existir fóra dun territorio, do mesmo xeito que as linguas tampouco existen fóra dun territorio

Cabería responder a Francisco Rubio que a existencia de pobos con identidade histórica e cultural propia, non só é suposta, senon real, e ningún antropólogo honesto pode discutilo. Ademais, non se trata de disfrutar desa identidade, coma quen vai a un super a consumir un obxecto ou prende a TV para encherse de orgullo nacional cando a nosa casta política fala de identidade cunha superficiliade e un cutrerío intelectual que sobarda. Non, non se trata diso. Se o que aquí escribe é fillo de emigrantes galegos, o único que pode concluir e que é… fillo de emigrantes galegos, sen afán de disfrutar ou poñerse cachondo polo seu descubrimento identitario.

Cabería contestar, tamén, a Francisco Rubio, que ningún pobo pode existir fóra dun territorio, do mesmo xeito que as linguas tampouco existen fóra dun territorio, outra cousa é que as manifestacions materiais e inmateriais dese pobo teñan que circunscribirse a unha xeografía concreta, o cal é imposible, pois tódolos pobos teñen a súa diáspora particular, e polo tanto, a homoxeneidade cultural que Francisco Rubio critica no imaxinario de todos – sic - os nacionalismos non casa cos nacionalistas galegos que asumen a territorialidade, a lingua e a cultura do seu desfragmentado país coma unha territorialidade esencialmente diaspórica que vai collendo elementos alleos na súa viaxe para arriquecer os propios sen necesidade de asimilarse culturalmente á mirada e ás modas estéticas, culturais e políticas da metrópole.

Mais non acaba aquí Francisco Rubio, fíxenxe no ben que memoriza o principio de libre determinación dos pobos consagrado pola ONU, ese principio segundo o cal os pobos teñen dereito a decidir a súa condición política, da mesma maneira que todo estado ten o deber de respetar este dereito. No seu enunciado formal, e aplicado a Galicia, teriamos, xa que logo, o dereito a decidir a nosa condición política e o estado debería respetar este dereito, non sí? Alo menos se se considera que existe algo chamado pobo galego, claro, que xa un pode levarse sorpresas a estas alturas da vida, e pode que xa non sexamos nin un pobo diferenciado, senon motas de pó no noroeste peninsular que só se axitan cando algún yankee ven a filmar os seus westerns ás Dunas de corrubedo. Porque estado, o que se di estado, non temos, non sí?: máis ben temos un parlamentiño con fío musical e telefónico con conexión directa a Madrid, e en Madrid, máis ben, teñen un parlamentiño con fío músical e telefónico con conexión directa a Bruxelas e ao baño de Angela Merkel.

Sigue, porén, Francisco Rubio, coa súa lección maxistral : En concreto, la ONU especifica que el fin de la aplicación del derecho de autodeterminación es poner fin al colonialismo como forma de dominación extranjera que constituye una flagrante denegación de los derechos humanos fundamentales (…..) La autodeterminación es de aplicación exclusiva a colonias o a cualquier otro territorio no autónomo, en tanto que tienen una condición jurídica distinta de la del estado que lo administra.

Presuposición número 1 : O colonialismo só é unha forma de dominación estranxeira. Non se contempla o feito de que os mesmos estados reproducen dinámicas de sobreexplotación de recursos e man de obra nas propias xeografías locais que administra. As famosas teses do colonialismo interno que Xosé Manuel Beiras comezou a popularizar en Galicia despois da súa estancia en Francia, ao parecer, son unha sorte de excéntrica tolemia intelectual.

Presuposición número 2 : Considera que para que exista flagrante negación dos dereitos fundamentais ten que existir necesariamente dominación estranxeira. A realidade é sempre máis caprichosa e complexa que os nosos esquemas mentais; O estado español, sen ir máis lonxe, está hipotecado ás directrices do estado e a banca alemana, e non só negaría os dereitos fundamentais do pobo español se fose falsamente considerado como un todo indisolúbel – non hai máis que observar a vaga constante de visceral represión policial aos cidadans que se organizan para esixir os seus dereitos fundamentais -, que é o que agora acontece, senon que ademais negaría os dereitos fundamentais de moitos galegos que quixeran facer uso do dereito de libre determinación co fin de por freno á sobreexplotación natural e humana xestionada moitas veces coa complicidade da administración estatal. Son capas de subalternidade superpostas: a do pobo galego, poboación inmigrante incluída, perante as súas institucions formais de autogoberno, a dos pobos do Estado español, poboación inmigrante incluída, perante o propio estado, a das mesmas institucions estatais de España perante a banca e o parlamento Alemán. E xa postos, a de tódolos pobos Europeos con respecto aos seus estados e ao supra-estado que privatiza e fagocita tódalas súas instancias formais de autogoberno inseríndoas na lóxica do capital especulativo. Non existe, xa que logo, estructuras coloniais dentro da mesma xeografía histórica que foron tecendo os tradicionais estados-nación en Europa? E non teñen, xa que logo, os pobos de Europa, dereito á súa libre-determinación coa intención de restablecer, como mínimo, a normalidade institucional para poder auto-representárense?

É unha mágoa que Don Francisco non reflexione sobre se os conceptos de representación e democracia, así como colonia ou igualdade, son conceptos que arrigan ou non nos sentimentos

Despois de dar argumento tras argumento para considerar que non existen razóns para aplicar o dereito de libre determinación, a pesares de que tódalas condicions serían fácilmente aplicables a Galicia, Francisco Rubio remata a velada co seguinte pastel:

Resulta evidente (…..) que dentro del estado español no se dan las condiciones necesarias que permitan la aplicación del derecho de libre determinación (….). Por una parte, porque en España no existen territorios colonizados (……) cuyos ciudadanos no estén representados en las instituciones democráticas (….) nacionales en condiciones de igualdad (….). Por otra parte, porque tampoco existen pueblos culturalmente homogéneos (certo, nin sequera o pobo español como destino único no universal), bien diferenciados y perfectamente territorializados.

É unha mágoa que Don Francisco non reflexione sobre se os conceptos de representación e democracia, así como colonia ou igualdade, son conceptos que arrigan ou non nos sentimentos. Ao mellor levámonos unha sorpresa e son termos que deberían tratarse racionalmente despoxándoos de toda a súa carga afectiva, que xa todo pode ser posible neste mundo. É unha mágoa, tamén, que Don Francisco non reflexione sobre cómo cantan eses conceptos na península ibérica a día de hoxe. Máis mágoa é que non caia na conta de que o pobo español non é e nunca foi culturalmente homoxeneo, coma tódolos pobos do planeta, ou que non caia na conta de que tampouco existen pobos perfectamente territorializados dende que a diáspora se converteu, xa hai tempo, na condición social primaria do ser humano. Menos aínda se pode entender cómo é incapaz de percibir a existencia de pobos diferenciados, aínda que non sexan tan perfectamente territorializados como os quixera para lanzarlles a súa crítica nin tan culturalmente homoxeneos como lles gustaría concebilos para xustificar os seus argumentos. Xa se sabe, o vello truco: se tes un inimigo ao que vencer, quédate coas palabras do máis tonto do barco, así poderás defender a existencia de Deus partindo dos argumentos dun ateo analfabeto.

Se tes un inimigo ao que vencer, queda coas palabras do máis tonto do barco, así poderás defender a existencia de Deus partindo dos argumentos dun ateo analfabeto

-Por que o ser humano di máis gilipolleces canta máis kultura acumula?

Deixo que reflexiones sobre esta pregunta, caro lector, porque eu, honestamente, estou posuído pola mesma sensación de misterio ca ti.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.